O programa «Vémonos no Camiño» pecha o ciclo cunha andaina de Bandeira a Ponte Ulla o día 7
Hai 34 prazas dispoñibles e habilitarase unha lista de espera
Laura Moure/Silleda
O programa «Vémonos no Camiño», da man da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, pechará o vindeiro sábado, 7 de novembro, o seu ciclo de andainas cunha ruta de 13,54 quilómetros entre Bandeira e Ponte Ulla. A xornada combinará tamén patrimonio e convivencia, cunha visita ao Pazo de Oca e un pícnic en Casa Victorino. A andaina comezará ás 10:00 horas en Bandeira e o horario previsto para o desenvolvemento da actividade será de 10:00 a 16:00 horas.

Para facilitar a participación, a organización habilitará varios puntos de recollida en autobús. As saídas están previstas ás 08:00 horas en Monforte de Lemos, ás 08:30 horas en Chantada, ás 09:00 horas en Lalín, ás 09:20 horas en Silleda e ás 09:30 horas en Bandeira.
PUBLICIDADE
A actividade conta cun total de 34 prazas. As persoas interesadas en participar deben cubrir un formulario para anotarse na andaina. O envío da solicitude non implica a confirmación da praza, que será comunicada pola organización. No formulario tamén se pode consultar a información relativa aos puntos de encontro e aos detalles da participación.
PUBLICIDADE
Con esta última ruta, o programa da entidade, da que tamén forma parte o Concello de Silleda, pon o broche ao ciclo promovendo o coñecemento do territorio, o patrimonio e os distintos tramos do Camiño de Inverno, ao tempo que fomenta a práctica de actividade física e a convivencia entre as persoas participantes.
Máis información: secretariaamcaminoinvierno@gmail.com









Comentarios