O ciclo Outubro Teatral continúa este sábado en Cruces coa obra “Ninguén tira fotos nos enterros”
A peza teatral, de Carlota e Compañía, propón unha reflexión colectiva sobre a morte desde a mirada dunha nena que presencia unha voda e un funeral o mesmo día
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello deç Vila de Cruces organiza, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, unha nova sesión do ciclo de teatro Outubro Teatral, enmarcado no circuíto +Escénicas. Despois de estrear o ciclo de teatro a pasada fin de semana, este sábado, 24 de
outubro, a actividade regresa ao Auditorio Xosé Casal ás 20:00 horas, con entrada
de balde. Poderase ver a obra “Ninguén tira fotos nos enterros”, dirixida a un
público de a partir de 11 anos.

PUBLICIDADE
“Ninguén tira fotos nos enterros” conta a historia dun feito sorprendente, unha familia que celebrou, o mesmo día, unha voda e un enterro. Esta autoficción vai recreando as fotografías que unha nena de 11 anos fixo ese mesmo día no funeral da súa avoa e na voda dos seus tíos, incorporando procesos fotográficos en vivo como a cianotipia, a fotografía analóxica e a cámara estenopeica. Con tenrura, humor, participación do público e técnicas de fotografía en vivo proponse unha reflexión colectiva sobre a morte desde a mirada da infancia, nunha representación duns 60 minutos con Carlota Mosquera e Sol Álvarez no reparto.
PUBLICIDADE
A peza, escrita e dirixida por Carlota Mosquera e producida por Carlota e Compañía, foi a proposta premiada no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, e seleccionada para a feira profesional Galicia Escena PRO.









Comentarios