Stop Biometano Deza cuestiona a xornada da Aedeza sobre a instalación dunha planta de biometano
- ecosdacomarca

- hace 22 minutos
- 4 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Deza
"A tranquilidade durou pouco no Deza. Hai unhas semanas o alcalde de Agolada anunciaba no Pleno que os promotores abandonaran o proxecto do metano, pero está claro que o enganaron, do mesmo xeito que onte (polo mércores) enganaron aos gandeiros e empresarios aos que convocaron a unha reunión en Lalín na que IAM
Carbonzero, socia de Mapfre no negocio do metano, lles vendeu todos os supostos beneficios desta industria", sinala a Plataforma Stop Biometando Deza. A xornada estivo organizada pola Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) co patrocinio da empresa IAM Carbonzero. "A charla titulábase “Transición enerxética no sector agrogandeiro. Potencial do biometano na comarca do Deza”, pero sería máis axeitado “As falsas promesas do biogás”, como tamén se titula o artigo no que tras revisar numerosos artigos científicos explican como nos EE.UU. estas industrias se impoñen nas zonas habitadas por hispanos e persoas de cor, agravando a opresión desas comunidades e constituíndo unha forma de ESCRAVITUDE AMBIENTAL", cuestiona a plataforma veciñal.
Tamén nel, apunta a plataforma, "informan de que o Estado de Nova York, meca do capitalismo, prohibe os proxectos de conversión de xurros en enerxía na súa carteira de enerxía renovable. Conclúen que esta industria é unha falsa solución que perpetúa a expansión dos grandes monopolios agrícolas, as prácticas tóxicas, perigosas e destrutivas da gandería industrial e a infraestrutura de combustibles fósiles. É o seguinte intento do sector gasístico por maquillar de verde outro combustible contaminante para salvar a súa industria posto que: é inflamable, altamente tóxico e potencialmente explosivo; a súa queima emite os mesmos contaminantes atmosféricos que a combustión de combustibles fósiles; a produción e o transporte dos residuos e do biometano requiren tubaxes e frotas de camións; e os gasodutos e outras infraestruturas filtran enormes volumes de metano que contribúen ao cambio climático, anulando así calquera suposta "enerxía renovable".

Este é só un exemplo, apunta o colectivo, dos numerosos artigos científicos que" acreditan os impactos na saúde, calidade de vida, patrimonio inmobiliario, medio ambiente, ... das comunidades circundantes a estas plantas e sen que solucionen ningún problema climático nin agrario. O xurro, adecuadamente xestionado é un recurso, non un residuo, non supón ningún problema ás explotacións con base territorial, e as que non a teñen conseguen colocar os excedentes de xurro aos gandeiros en extensivo boa parte do ano e nas épocas que non é así a solución é amplialas fosas, así como as balsas para acumulación de excedentes, tal e como propoñen tanto os expertos como os sindicatos gandeiros".
En canto as cifras de emprego que facilitarondurante a charla: 6-8 empregos estables e 30 indirectos, "son desmentidas pola información da propia Mapfre que indica que pretenden construír entre 20 e 25 plantas en toda España que xerarían en total 70 empregos directos e 240 indirectos, co que resultan, no mellor dos casos (20 plantas) 3,5 empregos directos e 12 indirectos, é dicir, menos da metade".
PUBLICIDADE

"Ademais de que as cifras de emprego son pobres, o emprego non pode ser unha coartada para xustificar calquera aberración: cando se aboliu a pena de morte tamén os verdugos quedaron sen emprego. Tamén informaron de que estes proxectos non recibían axudas públicas, o que tamén se desmente na propia información de Mapfre: “El producto (Mapfre Energías Renovables II) ha captado 20 millones aportados por el ICO mediante fondos europeos Next Generation”.
"Negaron que as prantas xeren problemas de saúde, o que contradí a evidencia científica: maior risco de enfermidades respiratorias (asma, EPOC), cancro e outras patoloxías e as visitas a urxencias por problemas respiratorios entre os residentes que viven a menos de 10 km destas industrias son significativamente máis altas".
(Revisión de 19 estudos científicos realizados entre os anos 2000 e 2022 por Tamburini e colaboradores. https://pubmed.ncbi.nlm.nih.gov/37047920/
"Ademais, ante que pretenden instalar estas plantas a só 500 m das aldeas, aplicando a distancia que establece a Lei do Solo para as granxas sen base territorial, cando xa o Decreto 2414 establecía en 1961 unha distancia mínima de 2 km para actividades insalubres, nocivas e perigosas e mesmo a Dirección Xeral de Saúde Pública de Castela – A Mancha considera totalmente insuficiente unha distancia de 2 km".
A plataforma solicita á Xunta de Galicia que aprobe unha regulación que incremente substancialmente as distancias mínimas destas plantas ás aldeas, negocios de hostelería, captacións de auga, ... "E tamén reclamamos que esa regulación sexa aprobada polos Concellos do Deza. No caso de Agolada xa existe un acordo plenario, pero é necesario levalo a cabo, senón é un bride ao sol, ou máis ben un brinde á industria do metano".
"Veciños e veciñas do Deza, gandeiros/as, Alcaldes/sas e Concelleiros/as, a quen ides crer? Aos comerciais das empresas promotoras dos proxectos ou ás persoas que sofren as consecuencias desta industria, como a Alcaldesa de Balsa de Ves, ao Alcalde de Casasbuenas, a veciñanza das Somozas, Campillos, Lluxtxent,... ou científicos como Turiel, Fernando Valladares, Máximo Florín Beltrán, etc.?"
Publicidade
"Aos gobernantes municipais do Deza recomendámoslle escoitar á Alcaldesa de Balsa de Ves (PSOE) e ao Alcalde de Casasbuenas (PP) que lle di á Corporación de Llanos del Caudillo, onde queren instalar unha planta: “Podédesvos cargar o voso pobo". E aos veciños anímaos a loitar para que non lles poñan a planta e non acobardarse, porque isto “pode afundir o pobo en todos os sentidos”", recalca a Plataforma Stop Biometano Deza.
"Pois eso é o que imos facer, loitar para que non nos traten como cidadáns de terceira e escravos ambientais e afundan os nosos pobos uns poucos para enriquecerse á costa da nosa saúde, calidade de vida e patrimonio inmobiliario", conclúe.
A noticia sobre a xornada celebrada este mércores pola Aedeza da que fala a plataforma: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-aedeza-pulsa-o-apoio-do-sector-agrogandeiro-%C3%A1-instalaci%C3%B3n-dunha-planta-de-biometano-na-comarca
NOTICIAS RELACIONADAS:
O BNG traslada ao Parlamento a preocupación veciñal de Agolada ante unha planta de biometano: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-traslada-ao-parlamento-a-preocupaci%C3%B3n-veci%C3%B1al-de-agolada-ante-unha-planta-de-biometano
Stop Bio?metano Deza entrega 2.248 sinaturas recollidas contra a planta de biometano en Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/stop-bio-metano-deza-entrega-2-248-sinaturas-recollidas-contra-a-planta-de-biometano-en-agolada
Os promotores da planta de biometano abandonan o proxecto en Agolada, segundo informou o alcalde: https://www.ecosdacomarca.com/post/os-promotores-da-planta-de-biometano-abandonan-o-proxecto-en-agolada-segundo-informou-o-alcalde







Comentarios