A tempada xeral de caza comezará o 18 de outubro e estenderase ata o 6 de xaneiro de 2027
- ecosdacomarca

- hace 25 minutos
- 4 Min. de lectura
Marisol Díaz salientou que, no marco das iniciativas postas en marcha para previr a peste porcina, proponse levar a cabo a coñecida como caza en man
Ecos da Comarca/Xeral
A nova tempada de caza arrancará en Galicia o 18 de outubro e estenderase ata o 6 de xaneiro do vindeiro ano, con carácter xeral. Así se propuxo ante os membros do Comité Galego de Caza que, como cada ano por estas datas, se reuniron para analizar o contido da normativa que regulará as épocas hábiles para a práctica da actividade cinexética, as medidas de control por danos e os réximes para cada especie de cara á tempada 2026-2027.
A xuntanza estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e contou coa participación dunha ampla representación das organizacións de cazadores así como doutros grupos e sectores vencellados á actividade cinexética en Galicia.

Durante a súa intervención, a responsable autonómica lembrou que todas as propostas debatidas hoxe polos membros do comité serán avaliadas a continuación pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para a súa incorporación, se procede, na resolución anual mediante a que se regula a actividade cinexética de cara á tempada 2026-2027.
Durante o período hábil xeral da próxima tempada de caza, do 18 de outubro deste ano ao 6 de xaneiro de 2027, permitirase o exercicio da actividade os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico.
Caza maior: xabaril e corzo
En concreto, no que respecta ao xabaril, no réxime cinexético común o período xeral de caza abranguerá do 15 ao 31 de agosto deste ano e do 7 de xaneiro ao 28 de febreiro de 2027, os xoves, sábados, domingos e festivos; e do 1 de setembro deste ano ao 5 de xaneiro do vindeiro os sábados, nas modalidade de batida, montaría e espera. Así mesmo, no réxime cinexético especial (RCE) a tempada irá do 15 de agosto ao 28 de febreiro de 2027, os xoves, sábados, domingos e festivos nas modalidades de batida, montaría e espera.
PUBLICIDADE

Ademais, co fin de reforzar o control desta especie no contexto actual, avaliáronse medidas como a posibilidade de autorizar a caza de xabarís nos axexos de corzo que se realicen en terreos en réxime cinexético especial entre o 1 de abril e o 31 de xullo de 2027, sen descontar da cota de capturas que teñan aprobados os tecores para a tempada 2026/2027.
A maiores, no marco das iniciativas postas en marcha para previr a peste porcina, proponse levar a cabo a coñecida como caza en man, co fin de incrementar e optimizar as medidas de control desta especie.
En canto ao corzo, os machos adultos poderán capturarse en terreos en réxime cinexético común entre o 15 de agosto e o 17 de outubro, os sábados en batida/montaría, e todos os días da semana na modalidade de axexo.
En terreos en réxime cinexético especial, o período xeral abranguerá do 15 de agosto ata o 17 de outubro -todos os días da semana na modalidade de axexo e os sábados, domingos e festivos na de batida/montaría-, podendo cazarse tamén en axexo todos os días da semana desde o 1 de abril ata o 31 de xullo do próximo ano.
As femias adultas de corzo permanecen vedadas con carácter xeral, permitíndose a súa caza puntual por danos e tamén nos tecores se está tecnicamente xustificada de acordo coa situación real da poboación en cada tecor, podendo escollerse entre dous períodos: do 5 de setembro ao 17 de outubro de 2026 ou do 7 de xaneiro ao 13 de febreiro de 2027.
Para o cervo, o gamo e o muflón, en réxime cinexético especial, o período xeral abranguerá do 13 de setembro ao 17 de outubro deste ano na modalidade de axexo todos os días da semana, podendo cazarse en batida/montaría os xoves, sábados, domingos e festivos no período comprendido entre o vindeiro 17 de outubro e o 5 de xaneiro de 2027.
Caza menor
Para as distintas especies de caza menor, no caso da arcea, o período hábil xeral irá tamén do 18 de outubro ao 6 de xaneiro do ano que vén -aínda que poderá ampliarse ata o 7 de febreiro en terreos de réxime cinexético especial que o soliciten- os xoves, domingos e festivos. Para a lebre, a tempada estenderase do 18 de outubro ao 29 de novembro de 2025, os xoves, domingos e festivos en terreos de RCE.
No referente ao paspallás e ao pombo torcaz, a tempada coincidirá co período hábil xeral, a excepción da media veda nos tecores da Antiga Lagoa de Antela, que se establece entre o 22 de agosto e o 13 de setembro, os sábados e domingos.
Publicidade
O período xeral na modalidade de batida para a caza do raposo abranguerá do vindeiro 3 de setembro ata o 17 de outubro e entre os días 7 de xaneiro e 7 de febreiro de 2027 os xoves, sábados, domingos e festivos. Nas modalidades empregadas de caza menor o período xeral irá do 18 de outubro deste ano ata o 6 de xaneiro de 2027, podendo realizar a actividade os xoves, domingos e festivos.
Ademais, no caso das aves, establécese a veda de charrela, avefría, rula turca e común, pato cullerete, gaivota escura, gaivota arxéntea, gaivota patiamarela, pomba brava, pomba zura e gralla cereixeira; mentres que outras aves de caza menor se rexerán polo período hábil xeral.
En canto ao adestramento de cans valoráronse as distintas propostas en relación coas limitacións, co período de máxima sensibilidade para a cría de especies silvestres, cans atrelados e o adestramento en zonas de seguridade e de caza permanente.







Comentarios