top of page

A AEDEZA pulsa o apoio do sector agrogandeiro á instalación dunha planta de biometano na comarca

O presidente da asociación, David Campos, avoga pola “participación activa” de gandeiros, cooperativas e sindicatos para “combater a desinformación” e “impulsar unha solución que melloraría a competitividade das explotacións”


Ecos da Comarca/Lalín

A xornada “Transición enerxética no sector agrogandeiro: potencial do biometano na Comarca de Deza”, organizada pola Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) co patrocinio da empresa IAM Carbonzero, reuniu onte no Hotel Torre do Deza de Lalín a preto de medio cento de persoas -entre gandeiros, cooperativas, sindicatos agrarios e concelleiros/as- para sondear o apoio do sector primario á instalación dunha planta de biometano na bisbarra.

Na intervención de apertura da xornada, o presidente da AEDEZA, David Campos, manifestou que “a transición enerxética xa non é unha opción, senón que pasou a ser unha necesidade” e resaltou que “a Comarca de Deza, cun forte peso da actividade agrogandeira, ten a oportunidade de situarse á vangarda convertendo un reto, como é o problema do tratamento dos xurros, nun novo valor, é dicir, nunha enerxía verde e nunha fonte de ingresos adicionais para as granxas, ao tempo que se cumpre cunha normativa ambiental cada vez máis estrita”.


David Campos lembrou que a posible implantación dunha planta no concello de Agolada “xerou certa controversia social, na que saíron á palestra moitas voces de diferentes eidos”, pero “botouse en falta a opinión dos principais beneficados por este tipo de instalacións, os gandeiros”. Por iso, o presidente da AEDEZA avogou por unha “participación activa” dos gandeiros, as cooperativas e os sindicatos agrarios para “combater a desinformación” e “impulsar unha solución que melloraría a competitividade das explotacións agrogandeiras”.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

No transcurso da xornada, interviñeron tamén varios representantes da empresa IAM Carbonzero, que ten previsto desenvolver e operar preto dunha vintena de plantas de biometano en toda España, cun investimento global aproximado de 380 millóns de euros. Entre eles atopábanse o director de Desenvolvemento, Óscar García; a directora de Comunicación e Sostibilidade, Miriam Armesto; e o responsable de Enxeñaría de Procesos, Rafael Berrocal. Óscar García avanzou que o plan de negocio da compañía inclúe o desenvolvemento de “catro ou cinco” plantas de biometano en diferentes puntos de Galicia cunha intensa actividade gandeira e incidiu en que a Comarca de Deza é unha das zonas que “cumpre perfectamente ese requisito”.


Segundo explicou, "serán plantas de tamaño medio, cunha capacidade aproximada de tratamento de xurros de 100.000 toneladas anuais, o que permitiría xerar arredor de 85.000 toneladas/ano de dixestato, inxectar á rede 70 GWh/a de biometano e evitar a emisión de 20.000 toneladas/ano de CO2". Segundo explicou, "unha instalación destas características require un investimento estimado de 20 millóns de euros, que tamén repercutirá positivamente nas arcas do concello onde se ubique, xa que ingresará máis de 250.000 euros polo ICIO, ademais dunha media de 60.000 euros anuais en concepto do IAE".


"Por outra parte, xeraranse unha media de oito empregos estables durante os 25 anos de funcionamento da planta, ademais de máis de 50 postos de traballo temporais durante a fase de construción e máis de 30 empregos indirectos", resaltou. Finalmente, Óscar García remarcou que a tramitación, construción e posta en marcha dunha planta desta características require un prazo aproximado de tres anos.


Adaptación ao novo marco regulatorio

Pola súa parte, Miriam Armesto apuntou que, nun contexto de crecente transformación normativa impulsada desde a Unión Europea e a Xunta de Galicia, as plantas de biometano representan “unha oportunidade para resolver retos locais con recursos locais, transformando os xurros en enerxía renovable e biofertilizantes”. “O biometano non é só unha solución enerxética, senón que é unha infraestrutura que permite que as explotacións sigan a ser viables nunha contorna cada vez máis esixente, porque permite xestionar de forma controlada os xurros e estercos, reducir as emisións nas granxas e no almacenamento, diminuír a dependencia de fertilizantes inorgánicos e xerar novas oportunidades económicas para as explotacións”, indicou.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

Pola súa parte, Rafael Berrocal explicou o funcionamento das plantas e o proceso de valorización dos xurros e axudou a combater “determinados bulos e fake news que circulan polas redes sociais", resaltanto que "trátase de plantas de biometano de tamaño medio, “non macroplantas” desmentindo que haxa especulación, porque son investimentos privados sen axudas públicas garantindo a transparencia na tramitación; minimizando o impacto dos cheiros; negando a utilización de lodos industriais e residuos tóxicos na dieta da planta, e desmentindo categoricamente que que unha planta de biometano xere problemas de saúde ás personas que residen na contorna".


NOTICIAS RELACIONADAS:




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page