Inaugurado o camping Huttopia Caminos de Galicia na parroquia lalinense de Prado
- Laura Moure

- 27 mar
- 3 min de lectura
Laura Moure/Lalín
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou onte o compromiso do Goberno autonómico con diversificar a oferta turística por todo o territorio e impulsar novos proxectos no rural. Durante a inauguración do camping Huttopia Caminos de Galicia no concello de Lalín, en Prado, Rueda salientou que a instalación e a súa contorna é un exemplo “do que é Galicia Calidade” e “das cousas que paga a pena apoiar”.
Ademais, destacou o incremento de viaxeiros que elixen os campings para aloxarse durante a súa visita á nosa comunidade, unha “forma de turismo que colle todo o bo que ten Galicia”. Así, dos preto de 9 millóns de turistas que chegaron á comunidade en 2025, 400.000 decidiron pernoctar nun destes establecementos, o que supón un 74% máis que hai unha década.

Neste sentido, o xeodestino Deza- Tabeirós foi o que máis medrou durante o pasado ano na comunidade. Esta zona de Galicia recibiu no 2025 a preto de 86.000 visitantes, o que supón un 120% máis que o ano anterior.
A Xunta traballa para que o sector turístico xere riqueza e emprego de calidade en toda a comunidade e durante todo o ano con diferentes iniciativas. Entre elas, os 4,5 millóns en axudas directas para que os establecementos turísticos realicen melloras nas instalacións, de eficiencia enerxética ou eliminen barreiras arquitectónicas; os 2 millóns de euros en apoios aos concellos de menos de 10.000 habitantes para promover a restauración e mellora de infraestruturas turísticas do municipio, ou diferentes medidas para impulsar proxectos enogastronómicos na comunidade.
PUBLICIDADE

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o impulso que supón para a estratexia de descentralización, sustentabilidade e internacionalización, que está a implantar o goberno provincial nos 61 concellos que compoñen o destino turístico Rías Baixas, a apertura en Lallín do Cámping Huttopia Camiños de Galicia.
Despois de completar un percorrido polas instalacións do cámping, situado na zona de Prado ao carón do trazado do Camiño de Santiago, o presidente da Deputación quixo recoñecer a importancia deste tipo de proxectos para o rural pontevedrés. “Pódese apostar por un rural con futuro?, pódese impulsar o destino de interior?, pódese emprender proxectos nunha comarca do Reto demográfico?”, cuestionou López antes de responder cun si rotundo. “O rural ten moitísimo futuro, só fai falta crer nel”, respondeu o dirixente.
Neste sentido, argumentou López que as contornas rurais da provincia “contan cun sector primario e cun turismo moi potent e xente con moitísimo talento”. Ademais, recalcou que o “destino turístico Rías Baixas non é só de sol e praia, temos un interior magnífico”. Así mesmo engadiu que “a Deputación por primeira vez centrou a súa campaña do 2025 sobre o turismo de interior, sen amosar un só metro de praia. E resultou ser un auténtico acerto, non só por premios, senón que nos está reportando que nos visite moita xente e proxectos coma este son clave”.
Publicidade
Sobre as posibilidades de emprendemento no rural, recoñeceu o presidente provincial que “proxectos deste calado son a mostra”.
Finalmente, o presidente da Deputación agradeceu tanto ao dirixente de Huttopia, Michel Durrieu, pola posta en marcha deste proxecto, como á Xunta e ao Concello de Lalín, polo seu apoio; e puxo en valor o camiño compartido con Turismo Rías Baixas para “a descentralización, a sustentabilidade e a internacionalización” do destino. “O que veña a Huttopia xa sabe o que lle vai pasar, o que pasa nas Rías Baixas: quen proba, repite”, concluíu Luis López.







Comentarios