top of page

Os alcaldes de Agolada, Silleda e Vila de Cruces consideran unha humillación os orzamentos da Xunta

Actualizado: 22 oct 2022

Laura Moure/Comarca de Deza

A Xunta de Galicia informou este xoves da inversión inicial na Comarca de Deza no proxecto de Orzamentos 2023. ( A repartición por concellos no enlace https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-inclue-unhas-inversi%C3%B3ns-iniciaies-por-35-7-m-para-as-comarcas-de-deza-e-tabeir%C3%B3s-montes). Ante esta nova os alcaldes de Agolada, Silleda e Vila de Cruces, que non son do PP, expresan o seu malestar.

Luis Calvo, Manuel Cuíña e Luis Taboada.

DECLARACIÓNS DE LUIS CALVO, ALCALDE DE AGOLADA

Pertence ao Partido Anticorrupción e Justicia

"CONSTERNACIÓN E TRISTEZA sinto, pero tamén sinto tristeza por quen está gobernada a Xunta de Galicia dado que non son conscientes do que están facendo... Cando vemos as maniobras que se gastan algúns políticos ( por chamarlles dalgunha maneira ). Practican a partitocracia e isto é peor que a máis grande das dictaduras e queren que se lles chame políticos!!!!!!

Pero señores gobernantes da Xunta de Galicia eu son o Alcalde de Agolada pero ganei este posto eu, que nadie me puxo a dedo tal e como estades acostumados a facer. O Partido Anticorrupción Y Justicia chegará a Xunta e sei que agora xa non facedes risa de nós, porque tedes medo que desmontemos o chiringuito tal e como fixemos no Concello de Agolada. Poñeremos orden institucional e faremos xusticia social cun reparto equitativoxa que en Agolada, Vila de Cruces e Silleda tamén vive xente e si forades personas con sentido común deberiades telas en conta !!!!

20'6 millons de € destinados pola Xunta para o 2.023 e máis do 99% van destinados a Lalín, Rodeiro e Dozón. Vós os gobernantes da Xunta pensades que a xente de Lalín, Rodeiro e Dozón está dacordo con este reparto? Tamén vos digo que hai que ter a cara moi pero muy dura para dar Agolada, Vila de Cruces e Silleda 73.000 euros para os tres Concellos en un ano...

Nós estamos traballando codo con codo coa Deputación de Pontevedra e respetamos a quen nos respeta, pero señores da Xunta de Galicia grandes imperios caeron, caeu o imperio Romano, caeu o imperio Cartaginés e vostedes non teñan ningunha dúbida que tamén caerán".


DECLARACIÓNS DE MANUEL CUÍÑA, ALCALDE DE SILLEDA

Pertence ao PSOE

"Humillación, escarnio e electoralismo máis que descarado". Así define o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, o trato ao municipio que se desprende do orzamento da Xunta de Galicia para o ano 2023. “Levamos anos así, con investimentos nulos ou pírricos, pero esa humillación toca teito agora con estes orzamentos”, sinala o rexedor advertindo que hai investimentos en Silleda que non poden agardar.


Neste senso, o alcalde refírese ás melloras no CEIP de Silleda, “onde máis de 350 alumnos siguen utilizando os mesmos aseos que utilizaron no seu día seus pais, e case seus avós”. Cuiña lembra que se trata dun dos centros con máis alumnado de toda a comarca, “no que pouco máis que se foron facendo parches nos últimos anos nun centro que depende da Xunta, unha Xunta que volve a esquecerse da necesaria mellora dos equipamentos educativos de Silleda”.


O alcalde lembra que en maio de 2021, “hai un ano e medio, o conselleiro veu a anunciar un investimento que, se ben era a todas luces insuficiente, aínda nin se executou totalmente”. Daquela anunciouse un investimento de 280.000 euros para os tres centros públicos do municipio, sendo a mellora das cubertas dos dous CEIPS e sobre todo a reforma dos baños do de Silleda o máis apremiante nun centro construido hai máis de 50 anos.


“Seguimos agardando as actuacións nos CEIP, nos baños, nas cubertas, no tantas veces prometido patio cuberto, e se cabe con máis preocupación ao non figurar nin un só céntimo nestes orzamentos”, sentencia aclarando que o goberno municipal que no seu día propuxo facer un novo colexio para Silleda “seguirá reclamando, se fai falta todos os meses que se actúe dunha vez para que os nenos e nenas de Silleda estudien nas mesmas condicións que o fan o resto dos da comarca, nalgún caso ca sorte de ter instalacións novas”, engadiu.


Cuiña reitera que xa dende o ano 2014 o goberno de Silleda, a través de enmedas do grupo socialista vén demandando que a Educación en Silleda figure nos orzamentos da Xunta. “É case desesperante ver con un ano sí e outro tamén se pasan por alto actuacións tan necesarias como estas”, engade.


Sanidade

Ademais do ámbito educativo, na Sanidade, “que é outra das clave para a cidadanía, tampouco se sabe nada do comprometido traspaso do centro de saúde da Bandeira á Xunta, “outra competencia impropia dos Concellos que estamos asumindo dende as entidades locais coma a de Silleda, ninguneadas dende unha Administración que actúa claramente con directrices políticas”. Esta actitude contrasta ca coherencia de Concellos como Silleda e Vila de Cruces, que ao igual que aconteceu durante a pandemia, están a apoiar estes días con personal municipal a campaña de vacinación no centro de saúde da capital trasdezana, para ofrecer o mellor servizo a veciñanza.


