top of page
Foto del escritorLaura Moure

O delegado do Goberno pide á Xunta un compromiso equivalente na xestión dos fondos "sen precedentes"

Reúnese cos alcaldes de Agolada, Silleda e Vila de Cruces e coa alcaldesa de Forcarei e anuncia 3,6 millóns de euros para estes catro municipios


Laura Moure/Deza

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reafirmou hoxe a alianza do Goberno de Pedro Sánchez cos concellos de Galicia e o apoio aos gobernos locais na prestación de servizos públicos de calidade, independentemente do tamaño do municipio. Reiterou o compromiso municipalista do Goberno nunha visita a concellos da comarca de Deza, na que estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. En concreto, foi no Concello de Silleda, onde ambos mantiveron unha reunión coa alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, e cos alcaldes de Silleda, Manuel Cuíña; Agolada, Luís Calvo; e Vila de Cruces, Luís Taboada, para repasar a cooperación do Goberno cos seus municipios, coñecer as súas demandas e presentar novas liñas de investimento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

“Imos da man dos concellos para a súa imprescindible transformación dixital, enerxética, sostible e de atracción de poboación a través dun novo modelo económico”, sinalou, á vez que detallou as liñas de colaboración do Goberno con estes catro municipios e que suman 3,6 millóns de euros de investimentos directos en mellora da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, conectividade dixital e igualdade.


Nesta colaboración destacan os fondos dedicados a mellorar a sustentabilidade e a dixitalización: 641.575 euros para renovación da iluminación municipal en Vila de Cruces; 681.593 euros para mobilidade peonil en Silleda; 814.056 euros para humanización da praza Juan Salgueiro en Bandeira (Silleda); e 160.296 euros para eficiencia enerxética da iluminación pública en Forcarei, entre outros. Ademais, o Goberno promoverá a dotación de banda ancha de acceso a Internet de alta velocidade en máis de 3.500 vivendas e empresas dos catro municipios, grazas ao Programa UNICO.


Tras o encontro, José Miñones reivindicou o papel de aliado dos municipios que asume o Goberno de España e como esta colaboración baséase en feitos que se reflicten nos orzamentos e no plan de recuperación: “Un goberno de acción que chega a todo o territorio, co obxectivo de avanzar na cohesión territorial e na igualdade de oportunidades entre as cidades, as vilas e o rural".

Pídolles que sumen e que fagan chegar os fondos a todo o territorio sen distincións, de forma equitativa, xusta e transparente

O delegado do Goberno pediu á Xunta un compromiso equivalente na xestión dos fondos “sen precedentes” que recibe do Goberno de España no marco do Plan de Recuperación: “A Xunta xestiona o 60% dos fondos do Plan de Recuperación xa despregados en Galicia, máis de mil millóns de euros que dependen xa da xestión autonómica. Pídolles que sumen e que fagan chegar os fondos a todo o territorio sen distincións, de forma equitativa, xusta e transparente”. O delegado contrapuxo a actuación do Goberno autonómico con outras administracións territoriais, como é a Deputación. No caso da comarca de Deza o Goberno tamén inviste en colaboración coa Deputación de Pontevedra, en concreto, con dous millóns de euros para o desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. “O Goberno de Pedro Sánchez estase remangando no territorio para suplir o abandono da Xunta aos pequenos concellos”, insistiu.


Proxectos de eficiencia enerxética e mobilidade sostible

Ademais da reunión con alcaldes e alcaldesa, José Miñones e Maica Larriba visitaron os proxectos que financia o Goberno na comarca. Neste caso, dous investimentos impulsados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. En concreto, antes do encontro, supervisaron no concello de Vila de Cruces o proxecto de renovación da iluminación pública municipal. Vila de Cruces recibiu máis de 640.000 euros de fondos estatais para poder cambiar as luminarias e subtituirlas por outras máis eficientes energéticamente, reducindo o consumo e a facturación eléctrica. O segundo proxecto localízase no concello de Silleda, e oriéntase cara á mobilidade sostible. En Bandeira, o Goberno local está a realizar a humanización e mellora da praza Juan Salgueiro e a súa contorna cunha axuda estatal de máis de 810.000 euros.


Visita a Vila de Cruces

No día de hoxe o alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, tamén recibiu no seu Consistorio a Miñones. Esta foi unha visita institucional a petición do rexedor "tras o maltrato sufrido nos últimos presupostos pola Xunta de Galicia, gobernada nestes momentos polo PP. Xa Taboada fixo varias declaracións nos medios de comunicación demostrando estar insatisfeito coa forma de traballar dos dirixentes do PP", lembra o Concello.


Así mesmo, reitera que Taboada "leva anos sufrindo o desprezo da Xunta de Galicia nos seus orzamentos e nas inversións realizadas no concello de Vila de Cruces", e máis segundo Taboada, "pódese comprobar que isto xa viña de atrás, porque cando gobernaba o PP Vila de Cruces non tiña practicamente inversións da Xunta con respecto dos seus veciños, algo que eu herdei, pero que non estou disposto a compartir, e por suposto como xa dixen nos medios de comunicacións eu estou e estarei sempre a favor do rural e necesitamos moitas inversións para sacalo adiante e mantelo. Estamos traballando para darlle un cambio a Vila de Cruces, tivemos que loitar cunha pandemia e cunha nova crise. O que non teño que facer é calar porque non pertenzo o PP como Otero que aínda que non lle deran nada tiña que estar caladiño para non molestar o PP”, recrimina o mandatario.

Por este motivo e outros no día de hoxe Taboada trasladoulle ao delegado do Goberno

en Galicia as inquietudes "desta forma de actuar da Xunta de Galicia e a forma que teñen de repartir os fondos de todos os galegos e galegas". E por iso solicita que os fondos europeos, "sexan outorgados a través da Delegación do Goberno para non seguir sufrindo a discriminación habitual da Xunta de Galicia".


Tamén aproveitou para solicitar que se poña un cartel informativo da saída de Vila de Cruces na AP-53, que desde que a fixeron non mencionan a este concello. "E claro está que se lle solicitou tamén que medie no Goberno Central para que esta autopista sexa máis económica".


NOTICIAS RELACIONADAS:




0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page