Segundo os datos confirmados ata o momento, as vítimas mortais son tres de Agolada, aínda que dúas vivían en Lalín, e nesta última localidade tamén residía outra das falecidas
Ecos da Comarca/Xeral
O 112 Galicia acaba de informar (ás 17:00 horas) de que acaban de localizar ao oitavo membro da pasaxe do autocar accidentado en Cerdedo-Cotobade. O resultado deste tráxico sinistro son: seis falecidos e dous feridos.
"Os equipos de emerxencias confirman que foron rescatadas todas as persoas que estaban desaparecidas. Así, moitos comezan a retirarse do punto".
As vítimas
A primeira hora da mañá ECOS DA COMARCA daba en exclusiva que unha das vítimas, que xa fora rescatada de madrugada, era veciña da parroquia agoladesa de Carmoega. Mercedes collera o autobús en Lalín, ante as condicións metereolóxicas adversas, para ir pasar a Noiteboa a Pontevedra xunto a uns familiares. Ten preto de 60 anos e dous fillos.
Pola tarde, tamén informabamos da identidade doutras dúas vítimas. A traxedia volveu cebarse co concello agoladés porque aínda que elas residían actualmente en Lalín, son naturais da Feira Nova, na parroquia agoladesa de Brántega, onde en anos pasados rexentaba un bar na súa propia casa. Trátase dun fillo duns 40 anos e a súa nai, duns 70, que tamén se dirixían a Pontevedra a celebrar esta data cun irmao e fillo respectivamente.
Por último, tiñamos que dar conta dunha persoa moi querida entre o alumnado da comarca de Deza. Guada, unha docente duns 40 anos, tamén perdía a vida neste triste suceso. El é da zona de Lugo, pero residía en Lalín e tiña dous fillos menores. Na actualidade, daba clases nun instituto de Carballiño. A comunidade educativa está consternada.
O resto de vítimas mortais son un mozo de 21 anos de Nigrán e unha muller de Soutomaior. Mentres os feridos, son os o condutor, duns 60 anos e de Vigo, e unha muller de Ponteareas.
Declaracións do presidente da Xunta
"Estiven no lugar do accidente en Cerdedo-Cotobade para animar e dar as gracias aos efectivos de seguridade e emergencias pola súa profesionalidade e entrega. Levan alí desde o minuto 1 nun día e condicións moi difíciles. As miñas condolencias aos familiares das víctimas", indicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se desprazou ata o lugar dos feitos xunto a outros membros do seu equipo.
COMUNICADO DO ALCALDE DE CERDEDO COTOBADE
A NOITEBOA E O NADAL MÁIS TRISTE DAS NOSAS VIDAS
Os servizos de emerxencia rematan os labores de localización de todos os pasaxeiros que viaxaban no autobús sinistrado en Pedre. Súmome ás mostras de tristeza e conmoción polo accidente ocorrido a pasada noite, que nos tivo en vilo durante horas coa esperanza de atopar o maior número de persoas con vida, e envío desde aquí o noso afecto e solidariedade coas familias das vítimas deste durísimo accidente.
Quero agradecer o labor impagable dos voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade, así como de todos os medios de emerxencias e Garda Civil que desde o primeiro momento estiveron ao fronte deste perigoso e dificilisimo operativo sen escatimar un so esforzo para recuperar ás persoas que viaxaban no autobús de Monbus.
Tamén quero facer constar o meu agradecemento aos meus compañeiros do grupo de goberno: Lurdes, Chufi e Agustín, que estiveron acompañándome durante toda a noite de onte e a xornada de hoxe e que viviron, coma min, a angustia no medio desta traxedia agardando que dun momento alentando a esperanza dun final positivo.
Os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade lembraremos con pesar, o resto das nosas vidas, a traxedia desta Noiteboa e deste Nadal. Grazas ao presidente Alfonso Rueda, ao vicepresidente Diego Calvo, ao delegado da Xunta, Luís López, e á subdelegada do Goberno, Maica Larriba, polas vosas mostras de interese e preocupación e por terse achegado ata o lugar do accidente.
NOTICIA RELACIONADA:
Comments