Ecos da Comarca/Xeral
Os Bombeiros Comarcais puxeron fin a concentración no obradoiro comezada o pasado 15 de decembro. Agora queren agradecer a toda a xente de Santiago de Compostela, que lles fixo esta máis levadeira.
O seu comunicado:
"Desde o Comité de Folga de Bombeiros Comarcais de Galicia, en representación do Colectivo ao que representamos quixeramos facer público o noso agradecemento á veciñanza do Concello de Santiago que día a día, durante as 35 xornadas que nos mantivemos na praza do Obradoiro (coas súas 34 noites), nos amosou todo o seu apoio e comprensión.
Publicidade
Queremos facer tamén un agradecemento extensivo aos empregados do pazo de Raxoi (tanto Concello como Xunta), que tiveron que sortearnos polas mañás, as veces aínda con nós dentro dos sacos de durmir antes de comezar as súas xornadas. Queremos de xeito particular agradecer á Policía Local de Santiago o seu trato, respecto e compresión co noso colectivo. A alcaldía pola súa paciencia e ás concellerías ás que demos algún que outro quebradeiro.
Logo destas xornadas sabemos que a Berenguela dá os cuartos de xeito incansable, día e noite. Sabemos que os soportais de Raxoi reciben calquera son ou ruído da Praza e que no medio da noite o amplifican. Sabemos que estando neles os camións do lixo no medio da madrugada, parece que che van a atropelar mentres durmes no chan. Agradecer as panxoliñas a golpe de punteiro... Quen tivera pulmóns como os dos insufribles incansables gaiteiros do Arco de Xelmirez! Agradecemento tamén ao persoal de URBASER que decidiu non atropelarnos cada noite coas súas infernais e ruidosas máquinas a golpe de mangueira a presión.
Publicidade
Non marchamos do Obradoiro porque teñamos resolto o noso conflito. Marchamos porque xa puidemos falar con toda a veciñanza que por alí pasou. Con turistas, peregrinos, visitantes, curiosos... O que tiñamos previsto xa está feito. Agora toca cambiar o rumbo. Teremos que mudar o lapis e o papel, onde recollemos tantas e tantas sinaturas, polos cascos e as luvas. Teremos que seguir na loita para acadar unha solución ao problema que temos, e que ten toda a cidadanía á que atendemos.
Tres bombeiros por quenda, para atender 12 concellos de media, con varios polígonos industriais, accidentes, incendios, rescates... 1.230€ ao mes e 1.800 horas efectivas de traballo ao ano. Está claro que o día que se fixeron as contas, fixéronse pensando noutros... porque en nós, non. Como explicabamos á xente cada día no Obradoiro: sabemos que imos a traballar, pero non sabemos se imos volver a casa coas familias.
Publicidade
Agora é o momento de facernos escoitar. De que se nos preste a atención que merecemos e iremos a onde sexa preciso, por iso non podemos continuar en Compostela, pero sempre estaremos agradecidos de ter vivido a oportunidade de durmir con mellores vistas que os hóspedes do Hostal dos Reis Católicos (con peor calefacción tamén), agradecidos de ter a oportunidade de expoñer a nosa situación á xente e recibir o calor da súa comprensión.
Continuamos na loita con novos folgos.
Grazas, grazas e grazas.
O Comité de Folga de Bombeiros Comarcais de Galicia
NOTICIAS RELACIONADAS:
"O accidente mortal de Melide evidencia unha vez máis a actitude neglixente que están a ter Xunta e Deputación": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-accidente-mortal-de-melide-evidencia-unha-vez-m%C3%A1is-a-actitude-neglixente-que-est%C3%A1n-a-ter-xunta-e
O Parque de Bombeiros de Arzúa continuará cerrado hoxe, martes 26, por segundo día consecutivo: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-parque-de-bombeiros-de-arz%C3%BAa-continuar%C3%A1-cerrado-hoxe-martes-26-por-segundo-d%C3%ADa-consecutivo
O alcalde de Melide móstralle o seu apoio aos Bombeiros de Arzúa: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-alcalde-de-melide-m%C3%B3stralle-o-seu-apoio-aos-bombeiros-de-arz%C3%BAa
O goberno de Arzúa trasládalle ao Parque de Bombeiros o seu apoio na loita de mellores condicións: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-goberno-de-arz%C3%BAa-trasl%C3%A1dalle-ao-parque-de-bombeiros-o-seu-apoio-na-loita-de-mellores-condici%C3%B3ns
Entrevista a José Luis Pareja, membro Comité de Folga: https://www.ecosdacomarca.com/post/entrevista-a-jos%C3%A9-luis-pareja-membro-do-comit%C3%A9-de-folga-dos-bombeiros-comarcais
Os bombeiros comarcais denuncian "a instalación ilegal de cámaras de videovixiancia no interior dos parques": https://www.ecosdacomarca.com/post/os-bombeiros-comarcais-denuncian-a-instalaci%C3%B3n-ilegal-de-c%C3%A1maras-de-videovixiancia-no-interior-dos
Sen solución o conflito: https://www.ecosdacomarca.com/post/sen-soluci%C3%B3n-no-conflito-dos-bombeiros-comarcais-de-galicia
Comments