Pontón apela en Palas a concentrar o voto galego no BNG para frear calquera posibilidade de resucitar Altri
Ecos da Comarca/Palas de Rei
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu onte en Palas de Rei concentrar o voto galego no BNG para frear nas urnas calquera posibilidade de resucitar Altri. “A papeleta do PP é a de Altri, a do BNG é a de Non a Altri”, proclamou nun acto xunto á cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, no que tamén participaron a candidata pola comarca, Inma Castro, e o cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego.
Pontón destacou que foi a forza da xente a que paralizou o proxecto tras seis anos de loita contra a macrocelulosa. Quixo facer especial mención á Plataforma Ulloa Viva, a quen felicitou por ser un exemplo que, dixo, “representa o mellor do noso País enfrontándose á bomba ambiental que lo PP quería colocar no corazón de Galiza".

Subliñou que o fundamental para deter o proxecto foi a mobilización da xente: as grandes manifestacións e os centos de pequenas accións de protesta. "Cando un País se une é invencible", afirmou, sinalando que a loita contra Altri forma xa parte da historia de Galicia, "unha nova aldea gala, outro David que vence a Goliat". Lembrou ademais que a batalla institucional contou co BNG "sempre en primeira liña", dos concellos ao Parlamento Europeo.
Porén, a líder nacionalista advertiu que a batalla non rematou, porque a Xunta do PP "manobrou para manter o proxecto vivo e recuperalo cando as circunstancias lle sexan favorables. Por iso, defendeu que o 29N a escolla é clara: A papeleta do PP é a papeleta de Altri, a do BNG é a de non a Altri".
PUBLICIDADE
Neste punto, a portavoz nacional do BNG incidiu en que foi a forza da xente a que paralizou o proxecto e pediu concentrar" o voto de dignidade no BNG, para conseguir algo histórico: que Olalla Rodil sexa a primeira deputada nacionalista por Lugo e leve ao Congreso a dignidade, a rabia e a vitalidade desta comarca”, proclamou.
Ante a etiqueta de "os do non" que o PP lle aplica constantemente ao BNG, Pontón respondeu: “Estamos orgullos de Ser os do non a Altri, igual que dicimos non á Guerra. Porque son dúas causas xustas. Porque dicir non a Altri é dicir si a Galiza, si á xente do mar, si ao río Ulla, si á ría de Arousa”, argumentou.
Pontón quixo recordar, cara a estes comicios, que, "ademais de querer colocar unha bomba ambiental no corazón de Galicia, nos seus 14 anos de goberno na Xunta, Feijóo triplicou a débeda pública, desmantelou a sanidade pública deste País e recortou en educación".
"Desmantelamentos e recortes aos que se enfrontou a cidadanía galega saíndo ás rúas do País, tamén para reclamar que a vivenda non sexa un luxo, que traballar sexa garantía de chegar a fin de mes ou para que a mocidade non teña que emigrar. Tamén apoiando unha folga xeral, demostrando que o pobo galego non é calado nin submiso. E o BNG sempre estivo con esa sociedade que non cala ante as inxustizas sociais, o desmatelamento do público ou o espolio do País", salientou.
Recordou que a ilusión e esperanza coa que comezou esta campaña, non pode quedar nas rúas, “ten que chegar ás urnas o 29N cun apoio histórico ao BNG”. Para conseguilo, chamou a militancia a mobilizarse, falar con todo o mundo e facer campaña na rúa e nas redes.
Rodil: “Que a forza imparable do pobo galego se transforme en votos para o BNG”
Pola súa banda, Olalla Rodil pediu o voto para o BNG para que a Comarca da Ulloa, Lugo e Galicia teñan unha voz firme e forte para defendelas. “Pídovos que este 29 de novembro esa forza imparable do pobo galego se transforme en votos do Bloque Nacionalista Galego, para darlle unha voz firme e forte a este País e a Lugo no Congreso dos Deputados. Unha voz firme na defensa deste País e da comarca da Ulloa”, proclamou.
A cabeza de lista por Lugo puxo en valor en Palas de Rei o carácter traballador, honesto, combativo e cunha profunda conciencia ambiental do pobo galego, ao que lle doe a terra e que a defende “con uñas e dentes”. “Vímolo aquí, nesta comarca, na loita contra o proxecto de Altri, contra esa bomba ambiental; pero esa foi unha loita tamén a favor de Galiza, da vida e da auga, do presente e do futuro do noso País”, manifestou.
Recordou ademais que a forza ese pobo combativo xa se viu cando se enfrontou á central nuclear que querían instalar en Xove, na loita do pobo de Navia contra o Encoro, na loita das Encrobas ou nas mulleres de Guísamo, plantándolle cara aos bulldozers da AP-9. Tamén en Nunca Máis e na mobilización contra o espolio eólico.
Rego: “A única política industrial do PP foi promover a macrocelulosa Altri”
O cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, descualificou a Rueda por ser o “adaíl de Altri” e pediu “non baixar a garda” porque “poden volver reactivar o proxecto” “Hai que paralos nas urnas o 29-N votando ao BNG”, emprazou, ao tempo que amosou a necesidade de seguir mobilizándose contra a macrocelulosa.
PUBLICIDADE
“Hai que continuar mobilizándose porque este proxecto, paralizado grazas á incansábel presión social, pode ser reactivado por un Goberno do PP coa ultra dereita, outorgándolle fondos públicos para a súa implantación ou mudaando o Plan de Enerxía para permitir a construción das infraestruturas que permitan alimentar de electricidade o proxecto”.
Neste sentido, deixou claro que “a única política industrial do PP foi promover a macrocelulosa de Altri” e “algún día terán que explica o acordo secreto que teñen con esta empresa”.
Néstor Rego animou a “votar ao BNG porque é a única forza que se opuxo radicalmente a Altri, sen escusas nin voltas porque sabiamos do impacto e da desfeita que podía facer no medio ambiente, no marisqueo, no agro. A única opción que garante que non haberá Altris na Galiza é o BNG”, por iso, recalcou, “acudide o 29N a votar tamén contra os proxectos depredadores e contaminantes. Contra o espolio dos nosos recursos. Votade ao BNG, concluíu.









Comentarios