top of page

Lalín celebra as Letras Galegas con teatro, concertos, obradoiros, daza e actividade para toda a familia


Laura Moure/Lalín

A concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco, deu a coñecer esta semana as actividades de "Maio, o mes das nosas letras" con motivo das Letras Galegas se desenvolverán ao longo do mes no Concello de Lalín, ao tempo que anima á participación da veciñanza para festexar estas datas tan significativas e identitarias

Este programa de actividades iníciase o xoves 9 de maio cunha Xornada Conmemorativa do Seminario de Estudos de Deza (SED) dedicadas a “Persoeiros Ilustres na Historia de Deza” e que estará centrada no escultor cambadés Francisco Asorey González a quen a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) dedica neste 2024 o “Día das Artes Galegas”. O relatorio correrá a cargo de Felipe Senén, membro da RAGBA, e desenvolverase ás 20:30 horas no Museo Municipal. É de destacar que Asorey conta con dous importantes conxuntos escultóricos en Lalín, o monumento dedicado ao aviador Joaquín Loriga e ao astrónomo Ramón Mª Aller, e está previsto a celebración dun acto homenaxe ao longo deste ano en colaboración coa Real Academia.


O sábado 11 de maio, ás 18 horas, no Salón Teatro, desenvolverase “Kyoki”, unha actividade para público familiar, de Elefante Elegante, consistente nunha proposta escénica sobre o esquecemento, a soidade e a vellez. Firmada polos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha viaxe emocional desde a nenez ata a vellez a través da memoria: unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade.


A cantante de fado e compositora galaico-portuguesa, María do Ceo, ofrecerá en Lalín un concerto en directo o domingo 12 de maio. Será ás 18 horas no vestíbulo do Concello e a entrada será libre ata completar aforo. Embaixadora da cultura galega polo mundo, a súa destacada carreira internacional con máis de 25 anos sobre os escenarios, levouna a estar considerada como unha fadista tradicional, sucesora de Amália Rodríguez. Interpreta acompañada por dous ou tres instrumentos tradicionais: guitarra, viola e acordeón.


O mércores 15 de maio terá lugar o obradoiro creativo e contacontos para nenos/as de 6 a 10 anos “O lapis que non quería ir á escola”. Unha actividade de dinamización lectora coa que as crianzas descubrirán as múltiples variedades que teñen os contos. Será ás 18 horas na planta baixa da Biblioteca Municipal.


Publicidade

O Día das Letras, 17 de maio, estará dedicado a Luísa Villalta, autora homenaxeada este ano. Firme defensora da lingua como piar da nosa identidade, foi autora que renovou as nosas letras ao explorar a relación entre a música e a literatura. 


Para o sábado 18 está prevista a celebración dun obradoiro de construción de pandeiretas guiado polo artesán Sanín. Desenvolverase de 16 a 20 horas no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero.


A Banda de Música de Vilatuxe ofrecerá o Concerto das Letras Galegas que terá lugar o domingo 19, ás 12 horas, na Praza da Igrexa.

 

Publicidade

O venres 24 de maio representarase “Bailador” de Óscar Cobos Compañía de Danza. Ás 21 horas na Praza da Igrexa con entrada gratuíta. É unha peza de danza galega contemporánea baseada nas músicas de Berrogüetto, una obra coreográfica que rende unha profunda homenaxe á nosa danza de raíz e a un grupo que transformou o modo de entender e interpretar a música tradicional. A peza é unha mostra de admiración e agradecemento a todas as mulleres que transmitiron o noso baile de raíz.


O mércores 29 de maio terá lugar “Güe-Güe”, actividade de artes escénicas (monicreques) e de dinamización lectora dirixida a un público familiar. Será ás 21 horas na Praza da Igrexa.


Cómpre indicar que tamén durante todas estas datas se poderá ver na Biblioteca Municipal Varela Jácome unha exposición monográfica dedicada ás Letras.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page