O Concello de Arzúa impulsa “Un máis na familia”, un novo espazo de radio sobre benestar animal
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
É unha iniciativa en colaboración con Radio Arzúa e XEA, Xestión Ética do Abandono Animal, co obxectivo de resolver dúbidas frecuentes sobre o coidado de cans e gatos e fomentar unha tenza responsable
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa, a través da Concellería de Benestar Animal, pon en marcha “Un máis na familia”, un novo espazo radiofónico en colaboración con Radio Arzúa e con Óscar Vilar, xerente e impulsor de XEA, Xestión Ética do Abandono Animal. Trátase dunha iniciativa impulsada polo concelleiro Daniel Moscoso coa que se busca ofrecer á veciñanza información útil e accesible sobre o coidado dos animais de compañía, nomeadamente cans e gatos.

Este novo espazo nace coa vontade de axudar ás familias de Arzúa a resolver dúbidas habituais relacionadas coa educación, os coidados e o benestar dos seus animais, ao tempo que se promove unha maior concienciación arredor da tenza responsable. Entre os temas que se abordarán figuran cuestións básicas de educación animal, recomendacións de coidado, a importancia da adopción fronte á compra ou a revisión de certos hábitos moi estendidos que, aínda que adoitan considerarse beneficiosos, non sempre son os máis axeitados para os animais de compañía.
A creación deste programa responde tamén á realidade que vive o municipio en relación coa aparición frecuente de animais perdidos ou abandonados. Unha situación que, en boa medida, tamén se ve condicionada polo paso de peregrinos e peregrinas, que ás veces provoca a aparición de mascotas extraviadas nos lindes do concello.
PUBLICIDADE

O espazo “Un máis na familia” emitirase todos os martes ás 11:30 horas en Radio Arzúa, cun formato inicial de 10 minutos. A primeira emisión será este martes 7 de abril. Nel, Óscar Vilar achegará a súa experiencia profesional desde unha perspectiva ética e centrada no benestar animal, abordando temáticas diversas que permitan dar resposta ás preocupacións máis comúns de quen convive cun can ou cun gato.
O concelleiro de Benestar Animal, Daniel Moscoso, subliñou que “este novo espazo nace coa intención de estar ao lado da veciñanza, ofrecendo información práctica e rigorosa que poida ser útil no día a día das persoas que conviven con animais”. Ademais, destacou que “falar de benestar animal é tamén falar de responsabilidade, de prevención e de educación, e cremos que a radio local é unha ferramenta moi valiosa para achegar estes contidos á veciñanza”.
Publicidade
Pola súa banda, desde XEA poñen o foco na necesidade de seguir avanzando nunha maior sensibilización social fronte ao abandono e na importancia de facilitar ferramentas que axuden a mellorar a convivencia e o coidado dos animais.
Con esta iniciativa, o Concello de Arzúa reforza o seu compromiso co benestar animal e coa divulgación de contidos que contribúan a unha relación máis consciente, responsable e respectuosa cos animais de compañía.







Comentarios