Defenderá os intereses veciñais e do territorio para que, no caso de que a Xunta informe favorablemente sobre a instalación, esta conte con todas as garantías para evitar calquer perxuizo
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda presentará alegacións ao proxecto para dar un novo uso ao vertedoiro de inertes de Campomarzo. Así llo comunicou este venres o alcalde, Manuel Cuiña, á veciñanza afectada nunha xuntanza celebrada no local social de Pazos.
Neste sentido, Cuiña avanzou que o Concello solicitará á Xunta de Galicia –que é a Administración competente para dar a autorización ambiental- que non se poidan verter unha serie de residuos non perigosos que figuran no proxecto.
En concreto, o rexedor explicou que as alegacións irán no sentido de que non se autoricen como residuos admisibles os referidos á prospección, extracción de minas e canteiras e tratamentos físicos e químicos de minerais (referidos entre outros a lodos ); a residuos procedentes da agricultura, acuicultura, caza e pesca e os procedentes da elaboración de alimentos, e tamén todos aqueles referidos aos residuos de servizos médicos ou veterinarios ou de investigación asociada.
“Estamos e estaremos, a carón do que temos que estar: ao lado da veciñanza, defendendo os seus intereses e tamén o territorio que temos”, indicou Cuiña, pero tamén temos que ser realistas, porque o vertedeiro está xa aí dende o ano 2002, cunha xestión anterior doutra empresa que para nada foi exemplar”, indicou. O proxecto presentado pola empresa promotora, que adquiriu o vertedoiro hai xa tres anos e medio, inclúe o selado do vertedoiro de inertes actual, que leva anos sen utilizarse “ e que está nun estado lamentable”.
Neste senso o alcalde lembrou que desde que o Concello tivo coñecemento da compra por parte da nova empresa, mantivo xa varios encontros na Consellería de Medio Ambiente, para pedir o selado dese vertedoiro existente que agora se contempla no proxecto e que ten un custe estimado de algo máis de 1 millón de euros.
Cuiña explicou tamén que os técnicos municipais xa redactaron o informe técnico sobre o procedemento de avalización de impacto ambiental solicitado pola Xunta, no que se conclue que o uso do vertedoiro, é compatible con planeamento en vigor, se ben aclara que se precisan informes de distintos organismos como Augas de Galicia, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, Servizo de infaestruturas agrarias, carreteras da Xunta, e tamén de Patrimonio por a súa posible afección á zona de protección arqueolóxica, así como todo o relativo ás autorizacións ambientais.
No informe tamén se especifica que previa á licencia que en última instancia outorgaría o Concello de ter a instalación todos os permisos favorables, deberán de vixiarse que se cumplan unha serie de condicionantes en materia de lixiviados, que deben depurarse e tratarse como (aclarase que do proxecto presentado non se prevé que se produzan na rede municipal de augas residuais e que se precisan as pertinentes autorizacións de Aguas de Galicia). Tamén recolle que deben cumprirse as medidas de protección en materia da calidade do aire, control de olores, vixiando a producción con controis periódicos, así como a protección contra a contaminación acústica.
Na xuntanza a veciñanza amosou o seu malestar por esta nova proposta despois de anos sufrindo as molestias dunha canteira cercana e o vertedoiro de inertes. Así mesmo, Cuiña púxose a disposición da Plataforma de persoas afectadas que vén de crearse para contar co asesoramento que precisen e facilitar a presentación de alegacións ao proxecto nos vindeiros días.
NOTICIAS RELACIONADAS:
O BNG levará este tema ao Parlamento: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-levar%C3%A1-ao-parlamento-a-posta-en-marcha-do-antiguo-vertedoiro-de-campomarzo-en-silleda
Anuncio da reunión do alcalde cos veciños: https://www.ecosdacomarca.com/post/cui%C3%B1a-manter%C3%A1-o-venres-un-encontro-ca-veci%C3%B1anza-afectada-polo-proxecto-para-o-vertedoiro-de-pazos
Comments