top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O PERKIS

Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre Celso Blanco, “O Perkis”


Antón Branco Vilariño/Lalín


Artigo de opinión

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre Celso Blanco, “O Perkis”

Antón Branco.

O PERKIS


“Esta semana celebrouse, en moitos puntos de Galicia, o san Cristovo, o patrón dos chóferes, unha festa moi celebrada en Lalín. Hoxe, non ten a sona que tiña, pouco a pouco foi quedando en nada. Eu, que descendo do seu gran potenciador, gustaríame recuperar unha figura que, entre as súas luces e as súas sombras, deita sobre Lalín unha forma de entender a vida alegre e paixonal. Non falo dun calquera, falo de Celso Blanco, “O Perkis”.


Persoalmente non creo niso de que a forma de ser e encarar a vida se herden, coma se dominase o lamarckismo neste recuncho do cosmos, mais hoxe vou facer unha excepción. Para entrar nesta historia antes hai que subir máis alá do campo da festa de Lalín de Arriba ata chegar ao lugar que lle dá nome á familia da que provén o protagonista de hoxe: Alfonselle. Tales terras tales nabos, así foi como os Alfonselles herdaron, por vía materna, algo que os define, senón a todos, a case todos: a ambición. Desa casa saíron aventureiros, pequenos, medianos e altos que recolleron iso que viran na casa, a determinación de tirar cara adiante e de mellorar.


Publicidade

Un destes emprendedores do século XX foi Celso, quizais o máis bromista de todos. Conta Teresa da Corredoira ou Teresa “A Huevera” (aquí cadaquén que escolla o alcume) que, de nena “O Perkis” sempre lle facía rir, andaba ás bromas con ela, chegando a poñela en situacións comprometidas no medio das enleadas familiares.


De profesión chófer e de oficio vividor, esta figura doutro tempo encarna coma ninguén o vitalismo que, ás veces, falta nos nosos tempos. É innumerable a cantidade de lendas que puido ter protagonizado ao longo da súa vida, percorren Lalín historias de todo tipo, contos graciosos, anécdotas lascivas e, sobre todo, relatos dun home bo e desprendido que repartía o que tiña sen entender de castes. “Xa non se recordan festas coma as que facía” comentáronme non poucas veces xentes tan dispares na forma como similares no recordo. Un dos fundadores da Banda de Lalín, o gran armadanzas do San Cristovo, gran negociante, alí onde estaba el, había algo que destacar. Pódese extraer do pouso que deixou na sociedade lalinense doutroura a graza que o envolvía.


Publicidade

Estamos afeitos, nesta vila, que mira con demasiada reverencia o selecto, á exaltación de

personaxes virtuosos, académicos ou caudalosos. As nosas rúas, as nosas prazas, os nosos edificios ou os nosos premios levan nomes vinculados a elites ocasionais e, nalgúns casos, atemporais, mais considero que esquecemos o popular, ese caldo no que vive o gozo. Non fago aquí unha falsa distinción entre popular e elitista, non, trato de conxugar o verbo colectivo que se manifesta, en certas ocasións, en persoas concretas. Que sería de nós sen os creadores da alegría. Na cinta transportadora que nos leva ao futuro hai quen deposita galanos maxestuosos, mais para iso a cinta deben andar, eses que a moven son imprescindibles. Que bonito sería agasallar a todas esas persoas, coma o Perkis, cun recordo na memoria popular, un aplauso inmaterial que nos impulsase a vivir, a tirar cara adiante e a ver o mundo, non con resignación ou tristura, senón cun sorriso e con vontade de cambiar cara mellor, sumando ao que queremos a necesidade de desfrutar o camiño".



Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page