O prazo de inscrición xa está aberto e finalizará o día 6 dese mes
Laura Moure/Agolada
Os Cabaleiros de Artoño xa ultiman todos os detalles para a que será o súa terceira ruta cabalar desta parroquia agoladesa. Este ano celebrarase o 13 de xullo. O prazo de inscrición xa está aberto ata o 6 de xullo e a organización agarda superar o número de inscritos do ano pasado, xa que cada edición vai en aumento.
O campo da festa de Artoño será o punto de saída da ruta e a chegada dos participantes está estipulada para as 15:00 horas para arrancar ás 16:00 horas, polo que a organización pide puntualidade. Este ano haberá novidades no que se refire ao traxecto, que será case por completo direferente con respecto aos dos anos anteriores, porque a organización aposta pola innovación. Cabe mencionar que é unha ruta non apta para carros.
"Durante a ruta contaremos cunha parada con bebida e pinchos para repoñer forzas. Nesta ocasión, será no campo da festa da parroquia agoladesa de Eidián. Animamos á xente que se acerque para ver os cabalos", sinalan Iván e Juan Carlos García da organización.
A xornada completarase cunha cea á que pode asistir quen o desexe xa que non é só para os participantes na ruta. Comezará ás 22:30 horas. O prezo da ruta e da cea será en total 30 euros e é obrigatorio presentar a entrada para participar nos actos. Como xa mencionamos liñas máis arriba o prazo para anotarse xa está aberto e finalizará o 6 de xullo. Os interesados en asistir deber inscribirse a través dos seguintes teléfonos: 650 924 879 (García), 610 319 702 (Juanki) ou 696 653 811 (Sylva). Hai prazas limitadas, polo que animan a anotarse canto antes.
Publicidade
"Cada xinete farase cargo dos danos do seu cabalo", recalca a organización. Ademais, sinala que haberá servizo de ferrador.
A cita rematará con música "ata que o corpo aguante e é de libre asistencia", subliñan os irmáns García. O ritmo marcarao Lucía Nieto, Son Remolino e Bais 7 Disco Móvil. "Haberá sorteos durante a verbena. E queremos recalcar que todas as persoas que o desexen poderán asistir á ruta e á cea, teñan ou non cabalo. Ademais todos os asistentes á ruta levarán un agasallo".
Para levar a cabo actividades comas estas, requírese de meses de moita preparación. Por iso dende a organización queren agradecer a axuda de todos os patrocinadores, así como o apoio do Concello de Agolada e da Deputación de Pontevedra.
Publicidade
Pola súa banda, o Concello de Agolada aplaude este tipo de iniciativas porque considera que sempre son boas para o municipio porque atrae xente de distintas zonas. Por iso agradece aos organizadores por toda a súa implicación e traballo. "Contan con todo o apoio do Concello, con Protección Civil para o que faga falta e incluso, miraremos de darlles unha subvención", recalca o alcalde de Agolada, Luis Calvo.
Polo seu lado, a voceira do PP de Agolada, Mari Carmen Seijas, indica que "é unha sorte para Agolada poder contar cunha asociación como a de Cabaleiros de Artoño, que organiza actividades que ademais de fomentar o ocio e a relación entre veciños e veciñas, tamén atrae moita xente foránea, poñendo así en valor a paisaxe natural de Agolada e sobre todo implicándose a realizar este tipo de actividades dunha maneira totalmente altruista e exclusivamente en beneficio do pobo, polo tanto toda a miña admiración e agradecemento".
Ante este tipo de asociacións, subliña, "o que teñen que facer as distintas administracións é volcarse con eles e neste caso quero agradecer o feito de que a Deputación de Pontevedra tamén quixo colaborar botando unha mau, na realización de carteis e demais aportacións. Dende o Partido Popular de Agolada estaremos a disposición deles para calquera iniciativa que pretendan levar a cabo apoiando no que esté nas nosas maus porque o merecen por todo o que fan, o que traballan, e porque é unha asociación moi dinámica e eso hai apoialo sempre".
Comments