top of page

A Xunta salienta que a actuación ambiental na praia fluvial do Furelos, en Melide, "é a mellor garantía"

hace 11 horas
4 min de lectura

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, defende "a necesidade de acometer un proxecto que poña fin ao problema da acumulación de lodos"


Ecos da Comarca/Melide

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou onte que os traballos de mellora da conectividade fluvial do río Furelos, no Concello de Melide, que está acometendo a Xunta, a través de Augas de Galicia, "son a mellor garantía para compatibilizar a conservación ambiental desta contorna co seu desfrute por parte da veciñanza".

Nese senso, durante a visita que realizou onte á segunda fase dos traballos, Ángeles Vázquez sinalou que esta actuación "é a mellor solución desde o punto de vista técnico e ambiental para garantir a conectividade fluvial e recuperar a funcionalidade recreativa deste espazo, xa que permitirá reducir a acumulación de lamas e sedimentos na contorna da praia durante os meses de verán". De feito, segundo lembrou a conselleira, este proxecto dá resposta a unha demanda da veciñanza e dos pescadores.


A previsión é que estes traballos, que contan cun orzamento de 210.000 euros, estean rematados antes de que remate este ano 2026. De feito, vén de comezar a segunda fase, durante a que se executarán, entre outras accións, a instalación dunha comporta abatible de aceiro inoxidable, que permitirá a conectividade do río e posibilitará o uso recreativo en época estival, habilitando o encoro para zona de baño. En concreto, a apertura da comporta, a maior parte do ano, favorecerá a circulación da auga e a recuperación da conectividade fluvial.


Así mesmo, cando a comporta estea pechada durante o verán, o río manterá a súa continuidade para a fauna piscícola xa que tamén se acometerá a construción dunha escala de peixes. De feito, estas estruturas están deseñadas para permitir que os peixes sorteen obstáculos artificiais nos ríos e teñen un papel fundamental na recuperación das poboacións piscícolas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"A través desta solución, garántese a conservación do azud ao mesmo temo que se dá resposta aos problemas detectados no funcionamento actual do río, xa que o azud constitúe un obstáculo para a continuidade fluvial e favorece a acumulación de sedimentos na zona de baño", recalca.


Cos traballos iniciados esta semana dáse continuidade aos concluídos antes do verán, que consistiron na retirada de lodos na bacía do río ao seu paso pola praia fluvial. Nese senso, cómpre lembrar que as obras se paralizaron durante estes meses para non interferir coas actividades que se desenvolven neste espazo durante a época estival.


"Cómpre indicar que o proxecto, como non podía ser doutro xeito, foi aprobado tras unha tramitación na que foi avaliado por distintos departamentos para garantir o máximo rigor técnico. En concreto, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural determinou que os elementos que conforman o azud non están incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e a de Patrimonio Natural informou sobre a compatibilidade da actuación coa normativa da Rede Natura 2000. Así mesmo, os servizos técnicos municipais do Concello de Melide emitiron informe favorable sobre as actuacións previstas", explica Vázquez.


Para concluír, a conselleira incidiu en "que grazas a esta actuación se recupera un espazo de referencia para Melide e se garante que siga mantendo a súa función ambiental, social e recreativa".


Pola súa banda, o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, defendeu onte durante a visita a necesidade de acometer "un proxecto que poña fin ao problema da acumulación de lodos na praia fluvial de Furelos". O rexedor recordou na súa intervención que o proxecto, que financia a Unión Europea, foi sometido a exposición publica durante o trámite ambiental e non recibiu ningunha alegación.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Así mesmo, ambos recordaron que foi revisado e avalado por técnicos municipais e autonómicos e que conta con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Patrimonio Natural e Instituto de Estudos do Territorio. Ambas as administracións coinciden en que a solución proposta por Augas de Galicia contribúe a mellorar considerablemente as condicións ambientais e ecolóxicas do río, que son as de maior prevalencia para os intereses colectivos a protexer.


Petición á conselleira

O rexedor aproveitou a visita da conselleira para pedirlle acondicionar os vestiarios e baños das piscinas, unha demanda que a responsable de Medio Ambiente se comprometeu a relizar.


1.000 sinaturas

Cabe mencionar que a Asociación Cultural e Veciñal Melidá, que xa levou a cabo dúas mobilizacións no mes de agosto, presentou este mesma semana 1.000 sinaturas no Concello, en Augas de Galicia e na Valedora do Pobo, para evitar que desapareza con estas obras a presa de Don Antonio.


NOTICIAS RELACIONADAS:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page