A Xunta declara proxecto estratéxico a mina de Touro
- ecosdacomarca
- 24 jun 2024
- 3 Min. de lectura
A iniciativa contará cun investimento inicial de 195,7M€ a pesar de contar co rexeitamente de boa parte da poboación
Ecos da Comarca/Touro
O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración como proxecto industrial estratéxico do proxecto de explotación Cobre San Rafael, impulsada pola empresa Cobre San Rafael SL nos concellos do Pino e Touro. A iniciativa contará cun investimento inicial de 195,7M€ e a "creación de 394 postos de emprego directo", tal e como sinala a Xunta. Cabe mencionar que en 2020 o goberno galego rexeitou este proxecto cunha declaración de impacto ambiental desfavorable e no ano 2021 certificou que denegaba a súa aprobación. Tres anos despois, e logo de que a empresa presentase unha proposta, a Xunta decide declarado proxecto estratéxico. E hai que recalcar que é un proxecto que conta co rexeitamento de gran parte da poboación.

O proxecto de explotación abarca unha superficie de 812 hectáreas, situadas esencialmente dentro da concesión de explotación San Rafael, outorgada no ano 1958, e a súa demasía, autorizada en 2011. A iniciativa presentada inclúe un proxecto mineiro ao explotar os recursos existentes; de restauración ambiental da zona degradada ao actuar sobre os pasivos ambientais herdados dos antigos períodos de actividade mineira nesa zona, e de desenvolvemento económico grazas á creación e mantemento de postos de traballo de calidade e a posta en marcha dunha serie de actuacións de fomento de sinerxías relacionadas coa acción social.
Publicidade
Así mesmo, o proxecto incorpora a instalación dunha planta solar fotovoltaica para autoconsumo sobre terreos degradados, coa que se evitará a emisión anual de 18.565 toneladas de CO2; unha de tratamento de xurros para a valorización e aproveitamento dos residuos que xeran as explotacións gandeiras dos dous municipios en que se sitúa o proxecto; a reforestación de espazos con especies autóctonas e a posta en marcha dun proxecto piloto denominado E-LIX, baseado na recuperación de metais a partir de concentrados de mineral, coa que se complementará a cadea de valor ao permitir a comercialización de cobre metal 99,999% no canto de concentrado de cobre.
"Cómpre subliñar que o E-LIX se aliña coa Lei de materias primas da UE de investir en investigación e innovación. Os dereitos de concesión vixentes permiten a extracción de áridos, piritas e cobre. Este último mineral foi catalogado pola Unión Europea no ano 2023 como materia prima crítica polo incremento da demanda e as dificultades para aumentar a produción de maneira que, na actualidade, o 82% do cobre co que se traballa en Europa procede doutros países", recalca a Xunta.
Publicidade
Así as cousas, apunta, "a redución das importacións de cobre e o fomento do autoconsumo responsable é outro dos beneficios que incorpora o proxecto atendendo ás directrices europeas actuais, ás que se suma a sustentabilidade, responsabilidade ambiental e impulso industrial que se fomentan desde a Axenda de impulso da minería sustentable 2030".
A declaración como proxecto industrial estratéxico enmárcase na filosofía da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que busca a captación de investimentos. Permitirá a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos-, mantendo as garantías técnicas, xurídicas e ambientais. "A planta cumpre cos requisitos para ser declarada proxecto industrial estratéxico, entre os que se inclúen superar o investimento mínimo de vinte millóns de euros, crear un mínimo de cen postos de traballo directos e complementar cadeas de valor que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e que estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou que se integren no financiamento dos fondos Next Generation, como é o caso", puntualiza o ente autonómico. "Cómpre lembrar que a norma que regula a declaración dos proxectos industriais estratéxicos establece que se outorgarán a aquelas iniciativas que cumpran, cando menos, dous destes tres requisitos; neste caso, cumpre coa totalidade", subliña.
Publicidade
Oito proxectos
A iniciativa súmase ás declaracións como proxecto industrial estratéxico de H2Pole, o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes; á de Sentury Tire para implantar unha fábrica de pneumáticos tamén neste concello da provincia coruñesa; á planta de metanol verde en Mugardos, de Forestal del Atlántico; á de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei; á planta de biofibra reciclada de Ence nas Pontes; á planta de hidróxeno renovable de Naturgy, Repsol e Reganosa en Cerceda, e á factoría de envasado e manipulación de peixe de Stolt Sea Farm en Rianxo.
Estes oito proxectos declarados proxectos industriais estratéxicos suman unha mobilización global de 2.093M€ e máis de 4.000 empregos. Ademais, coa entrada en vigor da Lei 10/2023, de medidas fiscais e administrativas, a Xunta pon en marcha o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, no que se incorporará este proxecto.
NOTICIA RELACIONADA:
Máis de cen colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar, sindicais e de defensa do patrimonio rexeitan o novo proxecto de mina de Touro: https://www.ecosdacomarca.com/post/m%C3%A1is-de-cen-colectivos-veci%C3%B1ais-ecoloxistas-do-mar-sindicais-e-de-defensa-do-patrimonio-rexeitan
Comments