O BNG de Silleda leva ao pleno a musealización dunha parte da necrópole medieval
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda levará ao pleno municipal de novembro unha moción para que o Concello estude a posibilidade de conservar, musealizar e facer visible unha parte representativa da necrópole medieval descuberta durante as obras de remodelación do parque da Igrexa de Santa Baia.
A intervención arqueolóxica realizada na zona permitiu documentar arredor dunha ducia de
sepulturas de época medieval, un achado de especial relevancia para coñecer a evolución
histórica de Silleda. Para o BNG, "estamos ante unha oportunidade que vai máis alá das obras que se estaban executando: é unha parte da historia da vila que merece ser
conservada, explicada e incorporada ao propio espazo público".

A proposta chega nun momento especialmente oportuno, tal e como sinala. Tras a aparición dos restos, o proxecto inicial terá que ser modificado para adaptarse ás condicións establecidas para a protección do xacemento. O BNG considera que, antes de pechar unha solución definitiva, deben estudarse todas as alternativas posibles para facer compatible a recuperación do parque coa posta en valor da necrópole.
A moción non propón unha solución pechada nin cuestiona os criterios dos técnicos de Patrimonio. O que reclama é realizar, en coordinación cos servizos técnicos e coa administración competente, un estudo de viabilidade que determine se é posible
conservar e musealizar in situ unha parte representativa dos restos, analizando alternativas como pavimentos ou estruturas acristaladas ou outros sistemas de protección que permitan garantir tanto a súa conservación como a súa visibilidade.
PUBLICIDADE
"Desde o BNG deféndese que o patrimonio arqueolóxico non debe verse simplemente
como un obstáculo que hai que salvar para poder continuar unhas obras. O achado
abre a posibilidade de crear un pequeno espazo de interese histórico e cultural no propio
centro de Silleda, achegando o pasado medieval da vila á veciñanza e ás persoas visitantes", recalca.
Por iso, a moción pide tamén que se valore, se os informes técnicos así o aconsellan, unha
modificación máis profunda do deseño inicialmente previsto, a adaptación dos prazos de
execución ou mesmo unha posible reubicación do parque infantil. O obxectivo é que
ningunha alternativa quede descartada antes de coñecer tecnicamente as posibilidades
reais de integración do xacemento.
PUBLICIDADE
A proposta complétase coa instalación de paneis informativos e recursos interpretativos
que expliquen a cronoloxía, características e importancia histórica da necrópole.
Para o BNG, Silleda ten agora a oportunidade de transformar un achado inesperado
nun novo elemento do seu patrimonio colectivo. A prioridade debe ser recuperar este
espazo para a veciñanza, pero facelo sen perder a oportunidade de conservar e transmitir
unha parte da historia da vila que permaneceu durante séculos baixo os nosos pés.









Comentarios