O SLG cuestiona a orde do uso de maquinaria durante a época de perigo alto de incendios
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 5 min de lectura
"Dende o Sindicato Labrego Galego sorprendémonos desta Orde, que non foi comentada no Consello Agrario que se celebrou o venres e, polo tanto, non falada co sector. Supón un novo ataque aos dereitos das persoas labregas", recalca
Ecos da Comarca/Xeral
O pasado venres 26 de xuño celebrábase en Compostela unha xuntanza do Consello Agrario Galego, máximo órgano de interlocución entre a Consellería do Medio Rural e o sector agrario en Galiza. Para o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) este tería que ser o espazo onde a Consellería do Medio Rural debería presentar e debater unha ORDE tan importante para o sector agrario galego como a que vén de publicar no DOG de onte, 29 de xuño: a ORDE do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.
"Unha Orde que supón un novo ataque por parte da Consellería do Medio Rural ás persoas labregas de Galiza, xerando unha normativa perniciosa e de costas ao sector co único fin de lavarse as mans e buscar culpábeis que tapen a súa nefasta xestión agraria e forestal e de prevención dos lumes", sinala o sindicato.

"Unha Orde que pretende facer das labregas unha brigada contra os lumes"
A Orde, apunta, "publicada pola porta de atrás e de costas polo menos a unha parte moi importante do sector, esconde un grave risco para as persoas labregas e criminaliza a actividade agraria, buscando culpábeis no caso de que se xere un incendio forestal ao desenvolver a actividade agraria. Se ben a orde publicada quere escusar dita publicación acolléndose a normas de rango superior como o artigo 15.2d do Real Decreto 715/2025 ou a Lei 43/2003, as medidas esixidas que se veñen de publicar exceden o sentido común e a obrigatoriedade que esixe á Xunta de Galicia estas normas de rango superior".
Na práctica, explica, "supón obrigar ás persoas labregas que realicen a súa actividade en especial nun marco de 400 metros das areas rurais a converterse nunha brigada contra os lumes en especial os días de risco de incendio forestal moi alto ou extremo". “Hai brigadas antiincendios ás que xa lles gustará ter os materiais que nos esixe dende hoxe a Consellería do Medio Rural para desenvolver a nosa actividade”, sinala Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego.
"As obrigadas da nova Orde e a falta de prevención da Consellería"
E que a Orde, engade, 2obriga a ter, durante a época de perigo alto de incendio forestal, cando o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) acade os niveis de moi alto ou extremo, e en especial nos traballos agrarios que se realicen de 12 a 18 horas, a unha persoa vixiando en funcións de auxiliar, cuxa función será a detección temperá de posíbeis conatos de incendios e ademais obriga ás persoas labregas a ter un vehículo cun deposito de 400 litros de auga como mínimo, dous batelumes, un extintor de escuma con base de auga de capacidade mínima de 6 kg e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros. Isto é algo totalmente inasumíbel para as persoas labregas. En primeiro lugar, a nivel de gasto económico non é rendíbel; e en segundo lugar, reiteramos que non ten sentido que as persoas labregas teñan que levar máis utensilios e ferramentas para combater os lumes cando estean realizando a súa actividade que lle corresponde ás propias brigadas da CMR".
PUBLICIDADE
Dende o SLG destacan "que unha normativa neste ámbito era precisa para dar cobertura ás persoas labregas e evitar dentro das posibilidades incendios, pero esta normativa, xunto co argumento da propia Consellería do Medio Rural, é un intento máis de criminalizar ás persoas labregas e tratar de botarlles a culpa aos demais cando a CMR leva anos sen ter unha política básica para previr os incendios". “Non teñen política ningunha porque na CMR hai anos que non hai ninguén ao volante, e agora que xa lle viron as orellas ao lobo no mes de xuño, porque no inverno non fixeron nin lexislaron, queren lexislar para culpabilizarnos a nós. Este é o ataque máis grave que unha conselleira lle fixo ao sector en moitos anos e todo por salvar a súa cadeira. A nosa paciencia xa rematou. Isto é inadmisíbel e pedimos que con carácter inmediato retiren esta Orde, que se sente a falala co sector e se ten algo de vergonza que dimita a conselleira do Medio Rural ou que sexa cesada”, asevera Brais Álvarez.
O que máis molesta ás labregas e aos labregos do SLG e que esta Orde se fixo "de costas ao sector, o que mostra as claras intencións que persegue a conselleira: dotarse de ferramentas que de xeito populista ao estilo TRUMP, HITLER ou MILEI lle axuden a tapar a súa incompetencia botando a culpa a outros, criminalizando a persoas inocentes e linchando publicamente a todo un sector". “Esta Orde supón uns custos que non poden ser asumíbeis polo sector. Entendemos que nesas horas se recomendan que non traballaremos soas, pero non que se lle obrigue ás labregas a levar todos eses medios, para iso que subcontrate ás labregas ao servizo de extinción de incendios, servizo que, por certo, funciona de balde para a CMR todo o ano polo innegábel labor que fan as persoas labregas na prevención de incendios”, recoñece o Secretario de Acción Sindical do SLG. “As persoas labregas non poden estar mirando todos os días o nivel de alerta que hai nos incendios, elas están facendo o seu traballo, que non é pouco: cultivar os alimentos que comemos”.
PUBLICIDADE
"Un Consello Agrario baleiro de contido"
Pola contra, lamenta "mentres a CMR ao estilo máis maquiavélico buscaba como meter esta norma pola porta de atrás, quixo xogar a ter entretidas ás labregas cun falso Consello Agrario celebrado o pasado venres onde nin tan sequera se atreveu a mencionar esta ORDE. É unha falta de respecto terríbel que publiquen esta orde 48 horas despois dun Consello Agrario, unha mostra máis do pouco que lle importa o que pense o sector, e esta claro que non están dispostos a tolerar ningunha voz crítica. Se convocan aínda algunha xuntanza do sector é porque lles estamos obrigando a cumprir a súa propia normativa, pero temos claro que a Consellería do Medio Rural negocia pola porta de atrás cos seus sindicatos verticais como xa facía o fundador do PP Fraga na súa época de ministro na ditadura”.
Dende o SLG, recalca que "non imos permitir que esta Consellería siga tomándolle o pelo ao sector. Chegaremos a onde teñamos que chegar para defender os nosos dereitos como persoas produtoras, ninguén se vai rir de nós nin botarnos as culpas do seu traballo mal feito e esiximos ao conxunto das organizacións agrarias unha resposta contundente ante este agravio e máis cando se fai saltando os principios máis universais dunha democracia. Reiteramos que se non se sentan xa a negociar esta ORDE a conselleira debe dimitir de xeito inmediato”.
NOTICIA RELACIONADA:
Medio Rural regula o uso de maquinaria no período de alto risco de incendio: https://www.ecosdacomarca.com/post/medio-rural-regula-o-uso-de-maquinaria-no-per%C3%ADodo-de-alto-risco-de-incendio








Comentarios