top of page
Perruquería Marisa.gif

Agolada, Silleda, Cruces e Forcarei queixaranse ante o goberno de España polos presupostos da Xunta

Os catro Concellos presentarán de maneira individual e tamén colectiva alegacións aos mesmos ao sentirse marxinados por non ser do Partido Popular


Laura Moure/Deza

O Consistorio de Silleda acolleu este mércores unha rolda de prensa dos alcaldes de Silleda, Manuel Cuíña; de Agolada, Luis Calvo; de Vila de Cruces, Luis Taboada, e da alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel. O motivo mostrar conxuntamente o seu malestar polos presupostos da Xunta do vindeiro ano 2023 e anunciar medidas. Estes catro concellos, que non están gobernados polo Partido Popular, obterán cero ou escasos fondos da administración autonómica durante o vindeiro ano. Ante isto, anuncian que presentarán, tanto individualmente como de maneira colectiva, alegacións a ditos presupostos. "A ver se así conseguimos que se nos teñan en conta", recalca o rexedor silledense. E tamén dicidiron que os catro mandatarios solicitarán unha reunión co delegado do goberno de España para trasladarlles o que está facendo o ente autonómico.

Calvo, Cuíña, Pichel e Taboada este mércores en Silleda.

"O goberno de España está canalizando os fondos europeos que estamos recibindo maioritariamente a través das Autonomías polo que ante esta situación debe articular algún tipo de filtro para todos os fondos que chegan á Xunta de Galicia esta non os reparte sen discrecionalidade e que coñezan así esta situación de primeira man", explica Cuíña. "Non podemos permitir nos mundos que estamos e nunha democracia que se castigue aos veciños simplemente pola súa forma de votar. Eu pregúntome que estariamos dicindo todos se o goberno de España castigara clarisimamente a Galicia porque os veciños lle votan ao Partido Popular. Aquí simplemente se está castigando a unha veciñanza por votar ao alcalde ou alcaldesa que cren que é conveniente e que mellor o fai para o seu pobo. Eses foron tempos", insiste o rexedor de Trasdeza.


Durante as súas intervencións cada mandatario deu conta das actuacións que levan reclamando á Xunta e tamén do malestar e da sensación de discriminación que senten: parcelarias como a de Oleiros (Silleda) e as pendentes en Agolada; viais; colexios como o de Silleda e os de Vila de Cruces... E recalcaron que en extensión este catro municipios en conxunto son iguais que Lalín e A Estrada, os máis grandes das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.


Cuiña tamén avanzou que lle recriminará esta repartición ao conselleiro e Cultura e Educación, Román Rodríguez, durante un acto que terá lugar nuns días na Bandeira.


NOTICIAS RELACIONADAS:





172 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page