A Asociación Melidá convoca unha manifestación para o día 22 para defender a presa de Don Antonio
Solicitou unha reunión coa Corporación Municipal para coñecer todos os detalles das obras que se están levando a cabo na Área Recreativa de Furelos
Ecos da Comarca/Melide
A Asociación Cultural e Veciñal Melidá alerta da posible demolición da presa de Don Antonio, situada na praia fluvial de Furelos, no marco das obras anunciadas para este espazo. Segundo sinala o colectivo, a documentación oficial da licitación dunha comporta, localizada na Plataforma de Contratación do Sector Público, contemplaría a demolición desta infraestrutura, que conta con arredor de 150 anos de historia.
Desde a asociación consideran especialmente preocupante que a presa forme parte do patrimonio etnográfico local e estea, segundo indican, protexida pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Defenden que a infraestrutura está "totalmente integrada na nosa cultura, nas nosas tradicións e na nosa identidade" e cuestionan que se contemple a súa desaparición.

O colectivo tamén denuncia a falta de información por parte do Concello de Melide. Segundo explican, levan cinco semanas solicitando información sobre as actuacións previstas na praia fluvial e aseguran que a resposta municipal foi que non dispoñían de documentación ao respecto.
A Asociación Melidá considera que, de ser así, debería terse actuado para paralizar as obras, xa que tanto a praia fluvial como a presa serían responsabilidade municipal, mentres que a xestión do río corresponde a Augas de Galicia.
PUBLICIDADE
A asociación critica tamén que a información sobre o proxecto non fose trasladada á veciñanza "dun xeito eficaz" durante a súa tramitación, o que, ao seu xuízo, tería impedido presentar as alegacións que considerasen oportunas. O colectivo afirma ademais que o Concello de Melide non presentou alegacións ao respecto.
Ante esta situación, hai dous días presentaron no Concello un escrito no que solicitan que, no prazo de sete días naturais, se convoque unha reunión co alcalde e cos concelleiros de todas as formacións con representación municipal. A reunión, segundo a petición, debería ser aberta á veciñanza e servir para coñecer a posición de cada grupo político sobre o futuro da presa.
PUBLICIDADE
Mentres agardan por explicacións, a Asociación Melidá chama á participación veciñal para defender o que consideran parte do patrimonio histórico e cultural de Melide.
Para iso convocaron un acto o sábado 22 de agosto, ás 18:30 horas, na praia fluvial de Furelos, coincidindo co Día do Río.
A entidade anima á veciñanza a participar e expresa a súa preocupación ante a posibilidade de que unha infraestrutura con século e medio de historia desapareza como consecuencia das actuacións previstas no contorno da praia fluvial.
PUBLICIDADE
Desde a asociación aseguran que continuarán difundindo información sobre o proxecto e reclamando transparencia por parte das administracións implicadas.
NOTICIAS RELACIONADAS:
A Asociación Cultural e Veciñal Melidá alerta do “perigo de desaparición” da presa da praia de Furelos: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-asociaci%C3%B3n-cultural-e-veci%C3%B1al-melid%C3%A1-alerta-do-perigo-de-desaparici%C3%B3n-da-presa-da-praia-de-furel
A Asociación Cultural e Veciñal Melidá recolle sinaturas para defender a presa de Don Antonio: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-asociaci%C3%B3n-cultural-e-veci%C3%B1al-melid%C3%A1-recolle-sinaturas-para-defender-a-presa-de-don-antonio
A Asociación Cultural e Veciñal Melidá xa recolleu 700 sinaturas para defender a presa de Don Antonio: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-asociaci%C3%B3n-cultural-e-veci%C3%B1al-melid%C3%A1-xa-recolleu-700-sinaturas-para-defender-a-presa-de-don-antoni










Comentarios