top of page

Ulloa Viva exixe á Xunta “a denegación” das autorizacións pendentes do proxecto de Altri

A Plataforma “non vai parar ata que o proxecto acabe soterrado” e non desbota novas mobilizacións


Ecos da Comarca/Palas de Rei

A Plataforma Ulloa Viva compareceu hoxe en rolda de prensa en Palas de Rei para valorar o anuncio da Xunta o venres sobre o arquivo do proxecto de Altri e avanzar as liñas de traballo presente e futuro que está levando a cabo a Plataforma, nomeadamente a través do equipo legal. Na rolda de prensa os avogados Pedro Trepat e Xoaquín Monteagudo do gabinete xurídico da Plataforma, deixaron claro que inda que a Consellería de Economía

“preferiu declarar a caducidade do proxecto, a lei non quere que un procedemento quede sen resolver polo fondo”, polo que Ulloa Viva vai seguir pelexando para que a Xunta emita unha “denegación da autorización, que é o que procede ao que ten dereito a cidadanía e incluso a propia empresa promotora”.

Pedro Trepat e Xoaquín Monteagudo explicaron que na macrocelulosa de Altri en Palas de Rei hai dous trámites pendentes, un deles é a petición de Altri da captación de auga no encoro de Portodemouros, no que a Plataforma pediu hai máis dun ano ser parte interesada “e non temos contestación”, polo que os avogados afirmaron que ”seguiremos insistindo porque queremos acceder a ese expediente, tamén ao da Autorización Ambiental Integrada que queda por tramitar”.


A respecto do anuncio do arquivo, explicaron que a causa alegada pola Xunta “é que a empresa non xustifica o acceso á enerxía eléctrica necesaria para o proxecto”, e criticaron que neste caso “tampouco se nos deu información sobre estes trámites”, polo que avanzaron que “procuraremos ter acceso e coñecer ao detalle o anuncio da Consellería e as alegacións da empresa”.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A respecto do anuncio feito pola conselleira de Economía, destacaron Trepat e Monteagudo que “chama a atención a metodoloxía de anunciar o arquivo cun trámite de 3 meses de alegacións e que xa se anticipe que vai a haber arquivo e non denegación”. Sinalaron os avogados que resulta curioso “que a parte política adiante unha resolución antes das alegacións xa chama moito a atención. Forma parte da complicidade que levamos visto entre Xunta e empresa neste tempo”, semellan intereses negociados ou obrigados”.


Explicaron que a DIA positiva concedida pola Xunta ao proxecto “subsiste 6 anos e tamén está aberto o expediente de augas, polo que queda aí unha espada de Damocles derivada do arquivo”. Afirmaron os avogados da Plataforma que o que temos agora é “unha vitoria xurídica pero non da batalla final, polo que imos estudar e ver todas as vías para seguir xurídicamente atacando os restos vixentes para forzar un peche definitivo a esta cuestión”. Insistiron en que o arquivo deixa “unha marxe de incertidume sobre a reactivación do proxecto e a conservación de certos trámites”.


Para Trepat e Monteagudo sen dúbida “procedería a denegación, porque a DIA aprobada, porque segundo os estudos periciais coa colaboración da USC, e o informe do Consello da Cultura Galega parece que esa declaración está fundamentada en procedementos non axeitados e datos inexactos e parciais”. Diante disto, afirmaron que “o que procede é a denegación e o obxectivo é atacar flecos subsistentes para pechalos tamén, e así dificultar calquera posibilidade de reactivar isto dentro duns anos”.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

Soterrar o proxecto

Na rolda de prensa Juan Pedro Sánchez, presidente da Plataforma Ulloa Viva, deixou claro que o arquivo anunciado pola Xunta “non é máis que unha cuestión de trámite, que temos que ver que se execute, pero máis aló do arquivo o que precisamos é que o proxecto se soterre”, afirmou. “Isto non rematou aquí, e nós precisamos pechar todo este proceso de catro anos de loita e moito sufrimento para a poboación”, afirmou Sánchez. Sánchez asegurou en nome de Ulloa Viva que “nós imos cumprir soterrando este proxecto e pedimos ao CEO de Altri que dixo que a empresa non invertía onde a poboación non os quere, que cumpra tamén súa palabra e ao presidente da Xunta que exixa a Altri que cumpra súa palabra”.


Preguntado polo memorando oculto entre Impulsa e Altri, Sánchez asegurou que “para nós é fundamental que ese memorando de entendemento sexa público”, criticou que “todo o proceso estivo no obscurantismo e a conivencia entre a Xunta e as empresas promotoras”, e tamén afirmou que é “fundamental” para a Plataforma que os informes de Icomos, Unesco e o Ministerio de Cultura “que sabemos que existen e aos que non tivemos acceso sexan públicos”. Dixo o presidente de Ulloa Viva a respecto que “sospeitamos que son negativos para o proxecto, é moi grave e isto podería ter un impacto tremendo”.


A voceira de Ulloa Viva Patricia Coucheiro insistiu na “celebración con cautela”, asegurando que “a loita non se detén até que a nivel oficial o proceso estea totalmente soterrado, seguimos alerta e cautos”. Preguntada polas recentes manifestacións da Xunta lembrou que “a nosa voz é nosa, non de ningún partido político, temos unha voz e unha loita propias e esta vitoria que agardamos é froito da loita popular”. Por iso demandou á Xunta que “respecten a nosa voz, a nosa loita e o noso territorio, non necesitamos que nos salven, só que apoien ao sector primario e respecten os desexos claros da poboación deste territorio”.


NOTICIAS RELACIONADAS:


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page