top of page

O subministro de auga no núcleo urbano de Lalín queda restablecido ao 75%

En canto ao abastecemento na rede do rural, explica o rexedor, que o subministro comezará a recuperarse progresivamente a partir das 15:00 horas de hoxe


Ecos da Comarca/Lalín

O alcalde de Lalín, José Crespo, anunciou a media mañá de hoxe que a empresa concesionaria, Aquadeza, informou na reunión de seguimento mantida a primeira hora de hoxe que ao longo da pasada noite os depósitos que surten o núcleo urbano recuperaron uns niveis aceptables para reactivar o subministro, que quedou restablecido ás 8:00 horas a un 75% da capacidade de presión do sistema.


"Segundo explicaron, pode que nalgunha rúa a auga tarde algo máis en chegar aos fogares por mor das bolsas de aire xeradas nas tubaxes ou por algunha incidencia puntual provocada pola interrupción do servizo e que requira a intervención dos operarios da empresa", recalca o mandatario.

Mentres non se restableza a absoluta normalidade no subministro, o Concello manterá a distribución de auga embotellada na Praza da Igrexa (en menos de media hora quedará activado o punto de reparto, sinalou sobre as 11:30 horas de hoxe).


En canto ao abastecemento na rede do rural, explica o rexedor, que o subministro comezará a restablecerse progresivamente a partir das 15:00 horas e a estimación de Aquadeza é que pola noite estea funcionando plenamente toda a rede de abastecemento.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

"Ata que se consiga recuperar a plena normalidade do servizo, desde o Concello seguimos apelando a un consumo responsable da auga, priorizando os usos humanos", salienta.


Ao mesmo tempo, desde o goberno local adoptaron dúas medidas adicionais:

  • Requerirlle á empresa concesionaria un informe exhaustivo por escrito de todo o acontecido, detallando todas as posibles causas do consumo excesivo, explicando por que non saltaron os sistemas automatizados de alerta e indicando as medidas correctoras que se implementarán para que esta situación non volva producirse.

  •  Solicitar a colaboración de Augas de Galicia para elaborar unha auditoría técnica do sistema de abastecemento coa finalidade de identificar e priorizar as actuacións e intervencións que poidan ser necesarias.

     PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"Por último, quero aclarar que dende o Concello estamos a compartir a información da que dispoñemos conforme ás explicacións que nos trasladan os técnicos municipais e a empresa concesionaria. Persoalmente, comprendo a frustración e a indignación que provoca esta situación e asegúrovos que son o primeiro interesado en que non volva repetirse, polo que chegaremos ata as últimas consecuencias. Pero o que non podemos facer desde o Concello é entrar no terreo das especulacións nin en acusacións sen base nin fundamento. Seguiremos informando", conclúe Crespo.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

NOTICIAS RELACIONADAS:



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page