top of page

Luis López defende os investimentos da Xunta na Comarca de Deza

Aclara que Silleda, Vila de Cruces, Agolada e Forcarei "teñen agora en marcha accións por 4,5 millóns de euros"


Laura Moure/Deza

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, defendeu hoxe os Orzamentos Autonómicos 2023 e os investimentos que, ano a ano, se realizan nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes e aclarou que os municipios de Silleda, Vila de Cruces, Agolada e Forcarei teñen, agora mesmo, actuacións en marcha por máis de 4,5 millóns de euros financiadas integramente polo Goberno galego.

“Unha cousa son os orzamentos e outra os investimentos que, como todo o mundo sabe, son millonarios por parte da Xunta nestes catro concellos, xa que somos a administración pública que máis inviste, de longo, nestes municipios”, apostillou o representante autonómico, que puxo como exemplo que, só os fondos para as obras da concentración parcelaria de Oleiros (Silleda), duplican a partida que o concello trasdezá recibe do plan provincial.

Luis López.

“Os Orzamentos da Xunta inclúen de xeito nominal numerosos investimentos, pero moitos deles adoitan ser proxectos programados de corte plurianual ou pertencentes a servizos ou infraestruturas de índole comarcal e por iso soen referirse ás localidades de cabeceira. Nos Orzamentos 2023 para O Salnés, Vilagarcía, por esta condición, supera os 10 millóns e Sanxenxo apenas queda con 1,4 millóns, co cal creo que se desmonta por completo a teoría do partidismo e da conspiración e de ver pantasmas e persecucións onde non as hai”, aclarou Luis López.

O delegado territorial reiterou que os Orzamentos da Xunta para Deza e Tabeirós-Montes “son moi bos, con 35 millóns de partida, moitos dos cales beneficiarán a toda a zona, como o CIS de Lalín ou os servizos de Medio Rural, entre outros, pero ben seguro que van medrar ao longo do ano tanto en Lalín como na Estrada e nos outros seis municipios”.

Por elo e polos fondos que reciben cada ano da Xunta de Galicia, o representante autonómico asegurou “non entender nin compartir as críticas dos catro alcaldes, cos que teñen unha boa relación institucional e, nalgún caso, ata persoal, agás que se enmarquen en accións mediáticas partidistas propias do perído preelectoral que vivimos cara as eleccións municipais”. Ao respecto, engadiu que “eles mesmos renuncian a fondos e investimentos da Xunta, por exemplo en materia de emprego, xa que nin sequera solicitan os obradoiros, como si fan os demais concellos da zona, o que supón unha partida de máis de 500.000 euros por cada un deles”.

“Hai moitos máis plans, ordes e liñas autonómicas ás que estes catro concellos non concorren e iso é desbotarse dos investimentos da Xunta, polo que quero lembrarlles que o momento de pedir as cousas é cando corresponde, cando se abren os prazos, porque é moi fácil botar balóns fóra e culpar á Xunta despois de que non fixeran as solicitudes e proxectos correspondentes”, sinalou Luis López.

Ao respecto, desglosou que o Concello de Silleda ten na actualidade en marcha a mellora da estrada PO-201 Silleda-Laro cun investimento de 600.000 euros, a seguinte fase da parcelaria de Oleiros con case 1,5 millóns de euros, a posta en marcha do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego para o norte da provincia que arranca cunha achega mínima de 120.000 euros, a partida de 250.000 euros para a construción do novo consistorio ou o proxecto para a creación dunha pasarela sobre o río Ulla cara Boqueixón, entre outras.

“Discrepo absolutamente de que a mellora da estrada de Laro sexa un parche, xa que se fai unha actuación completa que corrixe as eivas onde están e que é similar a que fan outras administracións en situacións similares e sobre as que non escoito nada. E con respecto aos baños do colexio, é certo que hai intención de facelos, pero as prioridades e o cronograma das actuacións determínanse en base a criterios técnicos e aos fondos existentes cada ano”, apostillou.

En Vila de Cruces estase a desenvolver, con máis dun millón de euros, a modernización da estrada PO-960 ata Ponte Ledesma e activouse o proxecto para a restauración do Mosteiro de Camanzo con 273.000 euros, ao que hai que engadir os máis de 300.000 euros anuais que o Concello recibe do Fondo de Cooperación Local ou as melloras na competencia municipal de abastecemento realizadas co Fondo de Compensación Ambiental (FCA), entre moitas outras.

Pola súa banda, en Forcarei está a piques de adxudicarse “o proxecto educativo máis importante do ano” para o norte da provincia con 792.000 euros para a reforma integral dos colexios públicos Nosa Señora das Dores e de Soutelo, pero as actuacións tamén se extenden aos parques empresariais, zonas de lecer como as Pontes do Lérez ou o Candán, a mellora de pistas e camiños rurais ou as actuacións en abastecemento e recollida de lixo financiadas polo FCA.

Finalmente, en Agolada, que o delegado lembrou que perdeu 60.000 euros do Plan Marco por non executalo, preténdese mellorar o colexio cunha reforma da calefacción e a dotación dunha pista multideporte, mentres se estuda o arranxo das fiestras ou a renovación do ximnasio.


Nóminas de persoal

“A Xunta de Galicia investíu, sen contar as nóminas do persoal autonómico, máis de 40 millóns de euros en infraestruturas, equipamentos e servizos que están inventariados e auditados nestes catro concellos nos últimos tres anos, polo que creo que as cifras falan claramente da nosa aposta e do noso compromiso para a mellora da calidade de vida dos seus 19.438 veciños”, concluíu Luis López.


NOTICIAS RELACIONADAS:


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page