O PSOE de Lalín levará a pleno a recuperación dos autobuses suprimidos pola Xunta
Tamén demanda un plan integral para mellorar o transporte público no municipio
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín levará ao próximo pleno unha moción para reclamar unha mellora integral do transporte público de Lalín, despois das últimas supresións e modificacións de frecuencias realizadas pola Xunta de Galicia e ante os problemas que continúan sufrindo estudantes, traballadores e usuarios dos servizos sanitarios.

A portavoz socialista, Alba Forno, que visitou a estación de autobuses de Lalín xunto co secretario de Política Municipal, Daniel Santalla, reclama como primeira medida a recuperación inmediata do autobús das 16:00 horas entre Santiago e Lalín, utilizado especialmente por estudantes para regresar despois das clases. A súa desaparición obriga agora a moitos usuarios a esperar ata ás 18:00 horas para poder volver.
Os socialistas incorporan tamén as queixas recibidas nos últimos días pola perda da expedición para persoal sanitario que saía de Lalín arredor das 6:25 horas en dirección aos hospitais de Santiago. Os usuarios denuncian que agora teñen que utilizar un autobús procedente de Ourense que chega en ocasións a Lalín cunha ocupación elevada e que xa trasladaron reclamacións sen obter solución.
PUBLICIDADE
A moción pídelle tamén á Xunta unha revisión integral das conexións de Lalín con Santiago, Ourense, Pontevedra e o resto das cidades galegas e recupera o acordo aprobado por unanimidade en 2025 para coordinar os autobuses a Ourense cos horarios ferroviarios, garantindo combinacións útiles e transbordos inferiores a 30 minutos.
No ámbito municipal, o PSOE propón iniciar os estudos necesarios para poñer en marcha a iniciativa dos socialistas Lalín 360, unha rede urbana e periurbana que conecte o centro de saúde, centros educativos, instalacións deportivas, estación e polígonos industriais.
PUBLICIDADE
A iniciativa inclúe tamén reclamar a adhesión da Xunta ao Abono Único de Transporte estatal e acelerar a reforma da estación de autobuses, pendente pese ao acordo plenario alcanzado o pasado ano.
Forno subliña que a perda progresiva da calidade dos servizos públicos de transporte por estrada xestionados pola Xunta e apunta a que Lalín precisa unha política de transporte pensada desde Lalín e para as necesidades reais da xente. Forno pídelle finalmente ao alcalde que defenda ante a Xunta as conexións de Lalín coa mesma intensidade coa que reclamou ao Goberno de España pola parada do autobús a Madrid, que tivo nos últimos anos menos de un usuario ao día. “Cando se trataba de criticar ao Goberno, Crespo fixo todo o ruído posible, agora que é a Xunta quen elimina frecuencias que utilizan estudantes e traballadores de Lalín e non escoitamos nin unha palabra. Os intereses de Lalín teñen que estar sempre por diante dos intereses do PP”, engade.
NOTICIAS RELACIONADAS:
O BNG de Lalín denuncia a supresión dunha das liñas de conexión por autobús con Santiago: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-lal%C3%ADn-denuncia-a-supresi%C3%B3n-dunha-das-li%C3%B1as-de-conexi%C3%B3n-por-autob%C3%BAs-con-santiago
Alba Forno esixe á Xunta que repoña o autobús das 16:00 horas entre Santiago e Lalín:https://www.ecosdacomarca.com/post/alba-forno-esixe-%C3%A1-xunta-que-repo%C3%B1a-o-autob%C3%BAs-das-16-00-horas-entre-santiago-e-lal%C3%ADn









Comentarios