top of page

Veciñanza de Melide pide paralizar as obras para evitar o "dano irreversible" na tosta de Don Antonio

1 sept
4 min de lectura

Ecos da Comarca/Melide

Veciñanza de Melide concentrouse onte pola tarde diante do Consistorio en defensa da presa de Don Antonio, situada en Furelos, e evitar que, este elemento que forma parte do Patrimonio deste municipio, sexa substituído por unha comporta de aceiro e formigón. Solicita a paralización dunhas obras, que están previstas para este mes setembro, "e que causarían un dano irreversible ao noso patrimonio, ademais de perder a posibilidade de poñer en valor un conxunto hidráulico preindustrial cun enorme valor cultural, nun entorno privilexiado", destaca.


Manifesto lido durante a concentración de onte

"Veciñas e veciños. Concentrámonos aquí hoxe sendo conscientes do lamentable estado do río Furelos, e en concreto da nosa praia fluvial, que levamos presenciando, para vergoña das nosas administracións, dende fai máis de 20 anos. A praia fluvial do Furelos ten 2 problemas diferentes, por un lado a contaminación das augas e, por outro, a acumulación de lodos.

A concentración onte, luns. Autor: Qy Quiñoy.
A concentración onte, luns. Autor: Qy Quiñoy.

A contaminación das augas é debida a vertidos puntuais, que se poden constatar coas analíticas realizadas polos técnicos de saúde pública, e que levaron a que este este ano retiraran a praia fluvial do Furelos do censo oficial de zonas de baño de Galicia. A acumulación de lodos é debida a que toda presa precisa dun sistema de desaugue, que debe permanecer aberto no inverno, para que o sedimento que trae o río, especialmente cando corre moita auga, poda continuar río abaixo.


A presa de Don Antonio, da que todos temos felices recordos, con augas e fondos limpos, presumía dun estado excelente cando funcionaba o muíño de Ludivina, porque o mesma canle de derivación se encargaba de dar saída a eses sedimentos. Esta presa, ademais, conta co amparo da lei de Patrimonio de Galicia. O ensanchamento da praia fluvial alá polos 90, aportou unha zona especialmente problemática de sedimentación, que tivo que soportar durante algún ano incluso a excentricidade de colocar area nesa beira do río.


Para provocar corrente de auga nesa área, colocouse unha comporta augas abaixo desta, que ten a función tamén de desaugar a presa. Así, a presa de Don Antonio, ten actualmente 2 comportas. A que vai augas abaixo, na zona de ensanchamento, máis a que vai cara o muíño. Se estiveran ben mantidas e foran ben utilizadas, funcionarían perfectamente para desaugar no inverno evitando a acumulación de lodos. O certo é que, por uns motivos ou por outros, estas comportas levan moitos anos sen funcionar correctamente, e daqueles sedimentos, estes lodos.


Este verán decatámonos pola prensa de que por fin a Administración poñía solución a esta vergoña colectiva. O que menos contabamos era que a solución era tirar máis da metade da presa e colocar unha macro comporta de aceiro sobre unha mole de formigón. Cos datos que temos do proxecto podemos dicir, que esta comporta nova non aporta unha maior capacidade para baixar o nivel de embalse, da que xa ten o sistema actual de 2 comportas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O que si aporta é unha perda de patrimonio irreversible, unhas necesidades de mantemento moito maiores que as comportas actuais e uns riscos de avarías e incluso de accidentes moi considerable. A nova comporta é unha comporta enorme de aceiro, que normalmente estaría aberta. Durante todo o inverno os cilindros oleohidráulicos, que a teñen que levantar por medio dunha bomba trifásica, estarían baixo a auga e baixo todo o que traia con ela. Cando chega xullo, eses cilindros, ese circuíto de aceite e esa liña eléctrica, que deben estar en perfecto estado, teñen que levantar a comporta para facilitar a zona de baño. Imaxinade o mantemento que require esta instalación para o seu correcto funcionamento.


E agora comprobade o mantemento que lle fixo durante os últimos anos á canle do muíño e ás comportas. Podedes comparalos porque o responsable sería o mesmo. Supoñamos que todo funciona correctamente, e a comporta consegue pecharse no verán. Agora xa temos unha presa na que se bañan maiores e nenos, que poden estar á beira da mesma.


Agora imaxinade que hai un fallo eléctrico, unha fuga de aceite ou un desequilibrio no asentamento e a comporta abre de repente. O de menos xa sería quedar sen a zona de baño en pleno verán, o peor serían os danos físicos que podería ocasionar. Entón, para rematar xa, quérennos tirar a presa, que leva aí 150 anos, para poñer outra comporta que non aporta nada respecto do que se pode conseguir coas comportas que xa temos, pero que nos pode ocasionar unha chea de problemas, incluso de gravidade.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A nosa proposta é que se limpe a canle que vai ao muiño, para empregala como o desaugadoiro da presa, que é para o que se deseñou orixinalmente, que se recupere e mellore o sistema actual de comportas, que poden ser manuais perfectamente, e que se garanta que estas permanezan abertas todo o inverno, para manter limpo o embalse. Así de doado. Tamén pedimos encarecidamente que se actúe de forma urxente contra os vertidos que contaminan a auga, e se recupere o status de zona de baño oficial.


Estamos aquí porque este absurdo proxecto de Augas de Galicia recibiu un informe favorable do noso Concello. Pedímoslles aos nosos representantes políticos que recoñezan o seu erro e soliciten a paralización dunhas obras, que están previstas para setembro e que causarían un dano irreversible ao noso patrimonio, ademais de perder a posibilidade de poñer en valor un conxunto hidráulico preindustrial cun enorme valor cultural, nun entorno privilexiado.


Hai alternativa: QUEREMOS UN RÍO LIMPO E A PRESA ILESA".


NOTICIAS RELACIONADAS:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page