Queda aberta a tempada de cocidos
Ecos da Comarca/Xeral
Xa estamos metidos de cheo no inicio da tempada das nabizas, ese momento do ano que a moitos de nosoutros nos fai brillar os ollos. Hai moita xente que as confunde co grelo, pero para iso aínda nos queda esperar un par de meses, que o grelo ten o seu tempo e a súa ciencia. Agora mesmo o que manda na mesa é a nabiza, esa folla tenra e verde que nos anuncia que o tempo está mudando e que o frío empeza a asomar a cabeza.

Todo comezou con aquelas sementes que moitos plantamos alá polo San Ramón. Coas primeiras chuvias de finais de agosto foron nacendo, aínda que teño que dicirvos que a cousa non foi todo o ben que debería. A falta de auga nalgúns momentos tamén nos afectou e a verdade é que foron nacendo por parroquias, unhas mellor que outras, dependendo de como caera a nube. Pero iso si, teño que dicirvos que as que naceron están espectaculares. Son pequenas xoias da nosa terra que valen o seu peso en ouro.
O verán está moi ben, todos disfrutamos do sol e das verbenas, pero o outono e o inverno en Galicia son outra historia, teñen unha maxia que non se explica, vívese. Imaxinade por un momento que nos imos a unha casa tradicional galega, un deses días de moita choiva ou vento fóra. Estamos alí sentados detrás da cociña, e xa non vos digo nada do arrecendo que desprende toda a casa mentres se está facendo a comida. Ese cheiro que te abraza nada máis entrar pola porta e que che quenta a alma antes de probar bocado. Miras pola ventá o mal tempo que fai e ti estás alí, protexido, ao lado da cociña bilbaína, cun prato de nabizas ben quentiño diante de ti.
PUBLICIDADE
Non hai nada no mundo que poida superar esa sensación de paz e de benestar. Moitos din que o mellor cocido de toda Galicia é o de Lalín, e oia, teñen a súa fama ben merecida e respectamos moito o que fan alí, pero deixádeme que eu dubide un pouco. Para min, e seguro que para moitos de vós, o mellor cocido do mundo enteiro é o que se fai en cada unha das vosas casas. Ese que se cociña cos produtos que criastes con moito agarimo e paciencia durante todo o ano.
Un bo anaco de polo da casa, un pedazo de terneira galega das nosas pradeiras, a cachucha que non pode faltar nunca, un bo cacho de costela, ese chisco de unto que lle dá o sabor auténtico e de sempre, e por suposto as patacas da horta e as nabizas ou grelos segundo a época do ano na que esteamos. Cando tes iso diante na mesa, sentas coa familia e empezas a desfrutar de cada bocado, nese momento dásche conta da sorte inmensa que temos de vivir onde vivimos. Se ter este manxar na mesa e esta tranquilidade na casa non é ser ricos, entón eu prefiro ser pobre toda a miña vida. Porque a verdadeira riqueza está nestes pequenos detalles, no sabor da nosa terra e no calor do noso fogar. Se mentres me escoitabas se che fixo a boca auga e xa estás sentindo o sabor desa pataca coa nabiza, xa sabes o que tes que facer.
PUBLICIDADE
Pon a pota ao lume hoxe mesmo, prepara todo con xeito e non te esquezas de convidar a comer a este que vos fala, que eu por un bo prato de comida da nosa terra vou ata onde faga falta sen pensalo dúas veces.









Comentarios