top of page

O BNG cruceño pide ao goberno informes do estudo de impacto ambiental do vertedoiro de Campomarzo

Na reunión mantida coa veciñanza en Merza, achegáronse copias de alegacións

para presentar en contra desta ampliación antes do 10 de marzo de 2023


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O BNG mantivo unha reunión coa veciñanza de Merza para explicar en que consiste o proxecto de ampliación do vertedoiro de Campomarzo, do que o pasado 22 de febreiro saía a exposición pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada para o vertedoiro de residuos de Bander Residuos, S.L.U.

O voceiro do BNG cruceño, Alex Fiuza, tildouno "de auténtico atentado medioambiental e para a vida do noso rural". "Os riscos deste proxecto son moitos: vertido de metais pesados ao medio e aos leitos próximos, liberación de gases polo proceso de descomposición, creación de atmosferas explosivas e falta de osíxeno con risco de

incendios, tránsito de camións, afectación a hábitats prioritarios, a especies catalogadas como vulnerábeis e algunhas en perigo de extinción... A perigosidade que conleva este proxecto, afecta directamente á parroquia de Merza polas filtracións de dito vertedoiro ao río Toxa, previo á captación municipal de auga potable".

Polo que desde o BNG xa se están a levar a cabo unha serie de accións. "Por unha banda presentouse unha proposta non de lei no Parlamento Galego para o rexeitamento da solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada para o vertedoiro de residuos de Bander Residuos, S.L.U, no concello de Silleda. Que se proceda á restauración integral da canteira e realizar o baleirado de todo material impropio depositado na mesma dende o ano 2002, ben pola empresa propietaria, ou pola Xunta, por ter devolto o aval sen esixirllo".


E insiste en que é necesario "actuar de inmediato para impedir a filtración de lixiviados cara a zona circundante e os leitos da balsa mineira existente e sin restaurar e realizar unha avaliación dos terreos ocupados polo vertedoiro e os circundantes para determinar a posíbel contaminación existente".

A nivel local, o BNG de Vila de Cruces, lamenta "a falta de interese por parte do goberno local" e presentará unha moción no pleno ordinario deste xoves para instar ao goberno local "ao rexeitamento do proxecto, así como a elaboración de informes técnicos e alegacións contra o vertedoiro, ademais, a que dende o Concello se inste á Xunta a paralizar esta catástrofe medioambiental".


NOTICIAS RELACIONADAS:


0 comentarios

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page