José Luis Camiñas retoma a Alcaldía de Rodeiro e fala abertamente da súa depresión
O alcalde fixo público o seu regreso a través dun vídeo no que explica a súa experiencia e aposta por visibilizar unha enfermidade que segue rodeada de silencios e estigmas
Laura Moure/Rodeiro
O alcalde de Rodeiro, José Luis Camiñas, retomou a pasada semana o seu labor á fronte do Concello tras permanecer aproximadamente catro meses de baixa por depresión. O propio rexedor anunciou o seu regreso a través dun vídeo no que decidiu falar abertamente da súa situación e da importancia de coidar a saúde mental.

A súa volta ao Concello non é só o regreso dun alcalde ao seu posto tras un período de ausencia. Camiñas quixo aproveitar a súa propia experiencia para poñer enriba da mesa unha realidade que afecta a moitas persoas e que, con frecuencia, continúa vivíndose en silencio. Falar dunha depresión segue sendo difícil para moitas persoas. A diferenza doutras enfermidades, non sempre resulta visible para quen está ao redor e pode estar acompañada de sentimentos de culpa, incomprensión ou mesmo da necesidade de aparentar que todo está ben. Precisamente por iso, que unha persoa cunha responsabilidade pública decida contar que tivo que parar por motivos de saúde mental contribúe a normalizar unha realidade da que aínda se fala pouco.
A depresión non entende de profesións, responsabilidades, posición social nin aparencias. Pode afectar a persoas que, desde fóra, parecen ter unha vida completamente normal e tamén a quen está acostumado a estar ao fronte, tomar decisións e responder diariamente ante os demais. Neste caso, Camiñas decidiu facer visible que tamén hai momentos nos que é necesario parar, pedir axuda e deixar que os profesionais acompañen o proceso de recuperación.
A súa experiencia permite, ademais, abrir unha reflexión que vai máis alá da propia figura do alcalde: que sucede cando alguén que sempre está para os demais necesita ser coidado? E canto nos custa recoñecer que non estamos ben? O seu regreso ao Concello chega así acompañado dunha mensaxe que pretende romper coa idea de que falar de depresión é sinónimo de debilidade. Ao contrario, poñerlle palabras ao que se está vivindo pode ser tamén unha maneira de pedir axuda, de normalizar estes procesos e de facilitar que outras persoas non teñan que atravesalos en silencio.
PUBLICIDADE
A volta de Camiñas á actividade municipal supón, polo tanto, non só o seu regreso ás funcións como alcalde de Rodeiro, senón tamén a decisión de facer visible unha parte da súa experiencia persoal coa intención de abrir unha conversa necesaria arredor da saúde mental. Porque detrás dos cargos, das responsabilidades e da imaxe pública tamén hai persoas. E falar de saúde mental pode ser o primeiro paso para que quen atravesa unha situación semellante entenda que pedir axuda non é fallar, senón coidarse. Do mesmo xeito que unha persoa se afasta temporalmente do seu traballo cando padece unha enfermidade física, unha depresión tamén pode facer necesario parar. Unha baixa non é unha debilidade, senón parte dun proceso de coidado e recuperación.
O regreso de José Luis Camiñas ao Concello de Rodeiro supón así o peche dunha etapa e o inicio doutra, pero tamén deixa unha mensaxe que pode transcender o ámbito político e municipal: pedir axuda, recoñecer que non se está ben e permitirse parar tamén forman parte de coidarse. Coa súa decisión de contar publicamente a súa experiencia, o alcalde quixo contribuír a que outras persoas que estean atravesando unha situación semellante poidan sentirse menos soas e, sobre todo, entender que falar do que lles sucede tamén pode ser un primeiro paso.
Declaracións do rexedor
“Hoxe quero falar dunha parte da miña vida da que durante moito tempo me custou falar. Nos últimos dous anos e medio pasei por unha enfermidade mental, unha depresión, que nos últimos meses me obrigou a afastarme temporalmente da actividade política e da miña responsabilidade como alcalde. Foi un proceso longo, difícil e, en moitos momentos, complicado de entender incluso para min mesmo. Porque as enfermidades mentais teñen algo que as fai especialmente difíciles: non se ven, pero séntense. E non só as sente quen as padece; tamén as viven, dun ou doutro xeito, moitas das persoas que están ao seu arredor.
