top of page

O PP e o BNG de Vila de Cruces esixen a mellora urxente da ponte da Balsiña en Toiriz

Ambos partidos coinciden en que o Concello cruceño chegue a un acordo co de Agolada para financiar conxuntamente este investimento


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O PP e o BNG de Vila de Cruces pronunciáronse onte sobre a polémica do peche da ponte da Balsiña en Toiriz. Ambo piden que o Concello actúe de maneira urxente para arranxar o estado no que se atopa esta ponte.


Pola súa parte, o Grupo Municipal do Partido Popular de Vila de Cruces quere denunciar publicamente, "unha vez máis, a irresponsabilidade e deixadez do actual goberno local ante a situación do ponte da Balsiña, situado na parroquia de Toiriz, que permanece pechado dende xaneiro sen que se adoptase ningunha medida efectiva por parte do Concello".


"Estamos ante un novo episodio dun goberno que non resolve problemas, senón que os crea, que confronta coa veciñanza en vez de dialogar e que pasa a pelota a outras administracións no canto de asumir as súas responsabilidades, como é a súa obriga. Cómpre lembrar que desde o noso grupo levamos meses reclamando a reparación urxente desta infraestrutura, tanto nos plenos como en notas de prensa, debido á súa importancia turística e ambiental, ao estar situada en plena Rede Natura 2000 dos Sobreirais do Arnego, unha Zona de Especial Conservación (ZEC) que require protección e posta en valor. Esta ponte non é só un paso fundamental para os veciños, senón tamén para pescadores, sendeiristas e visitantes que acoden á zona, sendo un activo clave para o turismo sostible local", recalcan os populares.


"Mentres o alcalde presume de impulsar o turismo, a realidade é que dálle as costas ás iniciativas que realmente o sustentan. A situación actual prexudica gravemente un establecemento local de turismo rural, que xera actividade económica, emprego e proxección do noso territorio. E non é o único exemplo: recentemente presumiu na Semana Verde dun albariño dunha adega local mentres lle deu as costas á ampliación da subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas no noso Concello. Unha incoherencia máis dun goberno desconectado da realidade".


Resulta cando menos curioso, apunta, "que agora o señor alcalde se amose tan preocupado pola titularidade das infraestruturas, cando en época electoral non tivo reparo ningún en formigonar e asfaltar en parcelas privadas, sen mirar de quen eran os terreos. Cando hai fotos que sacar todo vale, pero cando se trata de asumir responsabilidades, lávase as mans mentres a veciñanza sofre as consecuencias".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Desde o Partido Popular esixen acción inmediata e propoñen medidas "claras e posibles:

1. Que o Concello inicie un diálogo urxente co Concello de Agolada, xa que a ponte conecta ambos municipios, e se elabore un convenio de colaboración para redactar un proxecto conxunto de restauración.

2. Que se busque cofinanciamento doutras administracións públicas.

3. E, se isto non é viable a curto prazo, que o Concello utilice os seus propios recursos, xa que o alcalde presume dunha situación económica privilexiada, con 2 millóns de euros de remanente nas arcas municipais, pero non os inviste en necesidades reais da veciñanza".


"A situación da ponte da Balsiña non pode seguir bloqueada pola inacción, a soberbia ou o desinterese dun goberno máis preocupado por xustificar a súa parálise que por gobernar con responsabilidade. Unha vez máis —a pesar de que aínda non houbo a primeira chamada por parte do alcalde—, o noso grupo municipal ofrécese a colaborar e a poñer os medios para buscar financiamento noutras administracións, tal e como fixemos sempre. É evidente que o señor alcalde parece desfrutar co sufrimento da xente que aposta polo rural, polo turismo e pola vida nun concello vivo e activo. En vez de facilitar, pon trabas. En vez de apoiar, dá as costas. En vez de gobernar, improvisa", conclúe o PP.


Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego, a través do seu voceiro local Álex Fiúza, vén de esixir ao Concello de Vila de Cruces unha actuación urxente de mellora e conservación da ponte do Muíño da Balsiña, situada na parroquia de Toiriz, debido ao seu avanzado estado de deterioro.


“A ponte é unha infraestrutura de gran valor tanto para a veciñanza como para pescadores e sendeiristas que frecuentan a zona, e agora mesmo presenta un perigo evidente para o tránsito peonil”, sinalou Fiúza. Desde o BNG alertan de que o paso do tempo e a falta de mantemento provocaron un deterioro que compromete a seguridade das persoas usuarias, ademais de representar un retroceso na posta en valor do patrimonio natural e cultural do municipio.


A formación nacionalista lembra tamén que este enclave non só é utilizado pola poboación local, senón que forma parte de roteiros naturais e zonas de pesca recreativa que atraen visitantes, contribuíndo así á dinamización económica da contorna. “É incomprensible que un espazo cun potencial turístico, ambiental e social coma este estea completamente abandonado”, engadiu Fiúza.


O BNG de Vila de Cruces insta ao goberno municipal a actuar sen máis demoras, acometendo labores de reparación e consolidación da ponte, así como unha limpeza e sinalización axeitadas da contorna. Ao mesmo tempo, solicita que se estude a posibilidade de incluír esta intervención en programas provinciais ou autonómicos de conservación do patrimonio rural.

O BNG de Cruces na ponte da Balsiña.
O BNG de Cruces na ponte da Balsiña.

“A necesidade de mellora da ponte do Muíño da Balsiña non pode seguir agardando, como tampouco poden seguir agardando o resto dos espazos naturais e patrimoniais do noso concello. Non estamos ante un caso illado. É unha cuestión de responsabilidade, de coidado do noso medio e de respecto pola xente que vive e goza destas paraxes”, concluíu o voceiro do BNG.


Desde o BNG, igual que desde o PP, tamén se reclama que o Concello de Vila de Cruces chegue a un acordo co Concello de Agolada para financiar conxuntamente este investimento, sexa mediante fondos propios ou a través de axudas das consellerías de Medio Ambiente ou Infraestruturas. “O que non pode facer o goberno municipal é seguir botando balóns fóra”, sinalan desde a formación.


NOTICIA RELACIONADAS:





Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page