O BNG de Lalín denuncia a supresión dunha das liñas de conexión por autobús con Santiago
As usuarias do autobús de volta de Santiago ás 16 horas “ou quedan en Silleda ou agardan 2 horas en Compostela para volver á casa”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín denuncia a supresión dun dos servizos de autobús que conectan durante os días da semana Santiago con Lalín e que permiten á veciñanza lalinense desprazarse á capital galega e retornar ás súas casas a primeira hora da tarde. Segundo trasladaron ao BNG usuarios e usuarias deste servizo, a Xunta de Galicia vén de suprimir a liña que cubría o traxecto entre Compostela e Lalín das 16 horas, unha das conexións máis demandadas polas veciñas e veciños de Lalín que acoden cada día aos seus postos de traballo, por estudos ou ao CHUS en Compostela.

A voceira municipal do BNG, Mari Fernández Sanmartín, vén de recoller as queixas das usuarias deste servizo, que collían en Compostela o autobús ás 16:00 horas para chegar
a volta a Lalín. Critican ademais as usuarias que a suspensión do servizo foi “sen previo aviso”, co que tendo en conta que o seguinte servizo dispoñible é ás 18 horas “teñen
dúas opcións, ou quedar tiradas en Silleda na procura dun transporte até Lalín ou
agardar ao seguinte servizo até as 18 horas”.
PUBLICIDADE
Traslada Fernández Sanmartín as queixas xa que centos de persoas que cada día usan
este servizo para acudir desde Lalín a Santiago. Critican usuarias deste servizo de
mobilidade que a única explicación que obtiveron da empresa concesionaria é que
“falen co Concello e coa Xunta”. O BNG considera que “non é de recibo que centos de
persoas que teñen neste servizo a súa mobilidade diaria nin sexan informados nin
consultados arredor dos horarios e as condicións do mesmo”.
Existe, segundo puido comprobar o BNG de Lalín, un “gran descontento e enfado” por
parte das e dos usuarios do autobús que cada día leva e trae de Compostela a centos de
persoas. Advirte o BNG que “o Concello de Lalín ten que estar pendente das
necesidades das súas veciñas e veciños” e exixe Fernández Sanmartín que o goberno
local “escoite as críticas e as necesidades da súa veciñanza, e traslade as súas exixencias
e demandas á Xunta de Galicia”, que é responsable de poñer e quitar estes servizos
básicos.
PUBLICIDADE
Desde o BNG afirman que “consideramos unha falta de atención gravísima que o
Concello de Lalín tolere a supresión dun dos servizos básicos de mobilidade da nosa
poboación con Compostela”.
Fernández Sanmartín reclamará explicacións no vindeiro pleno ao goberno local de
Lalín arredor desta cuestión e “tal e como facemos sempre seguimos en contacto e
interlocución permanente coas usuarias e usuarios deste servizo básico para garantir a
cobertura das súas necesidades”.









Comentarios