Lalín recupera o autobús das 16:00 horas con Santiago e adianta a saída da mañá aos hospitais
Ecos da Comarca/Lalín
O Concello de Lalín anuncia a recuperación da conexión en autobús das 16:00 horas entre Santiago de Compostela e Lalín, así como o reaxuste do servizo de primeira hora da mañá con destino aos hospitais de Conxo e o CHUS.

As medidas chegan despois das xestións realizadas polo alcalde, José Crespo, a pasada semana ante a Dirección Xeral de Mobilidade e a empresa concesionaria do servizo, Monbus, para dar resposta ás demandas trasladadas pola veciñanza.
En concreto, recupérase a expedición das 16:00 horas desde Santiago cara a Lalín, mantendo as mesmas condicións nas que se viña prestando habitualmente.
PUBLICIDADE
Ademais, desde esta mesma semana a saída desde Lalín cara aos hospitais adiántase ás 06:25 horas. O obxectivo é facilitar que os usuarios poidan chegar con marxe suficiente ás súas citas médicas tanto no Hospital de Conxo como no CHUS. Con este cambio retómase a operativa que se viña realizando antes do verán, que, segundo o Concello, viña funcionando con puntualidade.
PUBLICIDADE
O alcalde de Lalín agradeceu a colaboración da Dirección Xeral de Mobilidade e de Monbus para recuperar estas conexións e atender as necesidades de mobilidade da veciñanza.
NOTICIAS RELACIONADAS:
O BNG de Lalín denuncia a supresión dunha das liñas de conexión por autobús con Santiago: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-lal%C3%ADn-denuncia-a-supresi%C3%B3n-dunha-das-li%C3%B1as-de-conexi%C3%B3n-por-autob%C3%BAs-con-santiago
Alba Forno esixe á Xunta que repoña o autobús das 16:00 horas entre Santiago e Lalín:https://www.ecosdacomarca.com/post/alba-forno-esixe-%C3%A1-xunta-que-repo%C3%B1a-o-autob%C3%BAs-das-16-00-horas-entre-santiago-e-lal%C3%ADn
O PSOE de Lalín levará a pleno a recuperación dos autobuses suprimidos pola Xunta: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-psoe-de-lal%C3%ADn-levar%C3%A1-a-pleno-a-recuperaci%C3%B3n-dos-autobuses-suprimidos-pola-xunta









Comentarios