A Xunta mostra en Silleda o 1º helicóptero Black Hawk UH-60L de Europa para a loita contra os lumes
Laura Moure/Silleda
Galicia é a primeira rexión europea en contar cun helicóptero pesado Black Hawk UH-60L para a loita contra os incendios forestais, con capacidade de descarga superior aos 4.300 litros de auga, operado pola empresa Airworks Helicopters. Así o destacou onte a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na base aérea de Silleda, onde supervisou a incorporación deste aparello ao operativo da Xunta, acto no que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; e polos pilotos da aeronave Nicolás Tamame e Abisai Carrascal.

A conselleira salientou a nosa comunidade “volve a ser pioneira na extinción de incendios”, xa que a aeronave é a primeira destas características que actuará en Europa nun dispositivo de extinción e operado por persoal civil. Sinalou ademais que a súa entrada en funcionamento representa un avance moi importante na especialización e na capacidade operativa dos medios aéreos de loita contra o lume na nosa comunidade. “Agora mesmo é o helicóptero máis veloz que hai en toda España e Europa facendo extinción de incendios e está preparado para bombardear grandes cantidades de auga”, explicou Tamame.
PUBLICIDADE
Con este novo helicóptero, subliñou Gómez, refórzase a capacidade de descarga de auga e diversifícanse os medios do dispositivo, co fin de responder ás distintas necesidades que presenta cada incendio. Supón, así, un reforzo ao servizo dos profesionais que traballan sobre o terreo e da protección das persoas e dos montes fronte a ameaza do lume.
Nesta liña, a conselleira lembrou tamén que Galicia conta con 24 medios aéreos propios para a loita contra os incendios forestais e que 4 deles incorporáronse este mesmo ano. Foron dous avións de carga en terra, outro de coordinación e este helicóptero pesado, que o vindeiro ano operará desde a nova base de Lalín. Todos eles, segundo explicou Gómez, son avances que amosan o compromiso do Goberno galego na loita contra o lume, que ten continuidade nos orzamentos para 2027.
PUBLICIDADE
Deste xeito, tal e como indicou a titular de Medio Rural, refórzase o investimento para infraestruturas, con 6 millóns de euros para ampliar e mellorar a rede de bases aéreas. Actuarase no novo aeródromo de Setecoros, en Valga, e tamén nos xa existentes de Beariz, na provincia de Ourense, e de Doade, na de Lugo.
Asemade, destinaranse outros 3 millóns de euros a seguir ampliando o número de bases de unidades operativas (denominadas BUO) distribuídas polo territorio, coa construción dunha nova en Bande (Ourense) e coa mellora da de Areas, en Tui (Pontevedra).









Comentarios