Hai outra persoa falecida e o vehículo realizaba o traxecto entre Monterroso e Vigo
Ecos da Comarca/Xeral
En breves instantes, retómanse os traballos para a busca e rescate doutros pasaxeiros a bordo do autocar, que caeu ao río por unha ponte da N-541, en Pedre (Cerdedo-Cotobade) onte pasados uns minutos das nove da noite. Catro persoas xa foron rescatadas e entre elas dúas falecidas. Unha das persoas que perdeu a vida é de Agolada. Tal e como confirman fontes próximas á vítima, trátase dunha muller da parroquia de Carmoega que ía pasar a Noiteboa a Pontevedra coa familia.

Tal e como informa o 112 Galicia, as tarefas deberon suspenderse polas malas condicións: un elevado caudal do Lérez, moita corrente e un nivel de auga no interior do autocar que xa tocaba o teito do vehículo.
Antes de interromper os labores de rescate, os equipos de emerxencias lograron rescatar a catro persoas, das cales dúas resultaron falecidas. Entre os superviventes, o condutor do autobús e un dos pasaxeiros.
Sen embargo, no autocar ían máis pasaxeiros, polo que, en apenas uns minutos, bombeiros e efectivos de grupos de emerxencias volverán ao escenario dos feitos, Pedre, para proseguir coa busca de persoas. Probablemente, se unirán máis medios e recursos, pois seguramente se necesite inspeccionar o cauce do río e as súas marxes.
Trátase dun tráxico accidente, que coincide coa celebración da Noiteboa, e que require dun complexísimo rescate, como xa foi durante as primeiras horas do sinistro: unha liña de vida (un dispositivo empregado polos bombeiros, que permite a suxeición en lugares elevados) logrou sacar ao condutor do autobús e un pasaxeiro. Cómpre indicar que o vehículo saíuse da vía e caeu pola ponte a uns 75 metros de profundidade. Isto engadido a unhas condicións climáticas adversas e o caudal do río nos seus máximos, complicaba cada vez máis as tarefas dos equipos de emerxencias.
Con todo, puideron sacar a catro persoas, aínda que non todas con vida. As dúas persoas que saíron vivas xa foron evacuadas ao Hospital Clínico de Santiago e a Montecelo, en Pontevedra.
A primeira chamada de aviso ao 112 Galicia: un alertador que observou a barreira de protección da vía destrozada Os xestores do 112 Galicia recibiron información sobre o accidente pasados 19 minutos das nove da noite de onte. A primeira chamada que se atende é dun alertador que observa a barreira de protección da estrada completamente destrozada, e asegura que iso só podería darse se un vehículo caese por alí. Sen embargo, asomábase e non vía nada, pero parecía algo recente, polo que invitaba a seguir buscando. Con estes datos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron os protocolos correspondentes para a mobilización dos seguintes recursos: Bombeiros do Deza, GES da Estrada, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Protección Civil da localidade, Garda Civil de Tráfico, persoal de mantemento do Ministerio de Fomento como titular da vía e, en prealerta, os Bombeiros de Pontevedra, que, pouco despois, uníronse ao dispositivo.
A seguinte chamada ao 112 chega desde o interior do autobús Xa con estas accións en marcha, o 112 Galicia recibe novas chamadas de alerta sobre o sinistro. Esta vez, desde o interior do autocar. Desta maneira, coñecéronse novos datos, como que o vehículo da empresa Monbus realizaba o traxecto entre Monterroso e Vigo, e que tras caer ao río o habitáculo comezábase a encher de auga. Sobre o número total de pasaxeiros, pouco se puido precisar, entre seis e oito. Así e todo, o operativo estaba en marcha e os labores de rescate permitiron localizar a catro persoas, das cales dúas apareceron sen vida.
Agora, os traballos céntranse en seguir buscando, polo que non se descarta que se acheguen medios máis especializados.
NOTICIA RELACIONADA:
Comments