A Xunta destina 210.000 euros á mellora da praia fluvial do río Furelos, en Melide
- ecosdacomarca

- 21 jun
- 3 min de lectura
O PP enxalza este investimento e reclama novamente ao Concello a apertura inminente
das piscinas exteriores
Ecos da Comarca/Melide
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo este sábado en valor o investimento de 210.000 euros que a Xunta está destinando á mellora da conectividade fluvial do río Furelos, no Concello de Melide, co obxectivo de reducir a acumulación de lamas e sedimentos na contorna da praia e recuperar a funcionalidade ambiental e recreativa deste espazo.
Segundo dixo Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou onte as actuacións xa acometidas, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dá resposta a unha demanda da veciñanza e dos pescadores xa que con estas obras permitirán tanto recuperar a dinámica fluvial no río como evitar a persistencia de sedimentos e lodos acumulados na zona de baño durante os meses de verán.

De feito, a primeira fase desta actuación, que vén de concluír, consistiu na retirada de lodos na bacía do río ao seu paso pola praia fluvial. Agora paralizaranse os traballos para non interferir coas actividades que se desenvolven neste espazo durante a época estival e a previsión é que se retomen a finais do mes de setembro.
Así, as obras, que contan con financiamento europeo a través dos Fondos Feder, continuarán despois do verán co obxectivo de que estean rematadas en novembro. Nesta segunda fase, executaranse, entre outras, a instalación dunha comporta abatible de aceiro inoxidable, que permitirá a conectividade do río e posibilitará o uso recreativo en época estival, habilitando o encoro para zona de baño. Esta comporta estará aberta a maior parte do ano hidrolóxico.
PUBLICIDADE
Tamén se construirá unha escala de peixes para cando estea pechada a comporta co fin de dotar de continuidade fluvial ao río. Estas estruturas están deseñadas para permitir que os peixes sorteen obstáculos artificiais nos ríos e teñen un papel fundamental na recuperación das poboacións piscícolas.
Para concluír, a conselleira indicou que esta intervención integral acometida pola Xunta permitirá poñer en valor unha zona cun importante valor natural a través da mellora das infraestruturas hidráulicas e das instalacións da praia fluvial.
Pola súa banda, O PP de Melide amosa a o seu agradecemento e satisfacción ante as actuacións levadas a cabo por Augas de Galicia para mellorar a zona de baño do río e insiste en pedir ao Goberno local que abra de inmediato as piscinas exteriores ante a vaga de calor das vindeiras semanas. "Toda vez que Augas de Galicia levou a cabo este investimento ante a inacción do Goberno local por atallar esta problemática e a pesar de ser unha competencia estritamente municipal, pedimos agora que o Concello faga os seus deberes: reclamamos novamente a apertura inminente das piscinas exteriores de Furelos".
PUBLICIDADE
E sinala que despois "de que reclamaramos esta apertura hai escasos días, o Goberno local saíu, como é habitual, a excusarse e botar balóns fóra. Alegan que non poden abrir as piscinas por culpa das obras que estaba a executar Augas de Galicia, a pesar de
desenvolverse nunha zona afastada das piscinas e cun perímetro perfectamente
valado. Pedimos ao Goberno de Pérez que deixe de botar balóns fóra: puido abrir as piscinas perfectamente aínda levándose a cabo os traballos de mellora no río, pero máis aínda unha vez concluida dita obra. Preguntámonos que excusa terá hoxe o Concello de Melide para non abrir as piscinas mañá mesmo”, recalcan dende o PP de Melide.
Así pois, apunta que "mentres unha administración leva a cabo investimentos que son competencia do Concello, a administración local non é capaz de abrir as piscinas exteriores ante a vaga de calor que levamos vivindo nas últimas semanas e a previsión de máximas temperaturas de cara a vindeira semana".
NOTICIAS RELACIONADAS:
O PP de Melide reclama a apertura inminente das piscinas exteriores da área recreativa de Furelos: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-melide-reclama-a-apertura-inminente-das-piscinas-exteriores-da-%C3%A1rea-recreativa-de-furelos
O Goberno local de Melide lamenta que ao PP "non lle preocupe a seguridade dos usuarios de Furelos": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-goberno-local-de-melide-lamenta-que-ao-pp-non-lle-preocupe-a-seguridade-dos-usuarios-de-furelos








Comentarios