Alba Forno esixe á Xunta que repoña o autobús das 16:00 horas entre Santiago e Lalín
O PSOE denuncia o prexuízo para os estudantes lalinenses e "o silencio cómplice de Crespo que sempre cala cando a Xunta prexudica a Lalín"
Laura Moure/Silleda
O PSdeG-PSOE de Lalín esixe á Xunta de Galicia a reposición inmediata da conexión de autobús das 16:00 horas entre Santiago e Lalín, unha liña especialmente utilizada por estudantes universitarios para regresar á casa despois das clases e que desaparece dos novos horarios sen ningún tipo de xustificación.

A voceira municipal, Alba Forno, considera “incomprensible” unha decisión que obriga a moitos usuarios a agardar ata as 18:00 horas para regresar a Lalín, alterando completamente a súa organización diaria. “Estamos falando de estudantes que dependen do transporte público todos os días e para os que perder este autobús significa pasar horas esperando en Santiago para poder volver á casa”, sinala.
PUBLICIDADE
Forno denuncia ademais a “dobre vara de medir” de Crespo e do PP de Lalín. Os socialistas lembran que o pasado ano os populares converteron nunha gran polémica a posible eliminación da parada en Lalín da conexión estatal con Madrid, pese a que os datos sinalan que era utilizada por menos dun usuario ao día “porque a xente vai a Madrid no AVE”. “O PP utilizou con fins estritamente partidistas esta situación, pero agora que a
Xunta elimina unha conexión que utilizan ducias de lalinenses Crespo non di nada”.
PUBLICIDADE
O PSOE reclama ao alcalde que defenda diante da Xunta os mesmos intereses que
dicía defender diante do Goberno central e que esixa a recuperación do horario. “Aquí hai que escoller ou se está cos intereses de Lalín ou cos intereses do Partido Popular. Nós témolo claro. Queremos o autobús das catro de volta”, sinala Alba Forno.
NOTICIA RELACIONADA:
O BNG de Lalín denuncia a supresión dunha das liñas de conexión por autobús con Santiago: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-lal%C3%ADn-denuncia-a-supresi%C3%B3n-dunha-das-li%C3%B1as-de-conexi%C3%B3n-por-autob%C3%BAs-con-santiago









Comentarios