O subministro de auga no núcleo urbano de Lalín queda restablecido ao 75%
- ecosdacomarca

- 20 ago
- 2 min de lectura
En canto ao abastecemento na rede do rural, explica o rexedor, que o subministro comezará a recuperarse progresivamente a partir das 15:00 horas de hoxe
Ecos da Comarca/Lalín
O alcalde de Lalín, José Crespo, anunciou a media mañá de hoxe que a empresa concesionaria, Aquadeza, informou na reunión de seguimento mantida a primeira hora de hoxe que ao longo da pasada noite os depósitos que surten o núcleo urbano recuperaron uns niveis aceptables para reactivar o subministro, que quedou restablecido ás 8:00 horas a un 75% da capacidade de presión do sistema.
"Segundo explicaron, pode que nalgunha rúa a auga tarde algo máis en chegar aos fogares por mor das bolsas de aire xeradas nas tubaxes ou por algunha incidencia puntual provocada pola interrupción do servizo e que requira a intervención dos operarios da empresa", recalca o mandatario.

Mentres non se restableza a absoluta normalidade no subministro, o Concello manterá a distribución de auga embotellada na Praza da Igrexa (en menos de media hora quedará activado o punto de reparto, sinalou sobre as 11:30 horas de hoxe).
En canto ao abastecemento na rede do rural, explica o rexedor, que o subministro comezará a restablecerse progresivamente a partir das 15:00 horas e a estimación de Aquadeza é que pola noite estea funcionando plenamente toda a rede de abastecemento.
PUBLICIDADE
"Ata que se consiga recuperar a plena normalidade do servizo, desde o Concello seguimos apelando a un consumo responsable da auga, priorizando os usos humanos", salienta.
Ao mesmo tempo, desde o goberno local adoptaron dúas medidas adicionais:
Requerirlle á empresa concesionaria un informe exhaustivo por escrito de todo o acontecido, detallando todas as posibles causas do consumo excesivo, explicando por que non saltaron os sistemas automatizados de alerta e indicando as medidas correctoras que se implementarán para que esta situación non volva producirse.
Solicitar a colaboración de Augas de Galicia para elaborar unha auditoría técnica do sistema de abastecemento coa finalidade de identificar e priorizar as actuacións e intervencións que poidan ser necesarias.
PUBLICIDADE
"Por último, quero aclarar que dende o Concello estamos a compartir a información da que dispoñemos conforme ás explicacións que nos trasladan os técnicos municipais e a empresa concesionaria. Persoalmente, comprendo a frustración e a indignación que provoca esta situación e asegúrovos que son o primeiro interesado en que non volva repetirse, polo que chegaremos ata as últimas consecuencias. Pero o que non podemos facer desde o Concello é entrar no terreo das especulacións nin en acusacións sen base nin fundamento. Seguiremos informando", conclúe Crespo.
PUBLICIDADE
NOTICIAS RELACIONADAS:
Lalín activa un plan de emerxencia de abastecemento de agua debido á reducción crítica dos depósitos: https://www.ecosdacomarca.com/post/lal%C3%ADn-activa-un-plan-de-emerxencia-de-abastecemento-de-agua-debido-%C3%A1-reducci%C3%B3n-cr%C3%ADtica-dos-dep%C3%B3sitos
Alba Forno esixe explicacións polos cortes de auga en Lalín e lamenta que as medidas cheguen tarde: https://www.ecosdacomarca.com/post/alba-forno-esixe-explicaci%C3%B3ns-polos-cortes-de-auga-en-lal%C3%ADn-e-lamenta-que-as-medidas-cheguen-tarde









Comentarios