BNG e PSOE pedirán a comparecencia do alcalde de Lalín polas dúas crises de abastecemento de auga
Os dous grupos da oposición reclaman explicacións a Crespo e medidas para solucionar os problemas da rede municipal tras os episodios rexistrados no verán e o pasado día 13
Ecos da Comarca/Lalín
A situación do abastecemento de auga en Lalín continúa xerando reaccións políticas. O BNG e o PSdeG-PSOE anunciaron iniciativas para reclamar explicacións ao goberno local, encabezado por José Crespo, tras os dous episodios con problemas no subministro rexistrados en menos de catro meses.
Por unha banda, o Grupo Municipal do BNG, a través dos concelleiros Mari Carmen Fernández Sanmartín e Manuel Carbón Tallón, presentará unha moción no pleno na que solicita unha auditoría integral da rede municipal de abastecemento, así como a comparecencia do alcalde para explicar a situación actual do servizo.

A formación nacionalista lembra que o pasado 13 de novembro a veciñanza comezou a alertar da cor e turbidez da auga que saía das billas, mesmo coa presenza de partículas en suspensión. Segundo expón na moción, as queixas chegaron desde vivendas, comercios e establecementos hostaleiros, mentres que o Concello informou posteriormente de que a auga non era apta para o consumo.
O BNG considera que a resposta municipal volveu basearse nas explicacións técnicas, na petición de paciencia á cidadanía e no reparto de auga embotellada, unha situación que compara cos problemas de abastecemento rexistrados durante o pasado verán.
A formación reclama coñecer as causas das incidencias, as explicacións ofrecidas por Aquadeza e as medidas previstas para garantir un servizo adecuado. Tamén pide aclaracións sobre o episodio anterior no que, segundo lembra, se falou dun consumo de 1,5 millóns de metros cúbicos, sen que, ao seu xuízo, se aclarasen suficientemente as causas nin as responsabilidades.
PUBLICIDADE
A moción recolle tres acordos: realizar unha auditoría integral da rede, analizar os episodios rexistrados nos últimos meses para coñecer as causas e depurar responsabilidades, e que o alcalde compareza no pleno para informar da situación e presentar un plan de futuro.
Forno tamén reclama explicacións ao rexedor e ao responsable de Obras
Pola súa banda, a candidata á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, anunciou que o Grupo Socialista solicitará no próximo pleno a comparecencia do alcalde, José Crespo, e do concelleiro de Obras e responsable da concesión, José Cuñarro. Forno cualificou de "inasumible" que Lalín sufrise dúas crises de abastecemento en menos de catro meses e por motivos diferentes. "No verán quedamos sen subministración porque non choveu e agora quedamos sen auga porque supostamente choveu moito", sinala.
A socialista traslada tamén o malestar que, segundo explicou, recolleu durante a fin de semana entre familias, comerciantes e hostaleiros. Neste sentido, advirte das dificultades que están tendo algúns fogares para cubrir as súas necesidades con auga embotellada e dos gastos e perdas que están asumindo os negocios afectados.
O PSOE pide que o goberno local dea conta das analíticas realizadas, da cronoloxía da incidencia e do funcionamento da planta de captación e dos sistemas de filtrado e decantación. Entre outras cuestións, reclama saber como chegou a auga turbia á rede, se os filtros eran insuficientes e por que non se adoptaron medidas antes, no caso de que fose necesario substituílos.
PUBLICIDADE
Forno lembra que o seu grupo non votou a favor do contrato da concesión e que daquela xa reclamara unha auditoría do servizo, medidas de mellora e un seguimento efectivo do seu funcionamento. Así mesmo, subliñoa que, aínda que Aquadeza presta o servizo, corresponde ao goberno municipal supervisar a concesión e garantir o seu cumprimento.
Deste xeito, BNG e PSOE coinciden en reclamar que o alcalde compareza no pleno e dea explicacións sobre as incidencias, aínda que o BNG concreta a súa proposta nunha auditoría integral e nun protocolo de actuación, mentres que os socialistas tamén reclaman a presenza do responsable municipal da área de Obras.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Lalín activa un plan de emerxencia de abastecemento de agua debido á reducción crítica dos depósitos: https://www.ecosdacomarca.com/post/lal%C3%ADn-activa-un-plan-de-emerxencia-de-abastecemento-de-agua-debido-%C3%A1-reducci%C3%B3n-cr%C3%ADtica-dos-dep%C3%B3sitos
Lalín reparte auga embotellada entre a veciñanza ante a turbidez da auga da traída: https://www.ecosdacomarca.com/post/lal%C3%ADn-reparte-auga-embotellada-entre-a-veci%C3%B1anza-ante-a-turbidez-da-auga-da-tra%C3%ADda
O BNG e o PSOE de Lalín esixen responsabilidades ao goberno de Crespo pola crise da auga:https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-e-o-psoe-de-lal%C3%ADn-esixen-responsabilidades-ao-goberno-de-crespo-pola-crise-da-auga
Falamos coa veciñanza: https://www.facebook.com/reel/1038981779211942









Comentarios