top of page

"Taboada pecha pontes e constrúe mentiras", afirma o Partido Popular de Vila de Cruces

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Dende o Partido Popular de Vila de Cruces manifestan o seu "máis absoluto rexeitamento á manipulación constante e ao ton agresivo que emprega o señor Luis Taboada para agochar a súa incapacidade para xestionar con eficacia os asuntos públicos. O que o señor Taboada entende por “administrar con absoluta responsabilidade financeira” é adxudicar, en apenas tres anos de mandato, máis de 170.000 euros a dedo ao conglomerado de empresas do seu asesor de comunicación, que se atopa baixo investigación da Fiscalía noutros concellos galegos. Esa é a súa idea de boa xestión: repartir contratos sen control nin transparencia".

En canto, apunta, "ás súas ameazas de levarnos aos tribunais, queremos deixar claro que non nos preocupa o máis mínimo, xa que contamos con probas suficientes para demostrar as irregularidades do seu goberno. E lembrámoslle que os procedementos xudiciais que afectan ao Concello iniciáronse todos durante o seu mandato, como xa expuxemos en anteriores notas de prensa, nas que demos conta con datos, datas e documentos. A súa única resposta no último pleno extraordinario as súas irregularidades foi o silencio e a evasión, sen dar explicacións convincentes á veciñanza".


Tamén quere desmentir "as falsidades difundidas polo señor Taboada sobre a Ponte da Balsiña. Dito por el, parece que a ponte apareceu da nada, cando a realidade é que a ponte xa existía moito antes do exalcalde da Golada e a intervención realizadas foi melloras ambientais dunha senda na parte do concello veciño, non a construción da infraestrutura. A verdadeira responsabilidade do seu deterioro recae exclusivamente sobre o señor Taboada, xa que foi durante o seu mandato cando a ponte pasou de estar operativa a ser intransitable e perigosa, o que obrigou ao seu peche. Un peche que non foi preventivo, senón consecuencia directa da súa neglixencia e deixadez".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Agora, apuntan os populares, "intentando esquivar a súa responsabilidade, afirma manter conversas con diversos organismos para buscar financiamento, cando a realidade é que a Xunta de Galicia xa lle respondeu o pasado mes que a competencia sobre a ponte é exclusivamente municipal. O señor Taboada limitouse a enviar escritos, coma quen bota unha moeda a unha fonte, esperando que alguén lle resolva o problema que el mesmo creou. Este é o estilo de gobernar do señor Taboada: culpar a outros, esconderse detrás de desculpas e chegar sempre tarde, mentres outros concellos nos adiantan con proxectos reais e ilusionantes. Mentres en Rodeiro, coa axuda do goberno do Partido Popular da Deputación de Pontevedra, xa se anunciou a posta en marcha dun Centro de día; mentres en Silleda e A Estrada se poñen en marcha novos ciclos de Formación Profesional, en Vila de Cruces seguimos perdendo oportunidades. E iso pese a que desde o noso grupo deixamos preparado un proxecto para ampliar a oferta educativa, que o actual goberno nin se molestou en solicitar".


E para rematar, sinala o PP que quere lembrar "que na Ponte de Remesquide, ao contrario do que ocorre coa Balsiña, o paso peonil foi executado durante o mandato do señor Otero sendo Luís Taboada como construtor quen a executou. A diferenza é clara: naquel momento actuouse con feitos, non con escusas. Dende o Partido Popular de Vila de Cruces seguiremos traballando pola defensa dos intereses da veciñanza, denunciando a parálise e as mentiras deste goberno local, e propoñendo solucións reais e viables para un Concello que merece moito máis que titulares por despropósitos".


NOTICIAS RELACIONADAS:





Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page