Vila de Cruces impulsa a creación de dúas novas Casas do Maior que se situarán no Centro Polivalente
Os novos recursos ofrecerán 10 prazas de atención diúrna gratuíta para persoas maiores de 60 anos
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces dá un novo paso na mellora dos servizos sociais do municipio coa futura posta en marcha de dúas Casas do Maior, que se situarán no Centro
Polivalente de Cruces, inmoble cedido pola administración local. Esta iniciativa permitirá ampliar os recursos de atención ás persoas maiores, ofrecendo un servizo de proximidade que favoreza a súa autonomía, o benestar e a permanencia na súa contorna habitual, sen necesidade de desprazarse a outros municipios.

As dúas Casas do Maior contarán cun total de 10 prazas, cinco por cada casa, e dúas profesionais responsables da atención, unha por centro. A previsión é que os novos servizos poidan entrar en funcionamento ao longo de 2027, unha vez completados os traballos de adecuación do inmoble e os trámites necesarios.
Un investimento para mellorar os coidados no rural
A colaboración do Concello resulta fundamental para facer realidade esta iniciativa, ao facilitar un inmoble municipal no que se habilitarán os espazos necesarios para o funcionamento das dúas casas. O proxecto será desenvolvido por Asorey Sociedade Cooperativa Galega, entidade beneficiaria das axudas autonómicas.
PUBLICIDADE
Atención personalizada e acompañamento
As Casas do Maior son recursos de atención diúrna destinados a persoas maiores de 60 anos sen dependencia recoñecida ou cunha dependencia de grao I. O seu modelo baséase nunha atención próxima, familiar e personalizada, con grupos reducidos que permiten adaptar as actividades e os coidados ás necesidades de cada persoa.
Entre os servizos que ofrecen destacan o acompañamento diario, as actividades de
estimulación cognitiva, a promoción da autonomía persoal, o envellecemento activo
e a convivencia. A atención é gratuíta para as persoas usuarias, agás o servizo de manutención, no caso de que se solicite. O horario habitual é de ata oito horas diarias, de luns a venres, con flexibilidade para adaptarse ás necesidades das persoas asistentes.
Un compromiso coas persoas maiores e co futuro de Vila de Cruces
Ademais de ampliar os servizos sociais, a creación destas dúas Casas do Maior contribuirá á conciliación das familias, á prevención da soidade non desexada e á xeración de emprego vinculado aos coidados.
PUBLICIDADE
Desde o Concello valórase especialmente a oportunidade de aproveitar un inmoble municipal para poñelo ao servizo da veciñanza, favorecendo a colaboración entre a
administración local, a Xunta de Galicia e a economía social.
Con esta iniciativa, Vila de Cruces reforza a súa aposta por un rural vivo, con servizos de proximidade e novas oportunidades, no que as persoas maiores poidan seguir vivindo preto das súas familias, das súas amizades e da súa comunidade. Unha vez que se concrete a apertura das novas Casas do Maior, darase a coñecer a información sobre os requisitos e o procedemento de acceso ás prazas.









Comentarios