Taboada mantivo conversas con diversos organismos para financiar o arranxo da ponte da Balsiña
- ecosdacomarca
- hace 4 horas
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O goberno local de Vila de Cruces volve pronunciarse sobre o peche da ponte da Balsiña, en Toiriz. Neste caso, pronúnciase tras as declaracións do PP e do BNG e tamén das da veciña que reside neste lugar.
"Ante as últimas declaracións por parte da oposición do PP e BNG de Vila de Cruces sobre a urxente reparación da Ponte da Balsiña (Toiriz), dende o equipo de goberno deste concello queren destacar o seguinte:
"Debemos administrar as arcas municipais con absoluta responsabilidade financeira. Por iso parécenos totalmente incomprensible que por parte dun partido que estivo gobernou 29 anos en Vila de Cruces, non saiba como hai que administrar os fondos do Concello. De acordo coas últimas averiguacións realizadas polo alcalde, Luís Taboada, debemos agradecer a actuación do exalcalde de Agolada, xa que de non ser por el a Ponte Balsiña non existiría, que logrou a mediación da Consellería de Medio Ambiente. Este é o motivo polo que só hai cartel do lado do concello de Agolada, xa que o Concello de Vila de Cruces naqueles anos non moveu nin só un dedo nin achegou ningunha cantidade de diñeiro para a construción da ponte".

"En canto ás falsas acusacións de que este equipo de goberno realizou actuacións en “terreos privados”, animámolo a que vaia á Fiscalía se considera que estas graves acusacións son certas; e dende este equipo de goberno reservámonos o dereito de emprender accións legais contra as mencionadas declaracións. Resulta curioso que veñan do Partido Popular, con Jesús Otero á cabeza, este tipo de acusacións cando é o responsable da maior parte dos xuízos nos que o Concello se atopa por culpa das ilegalidades cometidas durante o seu mandato", indica o goberno local.
Polo que se refire ás declaracións de Hannah Darvill, a veciña que vive xunto a Ponte e ten unha Casa Rural, dende o Concello sinalan que "non foi acusada directamente de que fora ela quen retirara as sinalizacións do lugar. As súas propias redes sociais (Instagram “omuinodabalsina”) amosan numerosas publicacións onde ela mesma se responsabilizaba de proceder á retirada das cintas que o Concello de Vila de Cruces colocara na ponte, ademais dunha das vallas e diversos tablóns. O único que fixo o Concello foi actuar coa máxima responsabilidade e celeridade posibles, ante o risco que supoñía para a seguridade deixar a ponte sen ningún tipo de sinalización e prohibición de paso. Por parte desta Administración, ao igual que xa o dixemos nestes días, entendemos completamente a frustración da nosa veciña e que ela nese momento pensara que esa forma de reivindicarse fora a adecuada; pero non o foi, e puido supoñer un tráxico accidente de non proceder novamente ao peche da ponte. E foi a Policía Local que acudiu a informala, non a Nacional, para informala de que estes feitos eran constitutivos de delito ao atentar contra a seguridade das persoas usuarias, privándoas de saber o perigo existente, volvendo a precintar a ponte. Así que, pola nosa parte, estamos á súa plena disposición; e, en canto teñamos novidades, ela será das primeiras persoas en sabelo".
Publicidade
E apunta que "consideramos que o arranxo da Ponte da Balsiña é prioritario, pero como Administración responsable fixemos o que estaba nas nosas mans, que era o precinto da
mencionada infraestrutura, tal como foi abalado posteriormente polo Servizo Provincial de
Patrimonio Natural, e poñer a situación en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente. Finalmente, o rexedor cruceño, Luís Taboada, xa mantivo conversas con diversos organismos para conseguir o financiamento necesario que faga posible o seu arranxo definitivo á maior brevidade posible".
NOTICIA RELACIONADAS:
O Concello de Vila de Cruces defende o peche da ponte da Balsiña, en Toiriz: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-concello-de-vila-de-cruces-defende-o-peche-da-ponte-da-balsi%C3%B1a-en-toiriz
A veciña que vive xunto á ponte da Balsiña desminte ao Concello de Vila de Cruces: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-veci%C3%B1a-que-vive-xunto-%C3%A1-ponte-da-balsi%C3%B1a-desminte-ao-concello-de-vila-de-cruces
O PP e o BNG de Vila de Cruces esixen a mellora urxente da ponte da Balsiña en Toiriz: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-e-o-bng-de-vila-de-cruces-esixen-a-mellora-urxente-da-ponte-da-balsi%C3%B1a-en-toiriz
Comments