O BNG de Deza chama a participar nas mobilizacións feministas do 25N
Advirte do perigo que supón o avance da extrema dereita para os dereitos das mulleres
Ecos da Comarca/Deza
O Bloque Nacionalista Galego manifesta o seu apoio ás concentracións convocadas polo movemento feminista con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e fai un chamamento á cidadanía para participar activamente nas mobilizacións en defensa da igualdade, da liberdade e dos dereitos das mulleres.

Dende a formación nacionalista, o responsable comarcal de Deza-Tabeirós Xoán Blanco, considera que “este 25N cobra unha relevancia especial polo contexto político e social actual, marcado polo avance da extrema dereita e pola normalización de discursos que cuestionan a existencia da violencia machista, minimizan a súa gravidade e poñen en dúbida dereitos que foron conquistados tras décadas de loita feminista, un deles o do aborto”.
PUBLICIDADE
Blanco advirte de que “non podemos permitir que o que tanto nos custou conquistar se converta agora en moeda de cambio para acceder ao poder. Os dereitos das mulleres non son negociables, nin poden depender dos pactos políticos que se produzan despois
dunhas eleccións”. Neste sentido, traslada a preocupación ante un escenario electoral estatal no que a extrema dereita podería chegar a formar parte do Goberno, coa conseguinte ameaza de retroceso nas políticas públicas de igualdade e de loita contra a
violencia machista. “O negacionismo da violencia machista non é unha simple opinión política. É un discurso que contribúe a desprotexer as vítimas, a cuestionar a súa
credibilidade e a debilitar as ferramentas que temos para combater esta violencia”,
subliña.
Para o BNG, a defensa dos dereitos das mulleres debe ser unha prioridade política permanente e non limitarse ás declaracións institucionais do 25 de novembro. "Non
abonda con condenar a violencia machista un día ao ano. Cómpre actuar os 365 días, con
políticas valentes, recursos públicos e un compromiso firme coa igualdade real, algo que o
PP non fai", defenden dende o BNG, achegando unha opción política feminista e con
capacidade para defender ás mulleres e ao país.
PUBLICIDADE
“Fronte a quen quere facernos retroceder, máis feminismo. Fronte ao negacionismo, mais nacionalismo. E fronte a quen pretende silenciarnos, máis mulleres organizadas, mobilizadas e ocupando todos os espazos. Porque os nosos dereitos non se cuestionan, deféndense” remata o responsable comarcal.









Comentarios