Durante este tempo houbo momentos nos que pensei sinceramente que non era capaz de seguir, coa vida política. No mes de xaneiro cheguei a rexistrar no Concello un escrito no que manifestaba a miña intención de deixar a Alcaldía. Sentía que non podía continuar, que non me atopaba ben e que outro compañeiro debía coller o relevo. Pero, no último momento, os meus compañeiros, tanto do PSOE como de Unidade por Rodeiro, pedíronme que non convocase o pleno para facer efectiva a miña renuncia, que non tomase esa decisión e que intentase seguir. Eu escoiteinos, retirei o escrito de renuncia e decidín continuar.
Pero a realidade é que eu non estaba ben. No mes de marzo volvín reunirme cos compañeiros, tanto do PSOE como de Unidade por Rodeiro, e volvín dicirlles que non daba seguido. Que non me atopaba en condicións de continuar como ata entón. De novo pedíronme que non renunciase á Alcaldía. Dixéronme que collese unhas vacacións, que parase, que me afastase durante un tempo das responsabilidades e, sobre todo, que acudise a un profesional para recibir axuda. Convencéronme.
E hoxe penso que fixen ben en escoitalos. Porque ás veces, cando padecemos unha enfermidade mental, custa moito asimilar que estamos enfermos. Custa recoñecelo, custa aceptalo e, sobre todo, custa dar o paso de pedir axuda. Pensamos que podemos solucionar todo pola nosa conta, que temos que aguantar, que xa pasará. Pero non sempre pasa. Eu decidín poñerme en mans de profesionais e comezar un camiño de recuperación. E hoxe, despois destes meses, podo dicir que estou moito mellor.
Desde o pasado xoves estou de alta e volvín á Alcaldía, con ganas, con ilusión e sabendo tamén que este proceso non consiste en esquecer o que pasou, senón en aprender a coidarse e a pedir axuda cando é necesario. Quero contar todo isto publicamente por unha razón moi concreta: as enfermidades mentais non poden seguir sendo un tabú. Son unha realidade que afecta a moitísimas persoas. Persoas que temos ao noso lado, familias, amigos, compañeiros de traballo... persoas que moitas veces sofren en silencio porque teñen medo de falar do que lles pasa.
PUBLICIDADE
E tamén quero lembrar algo que eu mesmo aprendín: pedir axuda non é unha debilidade. Non nos fai menos fortes nin menos capaces. Ao contrario. Ás veces, pedir axuda é precisamente o primeiro paso para comezar a saír adiante. Durante estes meses nos que fixen público que me afastaba temporalmente da Alcaldía e que estaba de baixa, recibín moitas mostras de cariño e preocupación. Houbo persoas que me escribiron por WhatsApp, que me preguntaron como estaba ou que simplemente quixeron facerme saber que estaban aí. Algunhas desas mensaxes emocionáronme especialmente, porque nelas percibín que o que eu estaba sufrindo tamén o estaban padecendo, dalgún xeito, persoas que me queren e que están ao meu redor.
Por iso tamén quero agradecerlles a todas esas persoas o seu apoio, o seu respecto, a súa paciencia e, sobre todo, o feito de estar aí. E quero facer unha recomendación desde a miña propia experiencia: se alguén está pasando por unha situación semellante, que non espere demasiado para pedir axuda. Que fale con alguén. Que acuda a un profesional. Que se deixe axudar. Hai profesionais moi bos e preparados para acompañarnos nestes procesos. Non temos por que pasar por todo isto sós. Eu mesmo tardei en dar ese paso. Hoxe sei que foi necesario.
Volto á Alcaldía despois destes meses cunha perspectiva diferente e, probablemente, tamén cunha maior conciencia de algo que moitas veces esquecemos: detrás de cada persoa hai unha historia, hai problemas, hai momentos difíciles e hai batallas que non sempre somos capaces de ver. A saúde mental é saúde. E falar dela con naturalidade, sen vergoña e sen tabús, tamén é unha maneira de axudar. Se contar a miña experiencia serve para que unha soa persoa que estea sufrindo decida pedir axuda, todo o que vivín terá servido tamén para algo. Falemos de saúde mental. Coidémonos. E deixémonos axudar”.
José Luis Camiñas, alcalde de Rodeiro.









Comentarios