“O máis esperpéntico xa é que Silleda figure xunto a outros municipios nunha partida para obradoiros de Emprego, actuación que non se fixo dende 2016 porque afortunadamente os datos de desemprego no noso municipio son tan bos que non cumprimos a ratio para acoller estas iniciativas”, sinala o alcalde.


Vías autonómicas e parcelaria de Oleiros

Alén da Fundación Semana Verde, que semella a única preocupación autonómica en Silleda, e da axuda á redacción do PXOM, o investimento da Xunta volve ser nulo en Silleda. “É lamentable que actuacións como as que se están acometendo a día de hoxe no vial Silleda-Laro non sexan máis ambiciosas, e que o investimento na concentración da parcelaria da parrquia de Oleiros deixe moito que desexar respecto a outros previstos en municipios gobernados polo Partido Popular”, esgrime o rexedor.


A Xunta de Galicia volve esquecerse doutra causa pendente con Silleda: o cámping de Medelo. “Dende 2013 vimos reclamando unha solución para un edificio que é da Xunta e que está totalmente esquecido, abandonado e nunha situación de perigo da que vimos alertando sen éxito”. “Esto é máis do mesmo pero cunha gota que está colmando o vaso. Somos o segundo municipio máis grande en poboación da comarca do Deza. Pero o último da fila en investimentos autonómicos. A veciñanza de Silleda non se merece este trato tan sectario e humillante”.

Cuiña lembra que esta actitude contrata ca de Administracións como a da Deputación de Pontevedra, cun trato igualitario “goberne quen goberne nos municipios”. “De non ser por ter os investimentos que nos corresponden do Plan Concellos, ou das subvencións que estamos a recibir a través de fondos europeos convocados polo Goberno central como a que se fará na praza da Bandeira, pouco poderiamos facer cas migallas que nos chegan dende San Caetano”, engade.


“Todo ten un límite. Dende este goberno seguiremos reivindicando melloras nos servizos e infraestruturas para a veciñanza de Silleda. Pese a quen lle pese. Vivimos nunha sociedade onde o este tipo de sectarismos deberían de estar superados, pero lamentablemente volven os tempos escuros”, sentencia.


DECLARACIÓNS DE LUIS TABOADA, ALCALDE DE VILA DE CRUCES

Pertence ao partido Xuntos polo Noso Concello

"Acabamos de coñecer os novos orzamentos da Xunta de Galicia para o 2023 na Comarca do Deza, na que se atopa situada o concello de Vila de Cruces. Como xa mencionaba no principio do ano o alcalde Taboada, os investimentos da Xunta de Galicia para esta vila eran nefastas e lembra que mentres outros concellos tiñan investimentos millonarios, en Vila de Cruces os investimentos previstos foron soamente 300.000 euros para o mosteiro de San Salvador de Camanzo e 85.000 euros para unha das estradas do polígono, desatendendo todas as demais peticións realizadas, e o peor de todo é que se calculamos que os investimentos foron de 385.000 euros e son máis de 5.000 habitantes sae un investimento de 77 euros por habitante, algo ridículo para un concello con 28 parroquias e unha ampla extensión que cubrir, sobre todo cando, se nos tratasen como aos nosos veciños, teríannos que adxudicar máis de 5.000.000 de euros.


Pois este ano a Xunta superouse e outorgou a Vila de Cruces un investimento de 73.000 para compartir con Silleda e a Agolada, é dicir que tocan menos de 25.000 euros, ou o que vén sendo menos de 5 euros por habitante, algo que roza o insulto. E Luís Taboada pregúntase ¿como pode ser posible que en pleno século XXI sigan sucedendo estas cacicadas, con premeditación e sen ningún tipo de rubor ante unha inxustiza manifesta?, e insiste en que ¿se para os dirixentes da Xunta, os votos dos veciños e veciñas de Vila de Cruces non serven para nada? E despois terán a pouca vergoña de pedir o voto nas próximas autonómicas".


Por certo nestes momentos, recalca que "non ve ningún movemento, nin manifestación no PP de Cruces diante esta inxustiza", pero segundo Julio López, tenente de alcalde, “xa hai tempo que Otero no PP non curta nin ata, e este tipo de actuacións ratifícao porque está a maltratar aos seus votantes e por conseguinte a todos os demais veciños e veciñas, se non é capaz de defender aos seus votantes, menos poderá defenden a Vila de Cruces, pero que non se preocupen que Xuntos conseguiremos saír adiante e espero que a próxima vez que Otero diga que non facemos investimentos, lembre os 5 euros que nos dan os seus compañeiros de partido.”


Segundo Taboada, “esquecéronse de que en Vila de Cruces hai máis de 5.500 veciños e veciñas que tamén votaron nas anteriores eleccións á Xunta de Galicia e non os respectaron ao longo destes anos e espero que a próxima vez que teñamos que acudir ás urnas lembremos como nos tratan.”




0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page