O BNG levará ao Parlamento a posta en marcha do antiguo vertedoiro de Campomarzo, en Silleda
- ecosdacomarca
- 15 mar 2023
- 3 Min. de lectura
"Está absolutamente inxustificado un macro vertedoiro coma o que se pretende, que estaría situado a escasos metros da Rede Natura, a escasos metros do río Toxa e da captación de augas para abastecemento da poboación de Merza", sinala o partido nacionalista
Ecos da Comarca/Silleda
O Grupo parlamentar do BNG vén de rexistrar dúas iniciativas parlamentarias para ser tratadas polo trámite de urxencia: unha proposición non de lei e unha batería de preguntas para a súa resposta na comisión sobre o antigo vertedoiro de Campomarzo, en Silleda.

Na proposición non de lei, a formación nacionalista insta ao goberno da Xunta a:
"Rexeitar a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada para o vertedoiro de residuos de Bander Residuos, S.L.U, no concello de Silleda.
Proceder á restauración integral da canteira e realizar o baleirado de todo material impropio depositado na mesma dende o ano 2002, ben pola empresa propietaria, ou pola Xunta, por ter devolto o aval sen esixirllo.
Actuar de inmediato para impedir a filtración de lixiviados cara a zona circundante e os leitos da balsa mineira existente e sin restaurar.
Realizar unha avaliación dos terreos ocupados polo vertedoiro e os circundantes para determinar a posíbel contaminación existente.”
Entre as preguntas formuladas están:
Considera xustificado nesa localización un proxecto que recoñece a xeración de impacto ambientais, afeccións a calidade do hábitat e á saúde humana, alteracións da biodiversidade e da rede de augas superficiais e subterráneas, riscos de incendio, acumulación de gases,...?
Que accións vai realizar a Xunta para garantir a rexeneración da canteira situada nas inmediacións da fervenza do Toxa, no concello de Silleda, a eliminación dos materiais non permitidos e impedir o vertido de lixiviados?
Por que a Xunta procedeu á devolución do aval á empresa Explotaciones Mineras de Campomarzo sen que se tiveran feito as correspondentes labores de retirada do material contaminante e impropios?
Realizou a Xunta algunha avaliación para determinar a contaminación dos terreos ocupados polo vertedoiro e os circundantes?
Que medidas pensa adoptar para que se retiren do vertedoiro os residuos impropios, combustibles e contaminantes e evitar a acumulación de auga no vertedoiro e os lixiviados que rematan no río Toxa? Que responsabilidades vai esixir?
Para o BNG "está absolutamente inxustificado un macro vertedoiro coma o que se pretende, que estaría situado a escasos metros da Rede Natura, a escasos metros do río Toxa e da captación de augas para abastecemento da poboación de Merza. A modificación solicitada pretende aumentar a superficie ocupada e a capacidade de almacenamento de residuos até 792.563 m3, cunha previsión de 25.000 toneladas ano que
equivalen a 35.714 m3/ano".
Tamén solicita "a ampliación dun número moi importante de códigos LER de residuos:
prospección e extracción de minas e canteiras, químicos orgánicos e inorgánicos, agricultura, caza, pesca, preparación e elaboración de alimentos, industria, coiro, téxtil, produtos farmacéuticos, pinturas, vernices, esmaltes, tintas, centrais térmicas, industria do ferro, aceiro, aluminio, produtos cerámicos e construción, cemento, cal, plásticos, servizos médicos e veterinarios, tratamentos de augas residuais... O proxecto prevé a creación de tres balsas de distintos tamaños que acumularían no seu conxunto máis de medio millón de litros a menos de 150 metros do Río Toxa. O proxecto recoñece a xeración de impactos ambientais: po, gas, ruído, lexiviados, alteración da rede de augas superficiais e subterráneas, alteración da biodiversidade, da calidade paisaxística, risco de incendio, afectación á calidade do habitat e saúde humana", explica o BNG.
A formación nacionalista subliña que “os riscos deste proxecto son moitos: vertido de metais pesados ao medio e aos leitos próximos, o sistema de depuración mediante ósmose inversa e a tecnoloxía de membranas non impide que os metais pesados cheguen ao leito fluvial e de aí río abaixo á Ría de Arousa, liberación de gases polo proceso de descomposición, creación de atmosferas explosivas e falta de osíxeno, con risco de incendios, tránsito de camións, afectación a hábitats prioritarios, a especies catalogadas como vulnerábeis e algunhas en perigo de extinción”.
E considera que "a falta de credibilidade das empresas que actuaron na restauración da canteira dende 2002, poñen en alerta á poboación. Se non foron capaces de distinguir o material permitido (pedras, terra e tellas) do non permitido (do plástico, chatarra e outros) que rematou alí, que garantías pode ter a poboación de que os metais pesados e contaminantes non rematen no leito do río e afectando ás augas subterráneas? Ou que a liberación de gases e explosión non afecte á saúde da veciñanza. Ningunha!"
Comments