"A presión obriga a Xunta a anunciar unha moratoria de biogás, pero é insuficiente e electoralista"
O Sindicato Labrego Galego considera que "a excepción para plantas “vinculadas a granxas gandeiras, sen límite de capacidade, pode converter a moratoria en papel mollado"
Ecos da Comarca/Xeral
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebran o éxito das mobilizacións veciñais contra as plantas de biometano, que motivaron o anuncio dunha suposta moratoria por parte da Xunta. "Este recoñecemento implícito da problemática que xeran estas instalacións é unha vitoria da veciñanza, que leva meses alertando dos graves impactos que estes proxectos terían nos seus concellos. Con todo, advertimos de que podemos estar ante unha medida electoralista e claramente insuficiente, polo que esiximos maiores compromisos e pedimos ás veciñas e veciños que sigan alerta para parar estes proxectos", sinala o sindicato.
"A moratoria anunciada non é suficiente"
A emenda presentada polo PPdeG no inicio da campaña electoral establece unha “suspensión de tramitación”, non unha “prohibición de presentación”. Recolle que durante a moratoria “poderán presentarse e rexistrarse solicitudes”, o que permite á industria enerxética seguir presentando expedientes ante a administración. "Cando expire a moratoria de dous anos, estas solicitudes acumuladas activaranse masivamente. Para as veciñas e veciños afectados, a ameaza persiste: non é, en ningún caso, un período de tranquilidade", salienta.

A excepción, apunta, pode ser un coladoiro para as grandes empresas. "A disposición adicional sexta bis, artigo 5(a), exclúe da moratoria as instalacións “vinculadas funcionalmente” a granxas gandeiras, pero non define un límite máximo de capacidade. Plantas como a de Moeve en Abadín, que xa está en tramitación e contra a que se mobilizou a plataforma Stop Biogás Abadín, planean procesar 188.000 toneladas anuais de residuos e 175.092 toneladas de subprodutos, a maioría procedentes de fóra do concello, segundo a documentación presentada pola empresa. Se un proxecto dese tamaño pode demostrar “vinculación funcional” con granxas gandeiras locais, a moratoria converterase nun papel mollado. O mesmo risco existe en A Laracha, onde a plataforma Stop Biogás A Laracha loita contra unha macroplanta na parroquia de Soandres, entre outras en tramitación", explica o ente.
Ademais apunta que a data límite de dous anos "é unha trampa". "A emenda establece que a moratoria finaliza automaticamente aos dous anos, mesmo que a nova planificación non estea aprobada. Dado que a avaliación ambiental estratéxica é unha tramitación que adoita ser longa, é moi probable que dentro de dous anos a planificación aínda non estea aprobada. Nese momento, todas as plantas que estaban en tramitación continuarán o seu curso segundo a normativa antiga".
PUBLICIDADE
Regulación clara e paralización inmediata
O sindicato esixe que se regulen con claridade as distancias mínimas a vivendas, edificios e núcleos rurais, así como as condicións imprescindibles que deben cumprir estas instalacións para non xerar os graves impactos na vida da veciñanza que os proxectos solicitados ata agora terían. "Deben establecerse procesos e garantías claras de participación pública e avaliación ambiental. Mentres tanto, debe prohibirse a presentación de calquera nova solicitude e paralizarse calquera tramitación en curso".
"Alertamos dun anuncio electoralista mentres se seguen tramitando expedientes"
Así mesmo, o sindicato salienta que "a moratoria preséntase no inicio da campaña electoral e non nun proxecto de lei específico que permita un debate real e a participación das afectadas. Mentres se anuncia a moratoria, decenas de proxectos seguen en tramitación. A Xunta e o PP xa nos teñen acostumados a falsas moratorias. Así ocorreu coa moratoria eólica anunciada en 2024 —medida que as plataformas veciñais cualificaron entón de “falsa moratoria” porque non detivo os proxectos en curso—, e coa modificación “pola porta de atrás” de decenas de leis a través da lei de acompañamento, convertendo estes cambios en auténticas chapuzas lexislativas. Esta emenda do biogás segue exactamente o mesmo patrón: preséntase no inicio da campaña e non nun proxecto de lei específico que permita un debate real e a participación das afectadas".
"Reafirmámonos na problemática destas plantas"
"As plantas de biometano non só consumen xurros, senón que “branquean” outros residuos perigosos como lodos de depuradora e restos de matadoiro. O seu subproduto, o dixestato, non resolve a falta de superficie agraria útil e moitas veces non tería condicións para servir de fertilizante, co risco de contaminación que iso supón. Ademais, xeran cheiros, impactos na saúde pública, problemas de circulación de camións con residuos e un deterioro da vida cotiá das veciñas e veciños onde se instalan. A verdadeira solución para a xestión de xurros en Galicia é aumentar a superficie agraria útil e apoiar o relevo xeracional nas granxas familiares, non construír macroplantas industriais que importan residuos de fóra e deixan o dixestato no territorio local", recalca o sindicato labrego.
PUBLICIDADE
As peticións concretas do SLG:
Unha moratoria real, que non se levante aos dous anos, senón cando se aprobe un plan que responda ás necesidades do rural galego. Se o plan non está aprobado, a moratoria debe prorrogarse automaticamente.
Límite claro de capacidade na excepción para as instalacións “vinculadas funcionalmente”, para evitar que as macroplantas industriais a utilicen.
Prohibición de presentación de novas solicitudes durante a moratoria.
Regulación clara de distancias a vivendas e núcleos rurais, así como condicións imprescindibles e garantías de participación pública.
Canles reais de diálogo e participación cos concellos, as organizacións sociais e a cidadanía para a elaboración do plan.
"Dende o SLG opoñémonos firmemente a un modelo que utiliza as granxas familiares para branquear os residuos de granxas industriais e outro tipo de residuos industriais. Pedimos ás veciñas e veciños que sigan alerta e mobilizados: só a presión social fará que a Xunta cumpra cunha moratoria real e con garantías para o rural galego", conclúe.
Cabe mencionar nas comarcas a loita das Plataforma Stop Biometano Agolada e posteriormente, Stop Biometano en Deza.









Comentarios