Subliña que "é un proxecto que foi denegado hai 4 anos e que orixinou que Cobre San Rafael demandara á Xunta no Tribunal Superior de Xustiza" e que aínda non se resolveu
Ecos da Comarca/Touro
A Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino Non pronúnciase ante a declaración do Consello da Xunta deste luns, 24 de xuño de 2024, no que adoptaron declarar o proxecto de reapertura da mina de Touro como PIE- Proxecto Industrial Estratéxico. A Asociación recalca que "a mina de Touro si é unha decisión política" e que "un proxecto que foi denegado hai 4 anos e que orixinou que a empresa Cobre San Rafael demandara á Xunta no Tribunal Superior de Xustiza" e que aínda non se resolveu.
O seu comunicado:
"A declaración como Proxecto Industrial Estratéxico que realizou hoxe (por onte) o Presidente da Xunta de Galicia despois do Consello de Goberno, no día 24 de xuño, festa patronal en Touro, si é unha decisión política, non así o é loita das veciñas e veciños de Touro e O Pino e de todos os colectivos que rexeitaron e rexeitan este proxecto de minería para estes concellos.
Con esta decisión o Consello da Xunta opta por priorizar e favorecer un proxecto que tivo unha DIA negativa hai catro anos, e esa prioridade faina co traballo conxunto coa mercantil Cobre San Rafael, que segundo declaracións da propia Conselleira de Industria un día antes que xa anticipa esta decisión, dá por feito que vai ir adiante en tempo record, un ano para poder empezar a operar sen considerar en ningún caso que poida haber salvedades que motiven a súa denegación novamente. Iso fai que sea unha decisión política deste Goberno.
Publicidade
Priorizan así, un proxecto que foi declarado inviable polas graves afeccións que suporía aos recursos hídricos da cunta do Río Ulla, unha afección que agora sumaríase a outro proxecto tamén declarado estratéxico como é o da planta de celulosa que pretenden instalar en Palas de Rei, no corazón de Galicia.
Das declaracións que hoxe (por onte) coñecemos parece que esas afeccións poderán suplirse cunha planta de paneis solares para abastecer a industria mineira, e unha planta de tratamento de xurros para os gandeiros que queiran facer uso dela, o que segundo o Presidente Rueda permitirá minimizar a pegada de carbono, obviando nomear as enormes balsas de residuos e escombreiras que este proxecto contemplará a menos de 200 metros de poboacións.
Publicidade
A realidade en Touro e O Pino é que xa rexeitamos a opción de ter novamente unha mina a
ceo aberto nas nosas terras polos graves danos que nos ocasionaría e que coñecemos xa da anterior explotación, non parece terse en conta que nesta comarca temos das tasas de
desemprego máis baixas, -entre o 5-8%-, que nestas terras xérase emprego e diversifícase a economía entre multitude de sectores que para nada teñen coa minería- agrario, forestal, agraolimentarios, servizos, comercio, gandeiro, turismo en especial o vinculado ao Camiño de Santiago, - polo que este proxecto non aporta desenvolvemento socioeconómica senón que viría a substituir unha actividade económica consolidada e crecente por outra temporal; nestes concellos estivo a mina activa para a extracción de cobre apenas doce anos entre finais dos anos 70 e 80 do século pasado, non é unha mina centenaria como pretenden facer crer; os pasivos medioambientais que deixou esa minaría persisten a día de hoxe sen que por parte da Administración se paralizaran en ningún momento salvo pequenas sancións leves e sempre por decisión de denuncias de veciños e asociacións ambientais; non existe ningún proxecto de drenaxe desas augas que funcione a día de hoxe, proba delo é a derradeira sanción que Augas de Galicia confirmou polos vertidos industriais non autorizados procedentes deses terreos con
elevados indicadores de cobre e níquel nos ríos da contona que desembocan no río Ulla.
Publicidade
Dende a Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON, continuaremos a recabar apoios contra este proxecto, ahora estratéxico, por unha decisión política do Consello da Xunta, para o que teremos menos tempo para personarnos, menos tempo para alegar, menos tempo para defendernos, pero eso non impedirá que o fagamos, acudindo tamén á vía xudicial para defendernos".
NOTICIAS RELACIONADAS:
Máis de cen colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar, sindicais e de defensa do patrimonio rexeitan o novo proxecto de mina de Touro: https://www.ecosdacomarca.com/post/m%C3%A1is-de-cen-colectivos-veci%C3%B1ais-ecoloxistas-do-mar-sindicais-e-de-defensa-do-patrimonio-rexeitan
A Xunta declara proxecto estratéxico a mina de Touro: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-declara-proxecto-estrat%C3%A9xico-a-mina-de-touro
Comments