O Gabinete Mirabilia de Pablísimo chega a Arzúa para celebrar os 25 anos da compañía
A cita será este sábado, 24 de outubro
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este sábado, 24 de outubro, a segunda actuación encadrada no programa Sábados en familia incluído na programación cultural Outono a escena pensada para dinamizar as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas, cine e música para todos os públicos.

O certame ofrece este sábado Gabinete Mirabilia, un espectáculo de Os contos de Pablísimo. Está inspirado nos cuartos das marabillas ou gabinetes de curiosidades, armarios ou pequenas estancias onde se coleccionaban obxectos encantados e misteriosos, aparellos científicos, antigüidades, exemplares exóticos e todo tipo de prodixios.
Esta particular colección dará pé a unha serie de relatos e historias a medio camiño entre o real e a fantasía, entre o máxico e o científico, entre o engano e a diversión. Unha peza de narración oral e obxectos co que Pablísimo celebra 25 anos enriba dos escenarios.
PUBLICIDADE
Os contos de Pablísimo é unha compañía especializada en contacontos, teatro de animación á lectura e teatro infantil. Os seus espectáculos de pequeno e mediano formato toman sempre como base a literatura infantil, a tradición oral e o teatro. Fundada no ano 2001, leva producidos máis de 20 espectáculos mesturando neles monigotes, música en vivo, teatro de sombras, vídeo, narración oral, etc.
PUBLICIDADE
A función terá lugar ás 18:00 horas na Capela da Madanela e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade.









Comentarios