Ulloa Viva celebra “a vitoria da loita popular” contra o proxecto de Altri en Palas de Rei
- ecosdacomarca
- hace 2 horas
- 3 Min. de lectura
A Plataforma analiza “con cautela” o anuncio da Xunta do arquivo do proxecto da macrocelulosa
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva celebraba onte con “ledicia e cautela” o anuncio feito público pola conselleira de Economía e Industria do arquivo do proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Logo de máis de 3 anos de loita veciñal e social, Ulloa Viva agradece o apoio, a contestación de toda a sociedade galega e “a forza do traballo colectivo, a forza de todo un pobo” que finalmente conseguiu “gañarlle ao espolio”. Desde Ulloa Viva celebramos que finalmente se fixo realidade que “ninguén se salva só, só nos salvamos xuntas”.

Desde a Plataforma Ulloa Viva recibiron este anuncio “con alegría, cautela e certa rabia”. A Xunta Directiva da Plataforma reunida esta mesma tarde de urxencia no seu local en Monterroso, asegurou que “xa que o noso fin último é que Altri nunca sexa unha realidade alegrámonos de escoitar estas declaracións". Pero Ulloa Viva mira “con cautela” este anuncio de onte porque “tanto a Xunta como a empresa xa nos mentiron nestes anos en diferentes ocasións” polo que advertiron que o equipo xurídico da Plataforma “seguirá traballando como leva facendo e sen mudar o rumbo”.
Tamén hai “rabia” diante do anuncio feito onte pola conselleira de Economía, que circunscribiu o posible arquivo do proxecto á conexión eléctrica e á subestación "é dicir
motivos para arquivar o proxecto non deberían ser si ten ou non ten unha subestación, este é un proxecto que lle fai mal ás persoas, que enferma o noso medio ambiente é unha industria altamente contaminante que acapara os recursos de todos. É un proxecto malo para Galicia, malo para o futuro e malo para as novas xeracións, eses deberían ser os motivos para que este proxecto se peche”.
Publicidade
A Plataforma Ulloa Viva destaca que “por primeira vez a Xunta fala de arquivar este proxecto, estamos alegres e respiramos algo porque vemos que o traballo feito ten o
seu lado positivo”. Ata que non sexa algo firme “non imos parar”. Lembra a Plataforma que a poboación da Ulloa ata a Ría de Arousa “leva sufrido moito” nestes catro anos “e todo diante dunha Administración como a Xunta de Galicia que non fixo o que tiña que facer desde o primeiro momento, protexer ás persoas”.
Neste senso a Plataforma insta ás conselleiras de Medio Ambiente e Economía e ao presidente da Xunta a “pedir perdón á poboación por ter dito cousas como que era un proxecto eco, bio e sustentable, deberían pedir perdón de maneira clara polo dano psicolóxico causado á poboación”.
Publicidade
Arquivo por imperativo legal
O motivo para arquivar o proxecto da macrocelulosa de Altri que deu a conselleira onte foi que rematou o prazo de tres meses para xustificar a conexión eléctrica. Desde a Plataforma Ulloa Viva “congratulámonos dunha decisión que vén tras anos de loita e manifestacións multitudinarias onde miles de persoas expresamos o noso máis rotundo rexeitamento á construción dunha nova fábrica de celulosa na nosa terra”. Pero aclaramos que o arquivo do expediente que agora anuncia a conselleira “era de obrigado cumprimento por imperativo legal”, feito do que informou Ulloa Viva á Xunta por escrito o pasado mes de decembro, “advertíndolle de que prescribiran os prazos de resolución da Autorización Ambiental Integrada (AAI), razón pola cal o proxecto debía desestimarse”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Tamén cómpre lembrar que excluír o Proxecto Gama da Planificación da Rede eléctrica 2030 “non foi unha decisión discrecional do goberno do Estado, senón que a decisión tivo o amparo legal de que o proxecto non contribuía aos obxectivos de descarbonización, tal e como consta tamén no escrito de alegacións que dende a Ulloa Viva presentamos no proceso de participación pública”.
Diante dos recentes pronunciamentos deste venres desde a Xunta de Galicia e a empresa, a Plataforma Ulloa Viva reafírmase na “cautela” das declaracións de Lorenzana, Rueda e Greenfiber e advirte que “pola nosa banda, como levamos anos facendo, seguiremos loitando até o final, até escoitar como pecha a porta detrás do proxecto da macrocelulosa”.
NOTICIA RELACIONADA:
A Xunta anuncia o arquivo do proxecto de Altri na Ulloa: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-anuncia-o-arquivo-do-proxecto-de-altri-na-ulloa




