O delegado da Xunta en Pontevedra cualifica a comparecencia do delegado do Goberno cos alcaldes de Silleda, Vila de Cruces, Forcarei e Agolada “dun acto político impropio de representantes institucionais no que se faltou á verdade”
Laura Moure/Deza
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, vén de esixirlle ao Goberno de España que teña “alomenos o mesmo compromiso” que o Executivo galego cos concellos rurais e do interior da bisbarra do Deza tras cualificar a comparecencia do luns do delegado do Goberno, José Miñones, cos alcaldes de Silleda, Vila de Cruces, Forcarei e Agolada “dun acto político e partidista impropio de representantes institucionais no que se faltou gravemente á verdade”.

“O refraneiro é sabio e sostén que 'dime de que presumes e direiche de que careces', polo que dicir insistentemente que o Goberno de España é un aliado dos concellos, vai da súa man, que Pedro Sánchez se remanga polo Deza e que aposta polos municipios rurais é unha sobreactuación que non nos importa moito, pero cando a empregan para negar os evidentes e millonarios investimentos da Xunta nestes catro municipios convértese en algo que non imos consentir”, manifestou o representante autonómico.
“A Xunta é quen máis inviste de longo nestes concellos, con máis de 40 millóns de euros en infraestruturas, equipamentos e servizos nos últimos tres anos, polo que adicamos máis diñeiro que todas as demais administracións xuntas”, deixou claro o delegado territorial, que admitíu que os investimentos en Silleda, Vila de Cruces, Forcarei e Agolada “están aí para ver, pero en todo caso acéptolles aos alcaldes e ao delegado gubernamental que opinen se lle parecen moito ou pouco, porque dende a Xunta tamén opinamos dos do Goberno central, que no Deza e en toda Galicia son pírricos, lamentables e totalmente insuficientes”.
Respecto ao filtro para a concesión de fondos europeos solicitado polos alcaldes, explicou que o que deben pedir é que se aplique este suposto filtro ao Goberno de España, “que discrimina a Galicia claramente con respecto a outras comunidades, algo que é medible e non é opinable, supoñemos que para soster o seu difícil equilibrio”.
Ademais, lamentou que o delegado do Goberno veña a anunciar uns investimentos para uns alumeados e dúas humanizacións “e o venda como un fito” e pediulles aos catro alcaldes que o acompañaron na comparecencia “que sexan igual de valentes co Goberno de España e fagan o mesmo que cara a Xunta reclamándolle a Madrid todo o que ten sen facer no Deza, que é moito e que sería necesario para complementar os investimentos autonómicos”. Neste senso, citou o enlace da autoestrada AP-53 en Lamela; a implantación áxil da fibra óptica e das conexións de alta velocidade a Internet, “que son unhas infraestruturas, tecnolóxicas neste caso, fundamentais no século XXI para traballar e vivir”, tras anos de retraso; o arranxo das estradas nacionais N-525, N-640 e N-541 que están nun pésimo estado; ou os recurtes en servizos como o transporte público, correos ou seguridade, entre moitos outros.
Luis López tamén quixo lamentar os ataques do alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, que cre que “rozan o surrealismo”. Así, recalcou que a Xunta está atendendo agora mesmo todas as súas peticións, xa que están en obras a estrada de Laro e a concentración parcelaria de Oleiros, está comprometido o financiamento para o novo consistorio e estase redactando o proxecto para o mellora dos colexios “cunha mellora bastante máis ambiciosa da que el mesmo pediu”. “Non lle admito que fale de caciquismo e de partidismo con estes feitos que acabo de poñer sobre a mesa e cando el ten que pedirlle socorro a un compañeiro de partido que vén co traxe de delegado do Goberno”, manifestou o delegado territorial.
Finalmente, tamén mostrou o seu asombro porque a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, aplauda que o Goberno lle outorgue só 160.000 euros para eficiencia enerxética, “pero critique impostadamente á Xunta cando é a mesma contía que se lle dá só coa partida do Fondo de Compensación Ambiental”.
Ademais, lamentou que fale de investimentos cero, “porque é completamente falso, xa que somos a administración que máis inviste con 8 millóns nos últimos tres anos e o saben todos os forcaricenses”, e que os pida concretamente en educación, “cando en Forcarei a Xunta acaba de adxudicar en máis de 700.000 euros a obra educativa máis importante do norte da provincia para a reforma integral dos dous colexios”.
NOTICIAS RELACIONADAS:
(Fondos destinados aos concellos de Deza). https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-inclue-unhas-inversi%C3%B3ns-iniciaies-por-35-7-m-para-as-comarcas-de-deza-e-tabeir%C3%B3s-montes
(Malestar dos alcaldes de Agolada, Silleda e Vila de Cruces polo reparto) https://www.ecosdacomarca.com/post/os-alcaldes-de-agolada-silleda-e-vila-de-cruces-consideran-unha-humillaci%C3%B3n-os-orzamentos-da-xunta
( O BNG considera inxusto o reparto en Deza) https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-esixe-un-reparto-dos-orzamentos-da-xunta-equitativo-e-non-discriminatorio-en-deza
(Malestar do PSOE de Melide e aplauso do PP desta localidade polos presupostos). https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-marxina-a-melide-nos-orzamentos-para-o-ano-2023-lamenta-o-psoe-da-localidade
(Actuacións que levarán a cabo os Concellos de Agolada, Silleda, Vila de Cruces e Forcarei antes os presupostos) https://www.ecosdacomarca.com/post/agolada-silleda-cruces-e-forcarei-queixaranse-ante-o-goberno-de-espa%C3%B1a-polos-presupostos-da-xunta
(Xustificación do delegado territorial en Pontevedra sobre as inversións en Deza): https://www.ecosdacomarca.com/post/luis-l%C3%B3pez-defende-os-investimentos-da-xunta-na-comarca-de-deza
Réplica dos alcaldes de Silleda e Agolada https://www.ecosdacomarca.com/post/cui%C3%B1a-pide-a-l%C3%B3pez-que-aclare-as-prioridades-para-non-ter-reformado-integralmente-o-ceip-de-silleda
Crítica do PSOE de Touro polos orzamentos https://www.ecosdacomarca.com/post/o-psoe-de-touro-critica-que-os-orzamentos-da-xunta-para-2023-discriminan-aos-veci%C3%B1os-do-concello
O delegado do goberno en España reúnese cos alcaldes de Agolada, Silleda e Vila de Cruces e coa rexedora de Forcarei e critica o reparto de fondos da Xunta.
Comments