Forno presenta «LALÍN GO!», un programa de bolsas para que a mocidade aprenda inglés no estranxeiro
A iniciativa propón que un mínimo de 25 estudantes poidan pasar tres semanas en Irlanda ou Reino Unido, combinando clases de inglés, convivencia con familias de acollida e actividades culturais
Ecos da Comarca/Lalín
A candidata á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, presentou onte «LALÍN GO!», un programa municipal de bolsas de inmersión lingüística para que a mocidade lalinense poida aprender inglés no estranxeiro, mediante estadías educativas de tres semanas en países de fala inglesa. A iniciativa, que os socialistas levarán ao vindeiro Pleno a través dunha moción, propón que o Concello financie unha primeira edición en 2027 cun mínimo de 25 prazas, co obxectivo de facilitar o acceso a estas experiencias con independencia da situación económica das familias.
A proposta contempla estadías preferentemente en Irlanda ou Reino Unido, durante as que o alumnado combinaría clases de inglés con actividades educativas e culturais e conviviría con familias de acollida. O obxectivo é que os estudantes melloren as súas competencias lingüísticas, gañen autonomía persoal e teñan a oportunidade de coñecer outras culturas.

Forno explica que se busca que “os rapaces e rapazas de Lalín teñan oportunidades que hoxe moitas familias non poden permitirse como é aprender inglés, viaxar e coñecer mundo”.
Bolsas segundo a renda familiar
Un dos elementos centrais de «LALÍN GO!» é o seu modelo de financiamento. Os socialistas propoñen establecer un sistema de achegas familiares progresivas segundo a renda, de maneira que as familias con maior capacidade económica contribúan en maior medida ao custo da experiencia, mentres que aquelas con menos recursos queden exentas de pagamento.
A selección do alumnado realizaríase mediante unha convocatoria pública e transparente, cun baremo que combine o rendemento académico, especialmente as cualificacións na materia de Lingua Inglesa e a situación socioeconómica das familias.
PUBLICIDADE
O programa estaría dirixido a alumnado empadroado en Lalín e escolarizado en centros sostidos con fondos públicos. A moción propón consultar co profesorado de Inglés dos centros educativos do municipio para determinar o curso de Educación Secundaria máis axeitado para participar na iniciativa.
Para poñer en marcha a primeira edición, o PSdeG-PSOE propón incorporar aos orzamentos municipais de 2027 unha partida específica, tomando como referencia unha dotación inicial estimada de 100.000 euros, que deberá concretarse a partir dos estudos técnicos e económicos necesarios e garantir, en todo caso, un mínimo de 25 prazas.
A iniciativa toma como referencia experiencias municipais xa consolidadas, como o programa de inmersión lingüística que desenvolve o Concello de Vigo desde 2008, e pretende adaptalas á dimensión e ás necesidades de Lalín.
PUBLICIDADE
Forno considera que o Concello debe implicarse máis na creación de oportunidades educativas para a mocidade. “Falamos moito de que os mozos e mozas teñan futuro en Lalín, pero tamén temos que darlles ferramentas para construílo. Mellorar o inglés, gañar independencia e coñecer outras culturas é investir no seu futuro”, afirma.
O obxectivo dos socialistas é que a primeira convocatoria de 2027 sirva como experiencia piloto para consolidar «LALÍN GO!» como unha iniciativa municipal anual, coa posibilidade de ampliar progresivamente o número de bolsas segundo a demanda e a dispoñibilidade orzamentaria.









Comentarios